Un manifesto reclama que a 'Marea Galega' funcione mediante democracia directa

Captura de pantalla da web que acolle o manifesto Dominio Público Praza Pública

Un novo manifesto busca incidir no proceso actualmente en marcha para a posible conformación dunha Marea Galega para as vindeiras eleccións xerais do Estado. Un grupo de activistas, membros de distintas formacións e cidadáns sen adscrición política véñense de xuntar baixo a denominación de Grândola Galega para pediren que a futurible Marea Galega "funcione ás ordes directas da cidadanía galega mediante mecanismos de democracia directa". O nome procede, como é doadamente deducible, da coñecida canción de Zeca Afonso que servira de seña radiofónica para o alzamento da Revolução dos Cravos en Portugal en 1974, e cuxo verso "O povo é quem mais ordena" é tomado como lema desta nova iniciativa, que se abre dicindo “O pobo é quen máis ordena Dentro de ti, ó Marea”.

Reclama que "a tan pretendida unidade non pase unicamente pola renuncia ás siglas duns e outros partidos, senón mesmo á pretensión de faceren de intérpretes paternalistas da expresión política maioritaria"

O texto, que se pode ler no web Grandola.gal (en versións ILG-RAG e Acordo Ortográfico) e nas redes sociais (Facebook e Twitter), reclama que "a tan pretendida unidade non pase unicamente pola renuncia ás siglas duns e outros partidos, senón mesmo á pretensión de faceren de intérpretes paternalistas da expresión política maioritaria", algo que recoñecen será "duro de admitir" para os partido políticos.

O manifesto avoga polo establecemento de mecanismos telemáticos para que sexa a cidadanía galega a que determine en cada ocasión o sentido do voto e das propostas dese posible grupo galego no parlamento de Madrid. "O pobo debe ser quen máis ordene, mais non só en momentos excepcionais como nos referendos ou nas eleccións que teñen lugar cada catro anos, senón como norma", defenden.

O manifesto avoga polo establecemento de mecanismos telemáticos para que sexa a cidadanía galega a que determine en cada ocasión o sentido do voto e das propostas dese posible grupo galego no parlamento de Madrid

Conscientes de que existe una fenda dixital que impediría que parte da poboación accedese a eses mecanismos de democracia electrónica, propoñen que sexan axeitadamente combinados con "mecanismos presenciais ou de baixa tecnoloxía" para a participación de persoas con dificuldades para o uso de Internet ou dos "smartphones". Isto recuperaría e actualizaría aos tempos actuais, segundo as persoas promotoras da Grândola Galega, o espíritu da tradición do "concello aberto", mecanismo histórico de democracia directa local no noso país, ao tempo que se constituiría en referente a nivel de todo o Estado como exemplo práctico dunha "democracia real". Reclaman, en definitiva, que os partidos "devolvan a soberanía" ao pobo, así como que se democraticen simultaneamente os medios de comunicación, como factor "determinante" na conformación da opinión pública.

Demandan que os partidos "devolvan a soberanía" ao pobo, así como que se democraticen simultaneamente os medios de comunicación, como factor "determinante" na conformación da opinión pública

No manifesto tamén se expresa "a consciencia do momento crítico actual" que caracterizan non só como unha "fin de réxime" senón como de "colapso progresivo do modelo capitalista-industrialista a nivel mundial", para o cal reclaman unha estratexia "radicalmente nova e democrática" que leve "ata as súas últimas consecuencias" o discurso actual en Galicia a prol do protagonismo cidadán.

Esta iniciativa, destacan, non parte de ningún partido político, aínda que entre as persoas promotoras e primeiras asinantes figuran nomes de militantes de Piratas de Galicia, Democracia Directa Dixital, agrupacións de electores e mesmo a concelleira do Partido da Terra en Lousame, un dos concelleiros do BNG en Tomiño na pasada lexislatura así como outras persoas sen vencello con ningunha formación política. Nos vindeiros días esperan seguir sumando apoios ao manifesto, que se manterá aberto a evolución colectiva nun wiki no que calquera persoa interesada poderá participar, baixo unha filosofía de "código aberto".

No manifesto tamén se expresa "a consciencia do momento crítico actual": unha "fin de réxime" e "colapso progresivo do modelo capitalista-industrialista a nivel mundial"

Afirman que "as persoas que lanzamos isto e asinamos o manifesto na súa versión 1.0 non somos relevantes nin pretendemos dirixir nin conformar a Marea directodemócrata da que falamos". "Isto é simplemente unha idea de partida e será o pobo quen lle deberá dar forma e contido final para tomar o control directo" -din- "da ferramenta política que se puider constituír finalmente en torno á idea da Marea Galega".

Captura de pantalla da web que acolle o manifesto Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.