Primeiro foi Teo. O pasado martes o seu pleno municipal aprobou senllas mocións de Anova e BNG nas que se esixía do Goberno central "a convocatoria e organización dun plebiscito no que os cidadáns e cidadás poidan decidir, nos próximos meses, sobre a forma de organización política do Estado", segundo o texto presentado por Anova. Teo converteuse no primeiro Concello de toda España en aprobar unha moción neste senso, cos xa refereridos votos favorables de Anova e BNG, a abstención do PSdeG-PSOE e o voto contrario do PP. Nos vindeiros días un número moi elevado de concellos de toda Galicia debaterán mocións semellantes, presentadas -cando menos- por Esquerda Unida e BNG.
A moción que presentará Esquerda Unida insta "ao Goberno de España" a "convocar a celebración dun referendo no que a cidadanía española elixa libremente sobre o modelo de Estado e decida entre monarquía e república". O texto da moción sinala a necesidade de "propiciar un cambio fondo que favoreza a rexeneración política do Estado español" e subliña que o momento elixido para a abdicación do rei Juan Carlos "ten un contexto político e social determinado no que se evidencia, cada vez con maior claridade e forza, que a cidadanía quere participar activamente na toma daquelas decisións que lle afectan", pois "a democracia xa non pode ser unha mera cobertura sen contido, senón que é preciso que se dote de auténtica lexitimidade, permitindo a participación activa de todos os seus membros". A moción lembra igualmente "o importantísimo papel que as institucións municipais teñen xogado neste tema ao longo da historia do estado español".
Pola súa banda, o texto que presentará o BNG insta á Xunta de Galicia a que "demande do Goberno do Estado español o inicio dun proceso constituínte onde as nacións sexan o referente político, para garantir o dereito de autodeterminación dos pobos que conforman o Estado español recoñecendo o noso dereito a decidir". A moción salienta que "a monarquía é un réxime incompatíbel cun sistema democrático", un réxime "que supuxo, no caso español, a continuidade co franquismo" e lembra que "existe nestes momentos unha fonda desafección a unha monarquía inmersa en escándalos de corrupción, con prácticas profundamente antidemocráticas e que deixan en evidencia o seu papel de simples vividores a custa da cidadanía". O BNG subliña que "non lle vale unha simple mudanza de caras que dean continuidade ao réxime unitario e centralista deseñado na Transición e perpetúen a monarquía como símbolo e garante desa unidade" e chama a iniciar "un proceso consitutínte, baseado na soberanía dos pobos, onde Galiza sexa referente político".
A moción de Anova presentada e aprobada en Teo incidía nas mesmas cuestións apuntadas tamén polas mocións de EU e BNG. Reclamaba do Goberno central a convocatoria dun referendo "sobre a forma de organización política do Estado" e "máis concretamente sobre a monarquía parlamentaria consagrada na Constitución de 1978". De xeito que, se esta fose rexeitada, "se inicie un proceso constituínte que regule a forma de organización política e territorial, salvagardando o dereito a decidir das persoas e dos pobos". A moción lembraba que todos os cidadáns que hoxe teñen menos de 57 anos non puideron participar no referendo constitucional de decembro de 1978 (os que daquela tiñan menos de 21 anos), é dicir, que "máis do 69% da poboación hoxe viva non puido votar a Constitución, non puido decidir sobre a forma de Estado que esta consagra", segundo destacaba a moción. Ou, expresado doutro xeito, "3 de cada 4 cidadáns que hoxe teñen menos de 75 anos tiveron que asumir unha forma de organización política do Estado decidida por outros, nun proceso de transición herdado do franquismo e tutelado militarmente".