"Podemos cabe na candidatura galega, pero querer impoñer a súa marca é colonialismo"

Suso de Toro CC-BY-SA A. Navarro

O escritor Suso de Toro foi un dos promotores da marcha unitaria d'A Nación Galega do pasado 25 de Xullo. Recoñece "medo" ao lanzar o manifesto ante o "boicot absoluto" mediático, pero quedou satisfeito cunha resposta cidadá que agarda que sexa maior aínda co paso dos anos. Aposta por unha lista "galega, unitaria e social" para ás xerais, na que tamén caben as forzas estatais que recoñezan o dereito a decidir de Galicia, e advirte contra as intencións de Podemos de impoñer a súa marca como condición para a confluencia no país. "Iso sería colonialismo, sucursalismo e españolismo", asegura quen cre que "en Galiza hai máis conciencia nacional da que se expresa politicamente". "Se lle facemos unha oferta madura á sociedade, a resposta será maior da que hai hoxe", di convencido. 

A marcha do pasado sábado cumpriu as expectativas?

Estabamos cheos de medo. Este chamado e este grupo promotor naceron desde o máis pequeno e humilde, dun grupo de amigos que foi botando man doutras persoas. Tiñamos medo, máis aínda cando fixemos dúas roldas de prensa e á primeira viñeron algúns medios, axencias de prensa e xornais dixitais, pero non os medios máis poderosos e convencionais. Na segunda xa non acudiu ninguén e aí resultounos evidente que había un boicot absoluto a este propósito. Estabamos preocupados, pero afortunadamente funcionaron a Rede e os medios dixitais. A pesar de todo, foi un éxito. 

"Tiñamos medo porque había un boicot absoluto dos grandes medios ao chamado; a pesar de todo, a manifestación foi un éxito"

Membros promotores aseguraban que xa fora un éxito lograr unha convocatoria tan ampla...

Soubemos que fora un éxito xa antes de que chegase a manifestación cando, logo dun diálogo coa maioría das forzas políticas galegas, comprobamos que había unha boa disposición e xenerosidade, polo menos por parte dalgunhas. Daquela xa estabamos satisfeitos. Pensabamos que se asistía a esta marcha o mesmo número de persoas que manifestantes acudiron ás diferentes convocatorias do ano pasado xa sería un éxito. Afortunadamente, o número incrementouse e houbo máis xente, polo que foi un éxito político. Foi un éxito pola xente, pero tamén polo feito de que as organizacións políticas aceptasen cunha gran xenerosidade ir, literalmente, detrás nosa. Non esquezamos que elas enteráronse pola prensa da consigna que iría en cabeza este ano.

Di que foi un éxito malia o "boicot absoluto" de grandes medios. Xa non son tan influíntes estes medios no ámbito político?

Depende. Nós quixemos chamar á cidadanía galega militante, consciente e activa. Non pensabamos, obviamente, en que viñese a Compostela todo o país, porque para chegar a máis xente precisariamos máis tempo. Ademais, non tiñamos os medios para chegar a toda esa xente. A nosa idea era unha festa nacional, protagonizada pola cidadanía na que estivese desde unha asociación de gaiteiros ata un club gastronómico. Pero para chegar a iso aínda precisamos dos medios convencionais. Agora ben, o que si se demostra o éxito da manifestación é que a Internet hoxe, os medios alternativos, teñen a capacidade de agrupar unha certa masa crítica de xente cun pensamento crítico. A xente que hoxe demanda información combina os medios alternativos cos outros. 

"Dirixímonos aos partidos de ámbito galego e a aqueles que participaran en candidaturas unitarias; pensamos no PSdeG, pero non existe desde hai tempo"

Faltou algún colectivo nesa marcha unitaria?

O campo ao que nos diriximos foron organizacións de ámbito galego, as que configuran a nación galega en si mesmas, e tamén organizacións estatais que participaran en candidaturas unitarias. Foron convidadas para que participasen expresamente. Houbo mesmo a consideración sobre si se lle debía enviar convite tamén ao PSOE, pero baixo a miña consideración, o PSdeG non existe desde hai tempo, malia que houbo un intento con Touriño de facer unha organización con autonomía propia. O límite estaba en organizacións que asumisen o dereito a decidir de Galiza. 

Irá máis aló esta manifestación cidadá unitaria para os 25 de Xullo?

Na nosa idea está que, para o ano que vén, haxa unha marcha da cidadanía cun obxectivo e programa nacional e sen protagonismo dos partidos, aínda que hai que respectar e recoñecer que hai organizacións que precisan visualizarse e expresarse por si mesmas. Construímos partindo do que hai non dun planeta que teñamos que inventar. 

"Non me sorprendeu que Podemos non viñese nin me tería sorprendido que viñsese; ninguén sabe en que vai parar ese experimento político"

Houbo militantes e simpatizantes de Podemos na marcha, pero non houbo líderes nin un chamado a participar nela. Sorprendeulle?

Non me sorprendería nin que viñesen nin que non viñesen. Tamén houbo algún alcalde que dixo que ese día estaría coa súa familia, algo que respectamos, pero cando un representante político expresa iso está expresando tamén unha actitude política. Non me tería sorprendido que viñese Podemos que, ademais, tería sido recibido con gratitude e afabilidade. Gustaríanos chegar a todo o mundo e quen organice o ano que vén algo así, oxalá o faga conseguindo maior unidade e concorrencia que este ano, pero de Podemos podemos esperar calquera cousa porque ninguén sabe en que vai parar ese experimento político. Uns din que é unha cousa e outros que é a contraria. 

As organizacións políticas que acudiron coincidiron en falar de "primeiro paso", "cambio histórico" ou "chanzo" de cara á confluencia para as xerais. Cre que se sentaron as bases para unha candidatura unitaria?

O manifesto e o chamado partiron dunha interpretación, da impresión de que non estabamos sós, de que o que nós demandabamos non era algo arbitrario ou caprichoso, senón algo estendido. Pensamos que neste proceso de recentralización ideolóxica en España non pode ser que veña aquí un profesor de Madrid e se lle faga máis caso que a un catedrático dunha universidade galega con máis capacidade. Vimos que había un proceso no ámbito da esquerda de papanatismo e provincianismo abraiante e, nese proceso de recentralización madrileñista, Galiza desaparecía como espazo propio, a diferenza do que ocorre en Cataluña ou no País Vasco. Aquí todo se trataba de facer unha sucursal de Madrid e iso viámolo como preocupante. Así foi como decidimos facer algo, desde un grupo de amigos. O que nos preocupaba era a desaparición de Galiza politicamente. Empezamos cun Facebook por unha candidatura unitaria, pero logo pensamos que o primeiro paso debía ser un 25 de Xullo unitario. Volvemos atrás e con máis modestia. Se conseguiamos esa unidade, xa conseguiamos algo. Foi daquela cando botamos man de amigos, tamén cos que tiñamos relacións da época de Nunca Máis. 

"Era preocupante o proceso de papanatismo e provincianismo abraiante na esquerda no que Galiza desaparecía como espazo propio" 

E xurdiu a idea da marcha unitaria...

Empezamos moi rápido e volvemos atrás, a conseguir un 25 de Xullo cidadán e unitario. A idea era que as forzas políticas convocasen a cidadanía a unha manifestación conxunta, pero chegou un momento que no diálogo con elas houbo quen nos fixo ver que deberiamos ser nós os que convocásemos. Iso obrigounos a algo que non tiñamos previsto e demos un salto para transformarnos nunha comisión promotora, pero non tiñamos medios económicos nin humanos. Foi aí cando botamos man de amigos como Pepe Barro para o deseño, de Internet, das redes sociais... Fomos madurando o equipo, pero este equipo xa chegou ao final. Para o ano que vén isto debería madurar e avanzar máis, pero eu xa vou maior e canso. Este mes foi moi intenso. 

"En Galiza hai máis conciencia nacional da que se expresa politicamente; se lle facemos unha oferta madura á sociedade, a resposta será maior da que hai hoxe"

Antes desa nova manifestación unitaria poden pasar moitas cousas. As eleccións xerais están perto e a candidatura unitaria debería cocerse nas vindeiras semanas. 

Todo dependerá do que ocorra a partir de agora. Nós acabamos de deixar a bóla para tirar a meta. Acabamos de darlles o pase e agora alguén terá que meter o gol, e estes son os partidos. Nós partiamos do convencemento de que na sociedade galega hai máis conciencia de sermos un país, máis conciencia nacional do que hoxe se expresa politicamente. A sociedade está máis madura, tanto no sentimento como na conciencia, do que hoxe dan expresado os partidos políticos tal e como está o sistema político galego. Se se lle fai unha oferta madura á nosa sociedade, vai haber unha resposta moito maior da que hai hoxe. Esa é a idea da que partiamos e tamén da de que, subsumidos no sistema ideolóxico, económico e político español, Galicia non pode ser catro provincias á que vén calquera chulito de Madrid a dicirnos o que temos que facer. Iso eu non o vou aceptar nunca. Teño tido discusións con ministros sobre ese tema. E non o tolerarei nunca, o colonialismo non o aceptarei nunca. 

"Podemos cabe nesa confluencia galega e temos que procurar que as forzas estatais se unan, pero a candidatura debe ser soberana" 

Cabe Podemos nesa candidatura de confluencia galega?

Naturalmente que si. A nosa proposta coincide co que expresou publicamente e de maneira formal o BNG hai tempo e co que está a dicir Anova todos os días ou Compromiso por Galicia. Trátase de formar unha candidatura unitaria e cun programa, naturalmente, de contido social porque aquí nunca poderá ser unha candidatura de dereitas, senón crítica. E esa candidatura debe ser soberana. As forzas con estrutura estatal, con dependencia de dirección madrileña, que acepten partillala serán benvidas. Non só benvidas, senón que temos que procurar que se unan. A miña preocupación é que para crear ese lugar de encontro hai que ser moi críticos con todo o que se ten andado. Eu asumo os erros da esquerda e do galeguismo en Galiza como meus. Até o de agora equivocámonos. O camiño de procurar a aniquilación do que é distinto ideolóxica ou politicamente é un erro. Ten que haber un diálogo. Loxicamente, haberá un momento no que unha postura será hexemónica sobre outra, convencerá e conseguirá ser aceptada, pero baseándose no diálogo. 

Pero a dirección de Podemos -co aval das súas bases- só acepta alianzas ou confluencia de manterse a súa marca...

Iso é colonialismo, españolismo e sucursalismo. O que fai iso é reforzar as estruturas do Estado que nos condenan a manternos como estamos. Despois das caixas de aforro, da enerxía, de toda a riqueza... Vannos chuchar todo. Trátase sun problema de relacións de poder. España podería ser un Estado distinto se se reformulase, pero España é o que é e non vai cambiar se non é obrigada. Só se temos poder político soberano poderemos pactar, pero o que non pode ser é que sigan decidindo desde Madrid, aínda que sexan agora outros rapaces máis novos e máis ye-yés. E que decidan sobre nós do mesmo xeito. Iso é insoportable. 

"Que Podemos impoña a súa marca supón colonialismo e sucursalismo; Madrid non pode seguir decidindo por Galiza aínda que o fagan agora rapaces máis novos e 'ye-yés"

Adóitase falar de Nunca Máis como modelo, salvando as distancias, para esa unidade.

Aquilo foi unha aprendizaxe sobre as posibilidades da nosa sociedade e de cada un de nós. Aquilo demostrounos que Galiza é unha sociedade que ten máis capacidades das que se expresan politicamente. Aí hai un fallo da política e aquilo demostrouno con claridade. Demostrámoslle ao mundo a capacidade creativa e organizativa e a dignidade. Por iso eu non soporto que me veñan agora a tratarme como un provinciano. É insoportable. Eu son cidadán dunha nación de xente moi espabilada. Outra cousa é que a torpeza, os ideoloxismos ou a incapacidade de non facer análise e revisar as cousas nos impida crear unha masa crítica nacional galega. E iso é o que temos que crear: unha masa crítica nacional galega cun programa social. E desde aí seremos o que temos que ser: cidadáns do mundo desde a nosa nación, claro. 

Persoas promotoras do 25 de xullo cidadán CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.