Vence despídese do liderado do BNG apelando ás "alianzas" para "derrotar o PP"

Un intre do discurso de Vence na apertura da asemblea CC-BY-SA Praza Pública

Trinta e catro anos despois, de novo na Coruña. A militancia do BNG reúnese dende primeiras horas deste domingo para abordar, no marco da súa decimo quinta Asemblea Nacional, o que posiblemente é o momento máis transcendental para a formación frontista dende o seu nacemento, na outra banda da península coruñesa en 1982. Sobre a mesa está o xeito en que o Bloque debe "refundarse" e atallar o devalo electoral dos últimos anos e quen foi portavoz nacional durante os últimos tres anos, Xavier Vence, despediuse do cargo formulando a súa opción: as "alianzas" para "derrotar o PP" cunha "única sigla, unha única dirección".

O primeiro e colateral obxectivo da xornada, o de amosar fortaleza militante, ficou cumprido dende o primeiro momento ao se encher o auditorio do Palexco xa durante o derradeiro discurso de Vence dende o liderado. A dirección que encabezou, di, tentou "mudar as cousas" e "algo" logrou avanzar, pero "se cadra, non o suficiente". Non dabondo para "tecer" todo o destecido dende as escisións de Amio. E o que "precisa" o país, coida, é "abandonar a melancolía e embarcarse na ética de tecer e avanzar".

Vence anima a confluencia para fuxir da "trampa mortal" da "fragmentación"

Neste sentido, e na liña formulada por el mesmo no proceso de emendas que este domingo se debate, Vence advirte de que o Bloque xa "clarificou" dabondo o seu ideario e agora toca "botar as redes onde hai peixe" sen "perder o tempo". "Temos que ampliar a base" e "non para mudar de barco, pero si para ir ao medio do caladoiro", ilustra, e apelando a referentes históricos como a integración do do Partido Galeguista na Fronte Popular en 1936, anima a "facer alianzas" para afastarse da "trampa mortal" da "fragmentación". A cidadanía, di, así o interpretou nos últimos procesos electorais e por iso "decidiu voto útil".

Cara ás eleccións galegas

"Como dicía Lenin", apunta Vence, o Bloque tamén debe optar por ir "un paso por diante" da sociedade, "pero só un paso". E iso, neste "punto e hora da nosa loita", coida pasa por "escoitar" a posibilidade da confluencia. "Despois xa veremos se se dan as condicións" para organizar coalicións cuxas prioridades deben ser as mesmas que "as da nosa xente". E esas, do seu punto de vista non son outras que "vencer ao PP e mudar as súas políticas neoliberais". "A nosa base social dínolo todos os días, non podemos tapar os ouvidos e seguir co piloto automático", conclúe.

O discurso de Vence incomodou entre quen apostan polo guieiro marcado no relatorio oficial

A "prioridade" de "desaloxar o PP" da Xunta na "oportunidade única" das eleccións de 2016 é, precisamente, unha das cuestións a debate no marco desta asemblea. Así, o discurso de Vence causou incomodidade nos sectores que apostan por unha refundación a longo prazo baseada, como indica o relatorio político oficial, nun BNG aliado con outras forzas soberanistas. Pola contra, a derradeira intervención do portavoz saínte satisfaceu as persoas que apoiarán nas votacións os votos particulares que cren oportuno o achegamento ás mareas.

Os críticos co relatorio oficial pactaron un único texto

Tras a intervención de Vence a militancia do Bloque dispúxose, xa a porta pechada, a debater o informe de xestión do Consello Nacional e mais as teses políticas. Pola tarde será a quenda para a elección da nova dirección, votación tras a cal, con toda probabilidade, Ana Pontón se converterá en nova portavoz nacional. Antes desa elección xa estará despexada unha das principais incógnitas da xornada: se triunfan as teses que avogan pola confluencia -aglutinadas nun único texto tras un pacto anunciado esta mesma mañá- ou as que cren máis conveniente que o Bloque manteña un camiño político independente.

Vista do auditorio durante o discurso de Vence CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.