Compromiso por Galicia (CxG) levou a cabo este sábado unha convención na que a súa militancia decidiu que o partido non concorrese finalmente ás eleccións xerais se non hai lista unitaria galega, e que se dese liberdade aos seus membros para apoiar unha ou outra candidatura. Nas votacións, a opción de concorrer nunha candidatura de formacións cos centros de decisións en Galicia obtivo o 12% dos votos na primeira volta, na que gañou a opción de non presentarse (49%), mentres que o apoio ao proceso iniciado polo Encontro Cidadán por unha Marea Galega quedou no 39%. Na segunda volta, o 60,9% dos votos optaron por non presentarse e o 38% optaron pola Marea. Xoán Bascuas, secretario xeral da formación galeguista, fala agora do proceso e do futuro da confluencia no país.
Compromiso fixo o que debía?
Para min e para CxG a limpeza do procedemento é algo chave porque o que facemos na nosa casa é o que queremos para o conxunto da cidadanía: que a democracia recupere o seu sentido orixinal e que a cidadanía sexa quen poida escoller. A nosa cidadanía é a nosa afiliación e a nosa afiliación foi a que fixo as propostas, ninguén máis. Non houbo un pronunciamento do partidos obre o que facer ou que votar. Ademais, un dos principios da democracia é o respecto ás minorías, pero tamén ás maiorías. A xente entendeu que, se non hai unha candidatura unitaria, nós non participaremos en nada; e daremos liberdade para que cadaquén apoie a lista que considere oportuna.
"As cousas están tremendamente difíciles, pero CxG seguirá traballando ata o último minuto por unha candidatura unitaria"
Todos os partidos implicados aluden a unha última esperanza, pero a unidade total parece imposible...
Imos vivir unhas semanas nas que veremos se a esperanza é capaz de bater a experiencia pasada. As cousas están tremendamente difíciles, pero non por iso teremos que deixarnos ir. Somos CxG e estamos afeitos a manexarnos en territorio difícil. Seguiremos traballando, como desde o minuto un, para que haxa unha candidatura unitaria. E farémolo ata o último minuto.
Cal é ese último minuto?
O minuto cero é o 6 de novembro, data límite legal para rexistrar coalicións.
"Cada partido e entidade deberá aclarar se lle importa máis Galicia ou as súas siglas, o seu criterio e os seus líderes"
Pero non debería amañarse algo antes?
Non o sei, iso dependerá das distintas entidades que participan nese proceso. Cada unha delas terá que expresar a súa vontade e ver que é o que lle importa máis: se Galicia ou as súas siglas, o seu criterio, os seus líderes ou o que sexa. Cadaquén terá que valoralo.
Parece que as cartas en moitos casos estaban marcadas desde hai tempo, quen ten máis responsabilidade no caso de que fracase a candidatura unitaria?
"Se a candidatura unitaria fracasa, será responsabilidade de todos, incluído Compromiso por Galicia"
Se isto fracasa será responsabilidade de todos, incluído CxG. É certo que a nosa cota de responsabilidade é menor que o doutras forzas políticas cun peso específico no país moito máis grande, pero se non chegamos a un punto en común, todos seremos responsábeis. Logo poderemos entrar en quen foi máis ou menos reponsable, pero que máis dá se non se acada o obxectivo para o país.
Teríase perdido unha oportunidade histórica e única? Será a última como moitos din?
Son moi escéptico cando se fala de última oportunidade porque a historia constrúese día a día. Este é un país vio, e mentres haxa xente que sinta o país, sempre teremos oportunidade de que haxa unha resposta axeitada na defensa do país, da nosa identidade, do autogoberno, das políticas sociais, do Estado do Benestar... Pero o galego é un idioma rico que sabe diferencia entre último e derradeiro. Será última oportunidade, pero non a derradeira, desde logo.
A decisión de CxG creará problemas dentro da formación?
Non porque aquí non foron unhas persoas as derrotadas e outras as vencedoras, senón os argumentos.
"Noutras forzas, un proceso como o que fixo CxG xeraría tensións organizativas que non se poderían xestionar"
Sería todo máis doado se todas as formacións implicadas na confluencia levasen a cabo un proceso semellante ao de CxG?
Certamente. Nós intentamos predicar o que se deu por denominar a nova política, pero o noso partido é máis pequeno e humilde e un proceso así é máis xestionable na nosa casa. Se cadra, noutras forzas isto xeraría tensións organizativas que non se poderían xestionar, pero no noso caso non é así. Ademais, non é a primeira vez que o facemos porque para as últimas eleccións europeas tamén houbo dúas propostas e iso non supuxo fragmentación ningunha. A xente que adoita dicir que estes procesos poden crear problemas en Compromiso é xente de fóra de Compromiso.
Ao final, parece que o principal problema era o liderado ou non de Podemos e a aceptación das súas siglas...
Falando con claridade, no momento no que non se dá configurado ese partido instrumental, esa opción material e legal, era visto que iamos a un formato de coalicións e isto abre a porta á presenza de denominacións e siglas. Isto facilítalle o traballo a Podemos para manter o seu nome no caso de perseverar na idea de mantelo; e dálle unha lexitimación argumental ao BNG para dicir que non vair ir cunha forza política de ámbito estatal que quede reflectida como tal. De, como propuxo CxG, se artellase unha plataforma de adscrición individual, as siglas e o conetro de decisión dos partidos non terían sindo nunca un atranco porque as persoas participarían a título individual e os partidos serían un motor auxiliar ao servizo da cidadanía. Pero ao chegar á fase das coalicións, todo se dificulta. Vai ti saber quen xogou a que chegaramos ao tempo no que só se podía optar por presentarse en coalición.
"Búscase o relato da autoexclusión do outro, algo que ocorre sempre na política galega cando se buscan alianzas"
Ao final este parece un xogo de buscar escusas?
Máis ben é buscar o relato da autoexclusión do outro, e iso é algo que está perennemente na política galega cando se buscan alianzas: buscar que o outro se autoexclúa. CxG sábeo ben de sobra porque en 2012 a nosa afiliación apostou por ir en pé de igualdade en coalición dentro de AGE, pero logo buscaron o relato para que non puidésemos ir e deixóusenos fóra. Eu creo que a cidadanía galega é sabia e non se pode enganar permanentemente.
"Unha candidatura unitaria tería serias opcións de ser primeira ou segunda forza no país"
Pode que a cidadanía acuda a votar do mesmo xeito, pero agora será difícil medir a frustración á que todos aluden...
Evidentemente. Unha candidatura unitaria levantaría unha expectativa e unha capacidade de resposta ao bipartidismo que sería inigualable e que tería serias opcións de ser primeira ou segunda forza no país. Tería un peso específico que podería garantir un grupo político propio, pero agora hai dúbidas legais serias e severas á hora de crear ese grupo propio. Tamén é certo que agora mesmo xa non exista a mesma expectativa dun cambio de modelo constitucional como existía hai dous meses, pero vai haber un debate no que o argumenta territorial será importante e no que sería clave que Galicia estivese presente como tal e non como leit motiv subsidiario. Isto só se podería conseguir cun grupo propio e, con dúas ou máis candidaturas, será realmente complicado logralo. Nese punto, CxG non vai fragmentar nin restarlle voto a ninguén. Ninguén poderá dicirnos que contribuímos a non ter un grupo propio galego.