A anacrónica obriga de rematar a campaña electoral "en todo caso, ás cero horas do día inmediatamente anterior á votación" consagra o rango legal da popularmente coñecida como xornada de reflexión. Neste día os partidos políticos teñen prohibido organizar actos de campaña ou pedir o voto e, daquela, a maior parte deles adoitan convocar a prensa para amosar as persoas que forman parte das súas candidaturas, soas ou en compañía dos líderes orgánicos de cada formación, realizando todo tipo de actividades, en principio cotiás en cadansúas vidas.
A anacrónica obriga de rematar a campaña electoral "en todo caso, ás cero horas do día inmediatamente anterior á votación" consagra o rango legal da popularmente coñecida como xornada de reflexión
Estas convocatorias adoitan producirse en escenarios como bares, parques ou zonas de paseo nas que as forzas políticas adoitan sinalar que os seus representantes retoman afeccións ou obrigas que tiveron aparcadas por mor da campaña. Nalgunhas ocasións a imaxe lograda é dunha natural distensión. Noutras, dunha pretendida normalidade que non logra ser tal e semella cadrar máis con esas fotografías que xa tornaron todo un xénero en internet, o de xente facendo cousas.
Desta volta a xornada de reflexión previa ao 28A deixou en Galicia imaxes de festas, conversas na rúa, vermús e mesmo unha plantación de árbores. Unhas semellan espontáneas. Outras, non tanto. Xulguen vostedes.
O PP e a lamprea
Ao contrario que noutras convocatorias electorais desta volta o PPdeG non realizou convocatoria ningunha para ofrecer imaxes de Alberto Núñez Feijóo durante a xornada de reflexión. Si o fixo con dúas das súas candidatas galegas ao Congreso. Marta González, número 1 pola Coruña, informou de que se achegaría ao compostelán Monte do Gozo con membros da dirección local do partido. Ana Pastor, cabeza de lista por Pontevedra, acudiu á Festa da Lamprea de Arbo xunto á cúpula do partido na provincia.
O PSdeG, "coa familia e cos amigos"
Na súa primeira xornada de reflexión como líder do PSdeG Gonzalo Caballero mantivo un breve encontro coa prensa en Vigo, onde explicou que prevía pasar a xornada "coa familia e cos amigos" e mais "dar unha volta", ademais de dedicar un anaco a "preparar" a propia xornada electoral. A esas tarefas de preparación dedicou parte da xornada, por exemplo, a cabeza de lista socialista na Coruña, Pilar Cancela, que participou en Santiago na elaboración de carpetas de documentación para as persoas que actuarán como interventoras e apoderadas do Partido Socialista nas mesas electorais do 28A.
En Común familia, amizades e música
As candidatas e candidato que ocupan os primeiros postos das listas de En Común-Unidas Podemos ao Congreso coincidiron en sinalar que pasarían o día coa familia ou con amizades. Foi o caso de Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz, de quen a formación ofreceu unha imaxe familiar á hora do vermú. A cabeza de lista por Lugo, Vanessa Somoza, tiña previsto acudir a unha actividade infantil e a número un por Ourense convocou á prensa á hora do vermú no barrio da Ponte.
En Marea planta árbores no Galiñeiro
Nesta xornada de reflexión En Marea reuniu o seu voceiro, Luís Villares, e mais os seus catro cabezas de lista ao Congreso en Vincios (Gondomar) para participar na plantación de árbores na área atinxida polos incendios na serra do Galiñeiro. Tras atenderen o "convite" da comunidade de montes, explicou Villares, tanto el mesmo como Ana Seijas, Iris Malvido, Cristina Pérez Herraiz e Iván Olmos participaron nun roteiro pola zona e dedicaron o resto da xornada a descansar e "tomar folgos" para a xornada electoral.
O BNG, á hora do vermú na Praza de Abastos compostelá
A convocatoria do BNG para a xornada de reflexión previa ao 28A foi na nave 5 da praza de Abastos de Santiago, onde Ana Pontón compartiu o vermú co cabeza de lista da formación pola Coruña, Néstor Rego, co responsable da campaña e edil en Compostela, Rubén Cela, e mais coa candidata á alcaldía da capital galega polo Bloque, Goretti Sanmartín. Pontón explicou que tras unha "campaña intensa, pero gratificante", prevía dedicar o dí ao "tempo de relax, que aproveitarei para pasar co meu compañeiro, coa familia" e mais para falar a través de internet co seu sobriño Anxo, de 17 meses, "ao que levo un mes sen ver", explicou.