"A administración e os colexios profesionais manteñen unha grande inacción ante as falsas medicinas"

Produtos homeopáticos CC-BY-SA eldiario.es

Luis Alfonso Gámez é xornalista en El Correo, onde cobre a información de ciencia, e é autor do blog Magonía, dedicado á análise crítica das afirmacións extraordinarias. Presentador e condutor do programa de televisión Escépticos (EiTB 2), participou tamén en Órbita Laika (TVE 2) e vén de publicar El peligro de creer (2015). Este xoves foi o protagonista da sesión de noite da Semana de Filosofía cun relatorio titulado precisamente así, O perigo de crer, no que alertou sobre os riscos e prexuízos do espiritismo, das pseudoterapias (homeopatía, reiki, acupuntura...) ou de prácticas coma a antivacinación; riscos e prexuízos non só económicos, a través da estafa, senón tamén para a saúde. 

A Enquisa de Percepción Social da Ciencia coñecida esta semana alerta de que un 60% dos españois e españolas cre que a acupuntura funciona ou que o 53% que os produtos homeopáticos teñen efectos

Este mércores presentouse a última entrega da Enquisa de Percepción Social da Ciencia, realizada pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía. O estudo sinala un incremento do "interese espontáneo pola ciencia e a tecnoloxía", do 15% ao 16,3% no último ano, crecendo dende o 9,6% do ano 2008. Esta mellora deuse, sobre todo, nas mulleres, mentres que nos homes se produciu un pequeno descenso no ano 2016. Porén, a enquisa tamén alerta de que un 60% dos españois e españolas cre que a acupuntura funciona ou que o 53% que os produtos homeopáticos teñen efectos, porcentaxes de confianza que se reducen ao 23% para os curandeiros ou o 15% para os horóscopos. Curiosamente, a crenza na acupuntura ou na homeopatía é maior naquelas persoas con estudos universitarios ou secundarios, e inferior nas persoas con só estudos primarios.

"No caso das chamadas terapias alternativas hai unha grande inacción da administración, que non impide que calquera charlatán se publicite dicindo que cura a sida ou o cancro"

Cada persoa é libre de crer ou non crer no que queira, pero cando falamos de temas de saúde e de remedios falsos, sobre todo se a confianza neles fai que se abandonen os remedios de eficacia comprobada pola ciencia. Crer ou non crer pode ter perigos para a vida das persoas?

Si, na conferencia desta tarde vou falar de dous tipos de persoas que se aproveitan de algo moi humano que é o medo á morte: unhas son os mediums e outras son os chamados médicos alternativos e tanto uns coma outros, ademais de quitarnos os cartos poden provocar danos importantes de saúde, ata o punto de matarnos.

Estes campos están suficientemente controlados pola administración, para evitar estes abusos e riscos para a saúde?

Non. Aínda que as crenzas son libres, todos os mediums sen excepción son uns estafadores, son xente que se aproveitan das debilidades humanas para facernos crer en cousas que non existen, coma a comunicación co máis alá e cos mortos. Non hai moito que facer aí, porque non hai lexislación que prohiba que a min me vendan un servizo que non existe. E no caso das chamadas terapias alternativas ou falsas medicinas hai unha grande inacción da administración, que non impide que calquera charlatán se publicite dicindo que cura a sida ou o cancro. Hai tamén inacción por parte dos colexios profesionais, que non toman medidas contra médicos ou farmacéuticos que promoven ou venden remedios que non teñen efecto ningún, en prácticas que violan todos os códigos deontolóxicos. Hoxe mesmo merquei en Pontevedra unha caixa de produtos homeopáticos que tomarei enteira no escenario e o farmacéutico non me advertiu, só lle importou recibir os cartos.

"Estamos vivindo en Europa unha crise por culpa dos colectivos antivacinas, que están avanzando en Romanía por culpa dalgúns popes ortodoxos e algúns xornalistas, ou en Italia por culpa do Movemento 5 Estrelas"

Un caso aínda máis grave é o das persoas que optan pola non-vacinación, que teñen risco non só para esas persoas ou os seus fillos, senón para toda a sociedade, polo perigo de contaxio, mesmo de enfermidades controladas ou erradicadas...

No tema das vacinas efectivamente estamos vivindo en Europa unha crise por culpa dos colectivos antivacinas, que están avanzando en Romanía por culpa dalgúns popes ortodoxos e algúns xornalistas, ou en Italia por culpa do Movemento 5 Estrelas. E o problema coas vacinas é que non só afectan ás persoas que deciden vacinarse ou non. Se mañá detectamos dez casos de sarampelo en Pontevedra, as medidas de illamento que habería que tomar teñen un gran custo económico para a sanidade pública. E, ademais, estamos falando dunha enfermidade contaxiosa que estaba controlada e que se pode estender pola irresponsabilidade dunhas poucas persoas. Non vacinar os fillos debería ser considerado malos tratos a menores. A varíola non se retirou aos seus cuarteis de inverno porque si, e a polio non está practicamente erradicada porque si, senón que son consecuencia da aplicación sistemática da vacinación. As vacinas están a sufrir os efectos do seu éxito: as persoas que defenden abandonar a vacinación contra o sarampelo argumentan que a enfermidade non existe. Claro, non existe grazas ás vacinas.

"Se mañá aparece un tolo dicindo que a Terra é plana, os medios dirían que é un tolo ou simplemente non lle darían unha soa liña. Esa é a actitude que deben manter cos que promoven a homeopatía, o reiki ou cos que aseguran que poden curar o cancro cunhas follas"

Cal é o papel dos medios de comunicación?

Os medios de comunicación fomos moi irresponsables durante moito tempo. Onte, vendo a cobertura que se facía dos resultados da enquisa da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, que alertaba de que a metade das persoas cre nos efectos da homeopatía, a maioría dos medios si lembraron que esta práctica non está apoiada por probas. Porén, durante moito tempo, nos medios a homeopatía si tivo un espazo e boa prensa. Se mañá aparece un tolo dicindo que a Terra é plana, os medios dirían que é un tolo ou simplemente non lle darían unha soa liña. Pois esa é a actitude que deben manter cos que promoven a homeopatía, o reiki ou cos que aseguran que poden curar o cancro cunhas follas.

"Alguén que cre en fenómenos paranormais ou noutras crenzas racionais non o fai porque sexa parvo, senón porque lle faltan datos e información certeira"

Este tipo de crenzas están en retroceso na nosa sociedade ou estanse fortalecendo?

Cambian. A enquisa da Fecyt de onte amosa que por exemplo o horóscopo ou os fenómenos paranormais teñen hoxe moita menos credibilidade que hai uns anos, pero si que rexistra unha crenza moi estendida nas pseudomedicinas. Hai unhas décadas as aparicións de ovnis tiñan espazo na prensa, e hoxe este tema nin sequera foi obxecto de pregunta na enquisa. O movemento antivacinas moderno non xorde ata hai 20 anos. De igual xeito, hai 20 anos a ninguén se lle ocorría que a telefonía móbil puidese provocar cancro, e hoxe si hai algunha persoa que o di. As crenzas irracionais, fundadas en tecnofobias e outros medos, van variando co tempo.

Ollo, alguén que cre en fenómenos paranormais ou noutras crenzas racionais non o fai porque sexa parvo, senón porque lle faltan datos e información certeira. De feito, a propia enquisa amosa que é a xente con máis formación a que máis cre nas falsas medicinas.

 

Luis Alfonso Gámez Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.