Monbus segue o camiño aberto por varias cidades e fará 'paradas seguras' para previr agresións

No último ano varios concellos puxeron en marcha protocolos contra as agresións machistas nos autobuses urbanos © Tranvías da Coruña

A empresa Monbus vén de anunciar que a partir deste 8 de marzo poñerá en marcha polas noites un servizo de parada segura para previr agresións ás súas usuarias e usuarios. A medida aplicarase en todas as liñas interurbanas de 22 a 7 horas. Nese horario mulleres, menores de idade, persoas xubiladas que viaxen soas e persoas con discapacidade poderán solicitar que o autobús se deteña en calquera punto do percorrido, unha petición que deberán realizarlle ao condutor ou condutora no inicio da viaxe.

A adhesión da empres a este protocolo de paradas antiacoso pretende "favorecer e incrementar as garantías de seguridade de determinados colectivos" en horario nocturno.  Os autocares non poderán desviarse por itinerarios non previstos.

O pasado ano Vigo e A Coruña puxeron en marcha esta medida, seguindo o ronsel aberto por cidades de toda Europa. E tamén Compostela puxo en marcha nos seus autobuses urbanos un protocolo contra as violencias machistas, que inclúe un proceso de formación para os condutores e condutoras, para que saiban como actuar en caso de agresión ou acoso. 

Con esta iniciativa o Concello de Santiago quere poñer o foco nos agresores, de xeito que o servizo municipal sexa un aliado para as mulleres para que "se hai un problema cun suposto agresor, este teña que abandonar o autobús e se chame á Policía", como destacou a edil Marta Lois.

Un dos vehículos de Monbus © Monbus

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.