A catedrática de Intelixencia Artificial Amparo Alonso, coordinadora do premio Stephen Hawking para os institutos galegos

Amparo Alonso © Xurxo Lobato

O IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela convoca a sexta edición do seu Premio Stephen Hawking. Este galardón, que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Educación e co apoio de empresas e entidades como Finsa, Ternera Gallega e Feiraco, ten como obxectivo difundir a cultura científica e estimular a vocación investigadora entre o alumnado de Bacharelato. Nesta ocasión o certame contará como coordinadora deste sexta edición con Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961), catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña. 

O certame ten como obxectivo difundir a cultura científica e estimular a vocación investigadora entre o alumnado de Bacharelato

Este certame ábrese a todo o alumnado dos centros galegos, en especial aos que imparten o Bacharelato STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e aos centros estatais que imparten o programa de Bacharelato Internacional. Poderase participar de forma individual ou en grupos de non máis de 4 integrantes, baixo a supervisión dun profesor do centro ao que pertenzan.

As liñas de traballo que deberán seguir os proxectos concorrentes xirarán ao redor de dous grandes eixos. O primeiro deles, a figura de Amparo Alonso Betanzos e a súa contribución á intelixencia artificial. E o segundo, as ideas básicas que suxire o lema desta edición do Premio: INTELIXENCIAS. Polo tanto, poderán concorrer proxectos vencellados aos campos da bioloxía e xeoloxía, da física e a química, das matemáticas, do ámbito tecnolóxico, das ciencias sociais ou traballos de índole artística. As bases pódense consultar nesta ligazón.

Entrega da quinta edición dos premios © IES Rosalía de Castro

Recoméndase en todo caso que os proxectos participantes estean adaptados en estrutura e en contido aos parámetros dun traballo de investigación que puidese culminar nun artigo susceptible de ser publicado en revistas científicas. Os textos seguirán, polo tanto, as pautas habituais das publicacións científicas. 

O prazo de presentación remata o 1 de marzo de 2024. O 12 de abril daranse a coñecer os finalistas e o día 19 dese mesmo mes, realizarase unha exposición pública de cada traballo seleccionado como finalista ante o xurado no IES Plurilingüe Rosalía de Castro. O Auditorio deste centro compostelá acollerá a entrega dos galardóns. 

Amparo Alonso Betanzos 

Amparo Alonso Betanzos (Vigo, 1961) licenciouse en Química coa especialidade de Química Industrial (1984) e doutorouse en Física (1988) na Universidade de Santiago de Compostela. O foco do seu traballo investigador dirixiuse á area de informática biomédica durante o desenvolvemento da súa tese de doutoramento, estudando e aplicando técnicas informáticas en campos relacionados coa medicina e a clínica, máis concretamente na monitorización antenatal. Posteriormente, continuou investigando en informática clínica, completando a súa formación posdoutoral no Medical College de Georgia (nos EUA), traballando no desenvolvemento de Sistemas Expertos para aplicacións médicas.

Ademais de ser unha firme defensora das aplicacións da intelixencia artificial, Amparo Alonso ten un forte compromiso coa igualdade de xénero en ciencia

É catedrática de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña, centro no que coordina desde o ano 1990 o Grupo LIDA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial), pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC).

No seu amplo currículo, pódense destacar fitos como o de ser a primeira española bolseira no Programa L’Oréal-Unesco For Women in Sciencie en 1998. En 2018, formou parte do grupo de traballo en Intelixencia Artificial que asesorou na Estratexia Española para este campo e en 2020 recibiu o Premio María Josefa Wonenburger Planells, outorgado pola Xunta de Galicia. 

Ademais de ser unha firme defensora das aplicacións da intelixencia artificial, ten un forte compromiso coa igualdade de xénero en ciencia, formando parte do Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.