"6. Dependencia efectiva. Dotar aos dependentes e asistentes de garantías para que reciban o servizo que por Lei lles corresponde nun prazo seguro".
"7. Opcións de conciliación. Responder por completo á demanda de pais e nais por unha praza de gardería e flexibilizar opcións para acadar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar".
"8. Mocidade en primeiro plano. Ampliar as oportunidades para que os mozos poidan vivir, estudar e traballar na súa terra, con políticas de vivenda efectivas, abrindo máis opcións de formación, e facilitando a súa entrada no mercado laboral"
Persoas maiores, persoas mozas e mulleres. Son tres argumentos recorrentes en moitas campañas electorais e tamén o foron do Contrato con Galicia asinado por Alberto Núñez Feijóo antes de concorrer ás eleccións que o situaron na presidencia da Xunta. Con problemáticas e circunstancias propias, adoitan ser situados entre os elos máis febles da cadea social, e Feijóo non foi unha excepción. Por iso ao chegar ao Goberno asegurou que, no caso da dependencia, rematara o tempo da "propaganda" e que, antes do remate do propio 2009, estarían atendidas todas as persoas que o precisasen con máis urxencia. Da man desta promesa chegaba outra aínda máis mediática e dificilmente realizable: cada localidade de máis de 1.500 habitantes tería o seu propio centro de día para os veciños dependentes. O que é o mesmo, tería que ter erguido 257 destes centros en todo o país, unha cifra ben avultada que entra no terreo do fantasioso para as Administracións en tempos de crise económica.
Feijóo prometeu un centro de día para cada concello de máis de 1.500 habitantes, o que equivale a 257 centros
Desbotado o ladrillo como vía para incrementar a atención ás persoas en situación de dependencia, boa parte da batalla do Goberno galego céntrase no financiamento da lei que lle dá soporte ás prestacións, aprobada na primeira lexislatura do gabinete de José Luis Rodríguez Zapatero. "Non se pode dictar leis e dereitos e despois negalos", sinalaba Feijóo en campaña para resumir a necesidade de que Goberno e autonomías financien as prestacións ao 50%. Alén das proclamas políticas, o certo é que o Estado só abona ata 266,57 euros por cada dependente severo -a metade da prestación económica que se lles abona aos familiares coidadores-, pero á Administración autonómica cústalle uns 2.000 euros ao mes manter unha praza de residencia.
Máis de 9.400 persoas seguen a agardar unha resposta sobre a súa situación de dependencia
Con este obstáculo de partida -xa existente no momento da sinatura do Contrato-, unha ollada ás estatísticas oficiais do Ministerio de Servizos Sociais permite coñecer que o pasado 1 de febreiro había rexistradas en Galicia un total de 90.073 solicitudes de axuda á dependencia, das cales 80.640 xa recibiran o correspondente ditame, do cal se deduce que máis de 9.400 persoas seguen a agardar por unha resposta. Segundo a mesma estatística hai 63.092 persoas, cunha enorme predominancia de mulleres, con dereito a seren beneficiarias dunha prestación. Xunto ás cifras oficiais, a oposición socialista ten asegurado nas pasadas semanas que en torno a 40.000 destes beneficiarios recoñecidos seguen a agardar pola súa prestación, xa sexa en forma de axuda económica ou dun servizo asistencial e calculan que as políticas de dependencia perderon uns 3 millóns de euros nestes anos.
Ao tempo, como na sanidade, na dependencia tamén planea a sombra da privatización. Neste sentido, pasou a mans privadas a xestión de diversos centros de día que deixara construídos a antiga Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e o capital público desapareceu da Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso).