O presidente da Xunta anunciaba este mércores a supresión, "de forma temporal", do denominado plus de altos cargos, o complemento salarial que perciben os funcionarios que ocuparon un posto directivo no Goberno galego se así o solicitan. Pero a fin deste sobresoldo, aprobado en 2007 por PP, PSdeG e BNG e cuxa fin apoiarán agora os tres grupos, non suporá a fin dos soldos especialmente elevados no seo da Administración autonómica. Non en van, cando menos tres altos cargos da Xunta seguen tendo, independentemente da existencia ou non do plus, un salario superior ao do propio presidente, Alberto Núñez Feijóo.
Na actualidade esta circunstancia está avalada pola lei de organización e funcionamento da Administración Xeral e o sector público autonómico (Lofaxga), a norma que regula desde 2011 o funcionamento do Goberno galego e todos os órganos dependentes del. No trámite parlamentario da norma a oposición socialista e nacionalista reclamou a fixación do salario do titular do Executivo, neste caso Feijóo, como límite das remuneracións da Xunta. Pero só lograron unha limitación moi xenérica e cunha ampla marxe para as excepcións. Nomeadamente, a Lofaxga establece que haberá altos cargos que poidan cobrar máis ca o presidente “por razóns vinculadas á especial cualificación profesional”.
Para xustificar o seu rexeitamento, os conservadores reprocháronlle á PSdeG e BNG que non establecesen esta limitación mentres estiveron no Goberno, permitindo así, por exemplo, que o alto cargo mellor pagado da Xunta non sexa Feijóo, senón -cando menos segundo os datos que son públicos- o secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que percibe 93.009 euros ao ano.
O avultado salario anual de Camba é o resultado de sumar aos 59.800 euros do seu salario o chamado “complemento persoal”, derivado dun precepto das sucesivas Leis de Orzamentos que impide que os funcionarios perdan poder adquisitivo por accederen a un alto cargo. Non obstante, este complemento non é necesario para que outros dous directivos máis estean mellor pagados que Feijóo. Para atopalos, cómpre ollar ás tablas de remuneracións da Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).
Dirixir a empresa pública encargada de xestionar os residuos sólidos urbanos sae case 10.000 euros máis rendible que estar á fronte da Xunta. Nomeadamente, o presidente da entidade, Luis Lamas, ingresa cada ano 84.999 euros. O seu director, Francisco Silva, recibe 82.449 euros.
Porro e Hernández quedan ás portas
Malia non chegar á ao salario do presidente, tres altos cargos quedan ás portas deses 76.765 euros. A que máis se lle achega é a directora da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta, Cayetana Lado, que ao sumar 56.401 euros de salario e 20.310 de complementos queda a apenas 50 euros de Feijóo.
Un chisco máis lonxe está a ex alcaldesa de Vigo, Corina Porro. Como presidenta do Consello Económico e Social, cargo ao que accedeu tras non lograr a maioría absoluta nas pasadas eleccións municipais, recibirá 75.816 euros anuais. A continuación atópase o titular de Infraestruturas, Agustín Hernández, que engade ao seu soldo de conselleiro un complemento persoal e suma un soldo anual de 75.816 euros,