PSdeG e BNG esixen que Feijóo aclare se será "colaboracionista" cos novos recortes de Rajoy

Hoxe quedou claro que non veremos moitas veces xuntos a Rajoy e Feijóo na campaña © PP

E en Galicia, que? É á pregunta á que os grupos da oposición parlamentaria galega lle queren dar resposta ante o temporal de recortes que chove dende Madrid. PSdeG e BNG queren saber como van afectar aos Orzamentos galegos tanto a tesoirada de 10.000 millóns en educación e sanidade como as que están por vir, as mesmas que o Goberno central lle ten que comunicar á Unión Europea antes de fin de mes. A socialistas e nacionalistas non lles abonda que "o que non fai non Parlamento o faga ás veces nos medios de comunicación", di Abel Losada dende o PSdeG. Cómpre aclarar ata que punto as contas que rexerán a Administración galega en 2012 son "política ficción", engade a voceira do Bloque, Ana Pontón. Ambos falan dende o convencemento de que, dando por boas as afirmacións gobernamentais de que a Xunta "está moito mellor" que outras autonomías, Galicia non precisa novos recortes para cumprir coas moi esixentes normas comunitarias e estatais de control do déficit público, do 5,3% no caso español.

O socialista Abel Losada non lle abondan as explicacións a través da prensa aínda que algunhas, como a entrevista concedida o pasado domingo polo presidente da Xunta a El País constitúan "toda unha declaración de intencións da súa orientación ideolóxica". Galicia leva tres anos "sendo o ensaio clínico" do PP tras o cal vén a "terapia de choque inducida polo Goberno central", polo que na súa opinión é imprescindible coñecer en sede parlamentaria se Alberto Núñez Feijóo continuará co seu "colaboracionismo", indo máis alá dos 71 millóns de euros que, segundo os datos do Ministerio de Facenda, a Xunta ten que deixar de gastar para non pasarse dos límites de déficit. "O impacto dos recortes" no caso galego "é moito maior do que xustifican os datos macroeconómicos", explica, xa que, por exemplo, mentres o PIB caeu un 0,3% en 2011 o investimento sanitario fíxoo un 4,49% e o educativo, un 6,9%. Ese "colaboracionismo" e "obedecer cegamente esa clara deriva ideolóxica" non é, en todo caso, "máis ca un medio", di o socialista. "O fin son as contas de resultados de determinadas empresas".

PSdeG e BNG terán que conformarse coas preguntas da sesión de control do mércores para obter explicacións

Pero Feijóo xa rexeitou a petición de comparecencia tramitada polo PSdeG -único dos grupos da oposición con deputados dabondo para solicitala-, polo que os socialistas se terán que conformar cos escasos minutos da pregunta parlamentaria de Pachi Vázquez ao presidente, o próximo mércores. Sobre os recortes cuestionará tamén Ana Pontón a Feijóo, quen parte da base de que os actuais Orzamentos da Xunta son "unha quimera", porque "as previsións do cadro macroeconómico son absolutamente irreais". A Xunta, di a voceira do BNG, "non ten por que aplicar novos recortes", non só porque teña un saneamento financeiro mellor que outras autonomías, senón tamén porque é "mentira que os servizos públicos non teñan viabilidade". Proba de que a Xunta aínda ten marxe de manobra é, por exemplo, que está a incorrer en "escandalosos" datos de execución orzamentaria. Por exemplo, en 2011, Economía e Industria non executou "o 60%" dos seus fondos en 2011, "máis de 167 millóns".

Rajoy, a render contas na UE antes de fin de mes

Pontón amosaba así o rexeitamento do BNG a uns recortes que son ademais, ao seu xuízo, "unha estafa" tamén "para os cidadáns que apoiaron o PP" nas eleccións, xa que Mariano Rajoy "prometeu o o contrario" do que está a facer. "Sería moito máis valente" tocar o gasto militar ou suprimir as deputacións, afirma a nacionalista, quen tamén lembra a reclamación "dunha reforma fiscal xusta" ou dunha "loita real contra a fraude fiscal". Con todo, semella que nada disto estará presente nos plans que Rajoy terá que enviarlle á Comisión Europea antes de que remate abril. Trátase de dous documentos de enorme relevancia para coñecer por onde traballará a tesoira de aquí a 2013: o Programa de Estabilidade, isto é, como logrará cumprir cos obxectivos de déficit dende o punto de vista da fiscalidade, e o Programa Nacional de Reformas, no que deben concretarse as modificacións estruturais para rebaixar gasto público e, como non, acougar os mercados financeiros.

Rajoy ten que remitirlle á UE en poucos días o Plan de Estabilidade e o Plan de Reformas, con todos os recortes de 2012

Mostra da importancia desta documentación é o último exemplar do plan de reformas que redactou o goberno de Zapatero e no que, por exemplo, se lles vendían ás autoridades europeas as bondades da reforma laboral de 2010. Desta volta, Rajoy promocionará o seu recorte sanitario e educativo, a súa propia reforma laboral, o reordenamento do sistema financeiro, a suba do IRPF ou a extrema disciplina imposta ás autonomías. A Comisión valorará en maio a información recibida, emitirá recomendacións e estas terán que ser votadas polo Consello Europeo -órgano que xunta os gobernos dos Estados membros-. Aí irán tamén as reformas que o líder dos conservadores asegurou ter pensado aplicar de aquí a xuño e resta saber se, por exemplo, incluirá unha suba do IVE, a mesma que o PP negou ata a saciedade que aplicaría.

Pero, que acontecerá en Galicia? A Xunta opta polo mutismo e o partido que a sustenta non vai moito máis alá. "Galicia, afortunadamente, está moi preto de conseguir os obxectivos de déficit", di o voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, quen xustifica que o Executivo de Feijóo non terá que aplicar os novos recortes "coa amplitude doutras comunidades autónomas". "Comprendo que a oposición queira vender recortes", pero cómpre "unha análise seria", recomenda. O gabinete de Rajoy está a aplicar medidas "profundamente autonomistas", mantén, e por iso a Xunta poderá "adaptalas en función das súas necesidades de reducir gasto", que non son moitas, di. Mostra disto, conclúe, é que "todas as comunidades de réxime común -todas menos Euskadi e Navarra- están no plan de saneamento para pagar a provedores", todas "agás Galicia".

Hoxe quedou claro que non veremos moitas veces xuntos a Rajoy e Feijóo na campaña © PP
Abel Losada e Ana Pontón CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.