Podemos teima na súa marca e afástase dunha candidatura unitaria en Galicia

Acto de Podemos en Galicia © Podemos A Coruña

Podemos teima en antepoñer a súa marca en caso de posibles alianzas de cara ás eleccións xerais de decembro e afástase así da candidatura unitaria galega pola que pulan diversos colectivos, plataformas e forzas políticas. Deixárono claro este xoves a súa secretaria de coordinación en Galicia, Ángela Rodríguez, e o seu secretario xeral no país, Breogán Riobóo que lembran que o referendo no que a militancia aceptou a proposta da dirección "é un mandato". 

A secretario de coordinadción en Galicia asegura que "só é posible concorrer co nome de Podemos e despois cun espazo máis amplo"

"Só é posible concorrer co nome de Podemos e despois cun espazo máis amplo. Nós somos xa unha fronte de unidade popular en xeral, pero queremos falar cos actores políticos e sociais coa man tendida. Temos altura de miras suficiente para aglutinar unha maioría social", indicou Rodríguez nunhas palabras que semellan descartar a inclusión da formación nunha Marea Galega. Na mesma liña se amosou Riobóo, que volveu recordar o "mandato" do "referendado hai menos de dúas semanas" e que "dá a posibilidade de concorrer" aos comicios nun espazo "máis amplo" pero, "obviamente, sempre co nome de Podemos"

As bases de Podemos avalaron en referendo a estratexia de Pablo Iglesias de pactar só alianzas que leven o seu nome na candidatura, ao xeito de Podemos-X, como explicara a cúpula da formación. Nunha consulta con moi pouco participación -menos do 12%-, os militantes apostaron polo plan da dirección que ademais limita os acordos ao País Valencià, Catalunya ou Galicia. A postura dificulta en moito a participación do partido nunha posible confluencia galega, tendo en conta que as forzas políticas, movementos cidadáns e mesmo plataformas municipalistas deixaron claro xa que esta unidade debe facerse "en pé de igualdade". 

Así o asegurou a Marea Atlántica, que aposta por unha "confluencia real" en Galicia "baseada no protagonismo da xente, que vaia máis alá dos nomes e das siglas, na que ningunha forza teña un papel predominante sobre outra e á que todas as persoas poidamos considerar como propia". Tamén o din así BNG ou CxG, que apostan por unha "candidatura de país, galega, ampla e plural, construída aquí e sen dependencias externas" e Xosé Manuel Beiras, voceiro de Anova, que ten manifestado varias veces que ningunha forza debe ser "o galo do poleiro" nunha posible confluencia pola que aposta EU, que compartiu apoio a mareas cidadás con Podemos. De IU, non obstante, a formación de Pablo Iglesias di non querer saber nada.

A Marea Atlántica, BNG, CxG, Anova ou EU xa manifestaron a súa aposta por unha candidatura "na que ningunha forza teña papel predominante"

Anova, no comunicado emitido tras a súa xuntanza con Podemos para explorar posibles colaboracións, asegurou que tanto unha como outra formación coinciden en que unha hipotética candidatura unitaria "debe dar lugar a un espazo parlamentario propio que teña a Galiza como o seu espazo de representación", un grupo  Nada se dixo sobre a marca, que o partido de Pablo Iglesias sitúa como conditio sine qua non, malia que esa teima non é aceptada por ningún dos axentes que pula pola unidade política do nacionalismo e da esquerda transformadora para as xerais. 

Os promotores do 25X unitario ou o manifesto 'Pola unión' avogan por unha lista unitaria "sen ningún de tipo de dependencia nin obedencia allea"

Tampouco por parte dos diferentes colectivos, manifestos e representantes da sociedade civil que se están a implicar na consecución desa candidatura unitaria. A Comisión Cidadá pola Unidade do 25 de Xullo, o grupo promotor que impulsou a exitosa mobilización unitaria do 25X, vén de facer un chamado para unha xuntanza de todas as sensibilidades que pulan pola confluencia e márcase como obxectivo un "movemento cívico" que "non debe ter ningún tipo de depedencia nin obediencia alleas aos intereses da Nación Galega". O manifesto Pola unión, que asinaron Vítor Vaqueiro, Uxía, Álvarez Cáccamo ou Miguel Anxo Murado, tamén aposta por unha candidatura unitaria "sen inxerencias alleas". 

Breogán Riobóo CC-BY-SA Claro que Podemos Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.