Barra é unha fermosa praia de area branca e augas cristalinas (e frías) situada en Cangas, a carón da praia de Viñó. É, ademais, un dos areais nudistas máis importantes do país e a baía na que se atopa serve de lugar de amarre no verán para un gran número de iates e embarcacións de recreo. Ten, así mesmo, un espazo dunar zarrapicado de piñeiros que completan unha contorna única, protexida ao formar parte da Rede Natura 2000 de Costa da Vela.
Entre os séculos XVI e XVII un evento meteorolóxico extremo, ligado ao cambio climático que se produciu nese tempo que foi coñecido como A pequena idade de xeo, fixo desaparecer para sempre unha aldea que se situaba no que hoxe é o espazo dunar
Pero, ademais, Barra agocha un segredo baixo as súas areas. Entre os séculos XVI e XVII un evento meteorolóxico extremo, ligado ao cambio climático que se produciu nese tempo que foi coñecido como A pequena idade de xeo, fixo desaparecer para sempre unha aldea que se situaba no que hoxe é o espazo dunar.
Así o detalla un traballo publicado polo historiador Andrés Pino Pérez no número 136 do Cuaderno de Estudos Gallegos, titulado Cambios en el paisaje como consecuencia de un episodio climático, en el contexto de la Pequeña Edad de Hielo (siglos XVI-XVII), en la feligresía de San Andrés de Hío (Cangas, Pontevedra). Pino afondou nos arquivos históricos existentes -especialmente a información referida aos foros dos mosteiros de San Xoán de Poio e de Santa María de Armenteira- para documentar a existencia deste lugar e tamén os "eventos meteorolóxicos extremos causantes de danos materiais e persoais" que determinaros a súa desaparición baixo a area.
Xa dende comezos do século XVII (aínda que os problemas comezaron probablemente un século antes) os habitantes do lugar reclamaban a redución dos foros que debían pagar aos mosteiros, ante os froitos cada vez menores que obtiñan das súas colleitas
O que hoxe é un espazo dunar era séculos atrás un terreo cultivable, cheo de leiras produtivas. O estudo centrouse particularmente na documentación referida aos séculos XVI e XVII, un período no que en varios momentos aparece a preocupación polos "problemas causados pola area", coa redución do terreo cultivable e a menor produción das colleitas neste lugar que cada vez máis se ía enchendo da area que introducían os fortes temporais e as enchentes do mar.
Así, xa dende comezos do século XVII (aínda que os problemas comezaron probablemente un século antes) os habitantes do lugar reclamaban a redución dos foros que debían pagar aos mosteiros, ante os froitos cada vez menores que obtiñan das súas colleitas: "con abenidas y temporales de la mar se cubrio de arena y las ca-sas del dicho lugar se ynchieron de arena y agua de suerte que las casas y eredades todas ellas hestan cubiertas de arena en tanta cantidad que no eran de ningun provecho".
Dúas son as posibles hipóteses: "a primeira contempla un único acontecemento moi extremo. E a segunda, unha tempestade excepcional, pero seguida dunha sucesión de temporais máis propios da zona", eventos que incrementaron a erosión costeira
Este e outros documentos dan conta duns terreos cada vez menos produtivos e que acabaron cubertos completamente pola area, dando lugar ao actual espazo dunar que nas últimas décadas, ademais, foi poboado con piñeiros, antes ausentes. Os habitantes deste núcleo acabaron por abandonar o lugar, polo que posteriormente foron desaparecendo as construcións nas que vivían e traballaban e tamén os camiños que empregaban e tamén os microtopónimos tradicionais, que si constan na documentación histórica. Os campos de cereais foron, ademais, subsituídos por cultivos vinícolas.
O traballo de Andrés Pino sinala que "este acontecemento meteorolóxico produciuse na primeira parte do século XVI", aínda que baralla que a "orixe das características desérticas do lugar son obxecto de discusión". Dúas son as posibles hipóteses: "a primeira contempla un único acontecemento moi extremo. E a segunda, unha tempestade excepcional, pero seguida dunha sucesión de temporais máis propios da zona", eventos que incrementaron a erosión costeira.
Nunha reportaxe de Faro de Vigo unha veciña de Hío daba conta de que no lugar "houbera unha aldea e despois veu unha galerna e afundiuna"
Na reportaxe publicada por Manuel Gago en Culturagalega.org faise referencia a dúas reportaxes escritas por Anxo Coya en Faro de Vigo no ano 2020 nas que o autor botaba man da tradición oral e de procuras en bases de datos para informar da presenza dunha aldea soterrada no areal de Barra. Nas reportaxes, unha veciña de Hío daba conta de que no lugar "houbera unha aldea e despois veu unha galerna e afundiuna".
A Pequena Idade de Xeo
A Pequena Idade de Xeo foi un período de arrefriamento -especialmente no Atlántico norte- que tivo lugar entre os séculos XIII e XIX e, sobre todo, ao redor dos século XVI, XVII e XVIII
A Pequena Idade de Xeo foi un período de arrefriamento -especialmente no Atlántico norte- que tivo lugar entre os séculos XIII e XIX e, sobre todo, ao redor dos século XVI, XVII e XVIII e que sucedeu a outro período de temperaturas máis elevadas denominado Óptimo climático medieval, entre os séculos X e XIV. Houbo unha sucesión de primaveras frías e outonos con moita chuvia e tamén de veráns frescos e de invernos con temperaturas moi baixas.
Os seus efectos están documentados en fontes escritas e tamén en pinturas que amosan paisaxes invernais e ríos e lagos conxelados en zonas de Europa nas que isto foi posteriormente moito menos habitual. Os efectos do frío ou da chuvia sobre as colleitas foron importantes e tamén están documentados episodios de inundacións ou de tormentas inusualmente fortes, o mesmo que relevantes períodos de secas.