Alternativas na Xustiza-CUT denuncia o estado no que se atopan os arquivos xudiciais galegos, que presentan problemas de sobrecarga, humidades e falta de ventilación en varias das súas instalacións, sinala o sindicato. A entidade critica o "abandono, deixadez e neglixencia" da Dirección Xeral de Xustiza e reclama da Xunta unha acción decidida para conservar estes materiais en espazos axeitados, de xeito que se evite o seu deterioro.
"As oficinas xudiciais están afogadas en papel"
"Non pode ser aturado por máis tempo. Cómpre pedir e esixir unha solución eficaz e definitiva a esta problemática", subliña o sindicato, que cualifica de "prehistórica" a situación "na era do papel cero do século XXI". A entidade afirma que a Xunta está a incumprir o RD 937/2003 de modernización dos arquivos xudiciais, aprobado hai xa 16 anos.
O sindicato destaca que entre unhas e outras sedes xudiciais galegas hai grandes diferenzas. "En cidades como A Coruña ou Ourense dispoñen de persoal especializado para tal labor desempeñado por arquiveiros e arquiveiras", sinala, mentres que "no resto de cidades e vilas a realidade son moreas e máis moreas de expedientes, cheos de po e en condicións de conservación pésimas", di.
"As oficinas xudiciais están afogadas en papel: expedientes polo chan nos propios arquivos, nos arquivos das secretarías das oficinas xudiciais, expedientes por riba dos armarios, das mesas, nas xanelas, nos corredores...", denuncia. Nalgúns casos trátase de procedementos "que pola súa antigüidade e ao ser anteriores ao ano 1945, deberían estar no Arquivo Histórico do Reino de Galicia e non apodrecendo en lugares húmidos e noxentos", comenta.
O sindicato propón que os expedientes sexan trasladados a naves "debidamente habilitadas para tal fin"
Alternativas na Xustiza propón que "cando menos nas sete grandes cidades de Galicia" os expedientes sexan trasladados a naves "debidamente habilitadas para tal fin" e que se atopen preto dos edificios xudiciais. Comenta a este respecto que a solución que se atopou en Ferrol foi trasladar o arquivo a unha nave en Ortigueira (a uns 60 quilómetros de distancia), "a un arquivo con chan de obra, coas paredes aínda en ladrillo, onde entra humidade e é preciso colocar barreños para recoller as pingueiras de auga cando chove".