Podemos pon a Marea Atlántica como modelo e pide "cautela" na confluencia

Acto da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

Podemos-Galicia e a Marea Atlántica reuníronse este mércores dentro da "rolda de contactos" que a plataforma cidadá mantén "coas diversas organizacións e forzas políticas que poidan participar en posibles procesos de confluencia a nivel galego". Tanto a plataforma cidadá como a formación política coincidiron en destacar a "forte" ou "boa sintonía" e, segundo destaca a formación gobernante na Coruña, coincidiron tamén "en que o momento esixe actuar con responsabilidade e xenerosidade para facer posible que se materialice un proceso amplo de confluencia".

A Marea asegura que ambas formacións coinciden na necesidade de actuar "con responsabilidade e xenerosidade" de cara á confluencia

"A Marea Atlántica pon a súa experiencia acumulada ao servizo das iniciativas en marcha, e anima as forzas políticas a continuar traballando por ese espazo común no que todas nos sintamos integradas", di a plataforma, mentres Podemos asegura que ambas as dúas partes coinciden na análise do "percorrido político de confluencia de base cidadá necesario no escenario presente, entendéndoo tamén, como resposta a unha demanda crecente na sociedade galega".

Malia que nada se di da marca -que é o principal atranco que agora separa a Podemos do resto de actores que pretenden conformar a candidatura unitaria galega-, Podemos-Galicia asegura nun comunicado que "o desafío colectivo fundamental pasa por traballar por construír un ecosistema de confluencia que interpele e dea cabida aos actores sociais e políticos que conformaron a confluencia que iniciou o cambio no noso País o 24M".

De feito, Podemos pon como exemplo o método e o tipo de candidatura de confluencia levada a cabo pola Marea Atlántica, onde ningunha forza política liderou a plataforma e onde as formacións políticos se diluíron no espazo a través da adscrición individual dos seus militantes. As dúas forzas din ter o "total compromiso en traballar neste sentido e coincidencia en que a clave é o artellamento dunha candidatura que poida reproducir as dinámicas e filosofía (tan ben representadas pola Marea Atlántica) que se mostraron necesarias, e sobre todo, válidas, para construír as maioría sociais de cambio o 24M".

"Dado que é moito o que está en xogo neste crucial momento político, a cautela debe ser unha guía irrenunciable", din

Tamén coinciden ambas as dúas forzas políticas na "constatación do ánimo de cambio que se percibe ante os diversos movementos e chamamentos existentes ao longo do país", pero advirten de que "é precisa unha necesaria perspectiva estratéxica e percorrido político nos pasos a dar". "Dado que é moito o que está en xogo neste crucial momento político, a cautela debe ser unha guía irrenunciable", insisten. 

Podemos e a Marea rematan amosando o seu "compromiso expreso e ineludible en traballar conxuntamente, e con outros actores, co obxectivo de canalizar este crucial momento histórico e avanzar na conformación dun espazo político e electoral baseado na ruptura democrática e na interpelación das maiorías sociais que obedeza á transversalidade dunha sociedade galega que quere poder votar por unha maioría para o cambio en citas electorais futuras".

Yolanda Díaz amósase "optimista" de cara a unha posible alianza con Podemos e Anova

Por outra banda, a coordinadora de Esquerda Unida (EU), Yolanda Díaz, amosouse "optimista" sobre os contactos da súa formación e outras como Anova ou Podemos para "derrotar o PP" a través dunha posible alianza de cara ás xerais. "Estamos niso", asegurou sobre os contactos que se están a dar "paseniñamente". 

Malia que Podemos puxo sempre como condición que a súa marca fose a predominante nunha posible candidatura de confluencia, os continuos chamados de forzas políticas e movementos cidadáns e sociais para formar unha lista única galega en igualdade de condicións e sen dependencia externa parece virar a estratexia, sobre todo no que ten que ver ás bases da formación en Galicia. 

Ademais, Mónica Oltra, dirixente de Compromís, formación valenciá coa que Podemos asegura estar negociando unha candidatura de confluencia, asegura nunha entrevista en El País que a formación de Pablo Iglesias "debe integrarse nuha plataforma social ampla" de cara ás eleccións xerais. 

Acto da Marea Atlántica na Coruña © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.