A rotura dun colector dunha balsa de xurro dunha gandería de Guiar, no municipio asturiano da Veiga, provocou o vertido de arredor de medio millón de litros ao regato de Ouria, afluente do río Eo. A vertedura afecta varios quilómetros da desembocadura e a este concello asturiano, ademais de a Castropol e aos galegos de Trabada e Ribadeo.
Unha vertedura de máis de medio millón de litros de xurro ao regato de Ouria, afluente do Eo, afecta dous concellos asturianos e os galegos de Trabada e Ribadeo
Desde o Concello onde se orixinou a contaminación recomendábase a última hora do domingo suspender calquera actividade empresarial na desembocadura do Eo e nas praias achegadas, ademais de evitar o baño nesta área. Con todo, asegúrase que a vertedura non afectou ningún manancia de augas de abastecemento, nin municipal nin privado, aínda que a posible chegada do xurro á ría podería complicar a situación e ampliar o veto ao uso de praias e outras zonas, tal e como acabaron por ordenar todos os municipios.
Desde o 112 Galicia advírtese que membros de Protección Civil, policía local, Garda Civil, Gardacostas e técnicos da Confederación Hidrográfica do Cantábrico (CHC) están a tomar as medidas preventivas ante a posibilidade de que os restos de zurro se espallen por máis lugares, así como a controlar a zona de captación do río.
A CHC ordenou na tarde do luns a instalación de barreiras anticontaminación na confluencia entre o Ouria e o Eo como medida preventiva logo de que os técnicos fixesen unha análise sobre a afectación da vertedura e cuxos resultados coñeceranse este mércores. As barreiras foron colocadas nos nos dous quilómetros do Eo previos á súa desembocadura, na ría de Ribadeo, que son competencia estatal, do mesmo xeito que os tres quilómetros da canle do rego entre o punto en que se produciu o vertido e a desembocadura deste.
Ademais, a Dirección Xeneral de Pesca Marítima decretou o peche cautelar da zona de produción da ría de Ribadeo para todas as especies explotables á espera tamén das análises.
No entanto, desde o Concello de Ribadeo, o seu alcalde en funcións, Pablo Vizoso, transmitiu "tranquilidade" á veciñanza e advertiu de que tras as análises realizadas, confirmouse que a auga da traída non se viu afectada polo vertido, que se rexistrou augas abaixo da captación para consumo do Concello de Ribadeo, en Vilarbetote (Trabada).
A contaminación non afectou mananciais nin zonas de captación pero Ribadeo prohibiu xa o baño nas praias da ría "por precaución" e á espera de que as análises confirmen se hai ou non afectación
Como medida de "precaución", o Concello recomenda evitar o baño nas praias da ría de Ribadeo, a dos Bloques e o Cargadeiro, onde xa se colocaron carteis informativos para advertir da situación, ademais de ter "precaución" con calquera actividade que se realice nestas augas. Na outra beira, a asturiana, Castropol tamén vetou o baño na ría.
O Concello ribadense, ademais, reclamou á Consellería de Sanidade unhas análises, á marxe das ordinarias, nestas áreas de baño para determinar se foron ou non afectadas. En Trabada, o Concello prohibiu o baño no río Eo e suspendeu calquera tipo de actividade de recreo nas súas augas, advertindo tamén mediante carteis da prohibición do baño.
A vertedura afecta uns 10 quilómetros do tramo final do río Eo cara a súa desembocadura na ría de Ribadeo e foi descuberto na parroquia de Abres, a poucos metros da explotación gandeira que tería sido a responsable. Tivo lugar na madrugada do sábado ao domingo, pero non foi detectada ata a mañá.
