Máis imposto sobre a renda das persoas con economías mellor saneadas no canto de taxas sobre os medicamentos das persoas xubiladas. É a alternativa que PSdeG e BNG lle puxeron este xoves sobre a mesa ao presidente da Xunta tras o medicamentazo anunciado vinte e catro horas antes pola ministra de Sanidade e apoiado polas autonomías do PP no Consello Interterritorial de Saúde. Despois de varios meses reclamando, sen éxito, que a Xunta frease os recortes pola vía dunha reforma fiscal no ámbito das súas competencias, socialistas e nacionalistas sacan a calculadora para concluír que incrementando un chisco a presión fiscal "aos ricos" se evitaría a reforma do copagamento farmacéutico.
Nomeadamente, o secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, sinala que, dando por boas as cifras oficiais, o Sergas precisa 60 millóns de euros para "financiarse" correctamente. Esa cantidade, di, poderíase conseguir incrementando o treito autonómico do IRPF e creando novas figuras impositivas sobre, por exemplo, as grandes áreas comerciais ou en materia medioambiental. Do mesmo xeito o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, reclama unha reforma fiscal semellante pero ademais chama a inverter as prioridades, tamén no Goberno central. O gasto farmacéutico do Estado, di, é de 11.000 millóns de euros mentres que os Orzamentos "contemplan 28.000 millóns para o pagamento dos intereses abusivos da débeda". "Rajoy opta por saquear o pobo para satisfacer os especuladores", censura.
Socialistas e nacionalistas ofrécense para chegar a pactos coa Xunta sempre e cando non aplique o recorte
Neste contexto, dende as dúas forzas da oposición parlamentaria amósase disposición a pactar "alternativas" sempre e cando estas impliquen desbotar o novo copagamento. "Os pensionistas e os enfermos non teñen por que pagar a crise", di Pachi Vázquez, cunhas medidas que en Galicia se revelan como "dobremente inxustas" por ter o país as pensións de xubilación máis baixas do Estado, unha situación que se agrava no interior, onde "as pensións roldan o limiar da pobreza e deste xeito entran definitivamente" nel. Dende o BNG, a súa voceira en materia sanitaria, Ana Luisa Bouza, tamén garante que os nacionalistas están "dispostos a negociar co Goberno espazos de racionalización", pero non medidas para "facer reacer nos doentes o peso da mala xestión". "Hai espazos de mellora da racionalización do gasto farmacéutico" como a extensión a todo o Estado do catálogo galego de medicamentos "como prometeu o PP", explica que poden evitar aumentar o copagamento.
Chamada "á mobilización social"
O BNG iniciará unha campaña de rexeitamento ao novo copagamento e a CIG comparte a necesidade de mobilizacións
Neste contexto, o BNG ve "a pelota no tellado" do presidente da Xunta. Del depende aplicar ou non a medida, di Ana Luisa Bouza, que é tanto como decidir se os xubilados galegos "teñen ou non que pagar un problema que non se xerou aquí nin xeraron eles". "Teñen competencias para facelo", lembra. Do contrario, a Xunta está a dar por bo un "imposto á enfermidade" que, en opinión do Bloque, debe ser respostado tamén pola vía da "mobilización social". "A cidadanía non pode ficar de brazos cruzados ante este novo recorte", di a parlamentaria, ao tempo que anuncia a posta en marcha dunha campaña propia da formación frontista e do apoio ás plataformas de defensa da sanidade pública.
Esa necesidade de mobilizacións é observada tamén dende a CIG Saúde, cuxa Executiva comparecía en pleno este mércores para rexeitar o acordo do Consello Interterritorial. Os recortes, di a súa secretaria nacional, María Xosé Abuín, "non son en absoluto progresivos porque inciden sobre as persoas con menos recursos" nun contexto no que, ademais, as mulleres se verán "máis afectadas", dado que as pensións en Galicia son as máis baixas do Estado e as viúvas "perciben só un 52%" da prestación media, situada en pouco máis de 700 euros. Tamén o sindicato Comisións Obreiras amosaba dende a súa Federación de Sanidade o rexeitamento do medicamentazo. Trátase, di a súa secretaria xeral, Lola González, dunha medida "inxusta" que ademais requerirá un importante investimento na área informática para acceder á información fiscal de cada persoa. Do mesmo xeito, González lembra que o PP negou durante a campaña electoral que fose partidario do copagamento, polo que se pregunta "que será o seguinte, cobrar por asistencia a consulta ou polos servizos de hostalaría nos centros?".