O pianista James Rhodes ofreceu na mañá deste luns un concerto altruísta no salón de actos do cárcere da Lama, só para os presos, o persoal da prisión e as ONG que colaboran co Programa de Atención Integral a Enfermos Mentais (PAIEM) do Centro Penitenciario.
En decembro, 33 presos do programa de Saúde Mental convidárono a visitar o cárcere, destacando que a súa música lles achegaba “paz e harmonía perfecta en medio de tanta loucura”
A orixe deste evento está nunha carta que o pasado mes de decembro lle enviaron ao pianista 33 internos do programa de Saúde Mental: “Ola James, sorprenderate dende onde te escribimos e a de fronteiras e muros que pode traspasar a túa música”, comezaba o texto, que o convidaba a visitar o centro e destacaba que a súa música lles achegaba “paz e harmonía perfecta en medio de tanta loucura”. Rhodes tardou menos de 24 horas en contestar, dicíndolles que a idea lle "encantaba".
O concerto desta mañá, nun auditorio ateigado e nun respectuoso silencio, comezou co primeiro movemento da Sonata nº 15 de Beethoven. E tamén se escoitaron o scherzo nº2 de Chopin e a melodía de Orfeo e Eurídice de Gluck.
A idea de convidalo a actuar na Lama xurdiu despois de que os presos leran o libro Instrumental do pianista e activista contra os abusos a menores. Despois do concerto Rhodes e os presos conversaron sobre o contido desta obra que describe os abusos que el mesmo sufriu sendo neno, os efectos que isto lle provocou e a forma en que a música o axudou a combater esta situación e a transformar a súa vida, para poder "arranxar o que está roto por dentro".
"A creatividade é unha maneira de facer fronte aos problemas de saúde mental. Canta xente nesta prisión pode pintar, crear música e non temos nin idea?", dixo Rhodes
Un dos presos preguntoulle sobre a sensibilidade creativa das persoas con enfermidades mentais. Rhodes respondeulle que "todo o mundo ten moitas cousas dentro. Para min, a música é a mellor forma de sacalas, a mellor maneira de escapar. Gústame a soidade: eu e o meu piano. A creatividade é unha maneira de facer fronte aos problemas de saúde mental. Canta xente nesta prisión pode pintar, crear música e non temos nin idea?".
Finalmente, Rhodes eloxiou o traballo do PAIEM que este ano cumpre o décimo aniversario da súa implantación no cárcere pontevedrés. O Programa, no que interveñen tanto sanitarios como profesionais de Tratamento penal, pretende darlles resposta ás necesidades en materia de saúde mental de internos e internas en centros penais.
James Rhodes pasou os últimos días en Galicia, onde ofreceu dous concertos no Auditorio de Galicia, en Compostela, e no Teatro Colón da Coruña. Ao igual que noutras visitas, amosouse "namorado" do país e publicou un gran número de mensaxes en galego