Poñamos que son cidadáns con dificultades de mobilidade, persoas maiores, con algunha diversidade funcional ou enfermas e necesitan realizar unha operación bancaria ou recibir un resultado médico sen desprazarse até a súa sucursal ou centro hospitalario. Ou simplemente padecen o tedio da maraña burocrática, o tráfico e o custo dos desprazamentos e as atrocidades dun horario laboral medio ou dun desemprego desquiciante. Como cobrar a distancia ese recibo, ingresar unha factura, saber se todo vai ben na súa saúde asegurando a privacidade e confidencialidade? É dicir, como pode o banco ou o hospital ter por teléfono garantías de que vostede é vostede e non un impostor, verificar a súa identidade dun modo alcanzable para o sistema? Segundo Elías Pérez Carreira, a solución atópase en IdentityCall, un dos inventos da súa empresa, Quobis (situada no Porriño e con sede en Madrid), premiado co MIT Technology Review Innovadores Menores de 35 en 2012.
IdentityCall postúlase como unha aplicación "con grandes posibilidades de servizo no futuro para toda a cidadanía", que parte como solución a un problema concreto existente. Coñecedores de que os identificadores de voz empregados, por exemplo, na banca para xestións bolsistas ocasionaban falsos positivos ou negativos, "ao ser sensibles a oscilacións comúns, coma se estás acatarrado ese día ou che sae voz de pito", desenvolveron un produto máis efectivo para estas compañías.
"Vemos moitísimos casos de fraude telefónica de diversa natureza e que, por desgraza, xeran cuantiosas perdas"
"No noso día a día, traballando dentro das redes dos operadores de telecomunicación, vemos moitísimos casos de fraude telefónica de diversa natureza e que, por desgraza, xeran cuantiosas perdas", explica Pérez. De feito, o 18% dos españois afirma ser vítima dun roubo de identidade, segundo unha enquisa da consultora Dynamics Market. Un estudo de Eurostat sitúao nun 7% de internautas. Estes delitos figuran no Código Penal como usurpación de estado civil, pero non son sinxelos de detectar nin de demostrar legalmente. "Coa tecnoloxía que proporcionamos, o usuario só necesita un DNI electrónico -e un lector, que rolda os 10 euros- ou un certificado dixital sobre comunicacións WebRTC e unha clave". "E hai que ter en conta que a nosa tecnoloxía posibilita, ao mesmo tempo, novos servizos, especialmente naquelas áreas sensibles á identidade do cidadán como a relación coa administración ou servizos de saúde".
Os casos de espionaxe da NSA espertan interese
O Estado español é líder en identificación de criminais a través da voz. Hai demanda no sector militar e o dos servizos secretos. Non é a clientela habitual de Quobis que, con todo, notou maior interese no seu produto tras os casos de espionaxe da Axencia de Seguridade Nacional estadounidense. "Co escándalo da NSA, para a opinión pública púxose de manifesto a relevancia e problemática asociada á identidade e integridade das comunicacións. Serviu para que se entenda un pouco mellor o problema que resolvemos. Aínda que é certo que nas contornas profesionais onde nos movemos nós xa era un feito relevante. Hai moitas empresas achegando solucións, algunhas delas españolas e con moito éxito por exemplo a catalá Password Bank, adquirida no 2013 polo xigante Symantec".
O perfil de Quobis
Quobis é "unha enxeñaría galega que ofrece solucións de comunicacións unificadas a operadores de telecomunicación e grandes empresas" Servizos de telefonía, videoconferencia, mensaxería instantánea, transferencia de arquivos e presenza forman parte da oferta desta empresa cofundada en 2006 por dous enxeñeiros de telecomunicacións da Universidade de Vigo -Iago Soto e Elías Pérez- que creceu até unha vintena de empregados de alta cualificación. Tamén o fixo cara ao exterior: 30% do seu mercado provén actualmente do negocio internacional, cun forte crecemento en países de Asia.
Imaxino que o camiño de montar a súa propia empresa non foi sinxelo. Que lle parece a nova lei de apoio aos emprendedores, mellora a situación?
Mentiría se dixese que lin a lei, porque os emprendedores temos cousas máis importantes das que ocuparnos, aínda que pareza paradoxal.
Pero cre que existe un apoio ao emprendedor ou é un discurso sen base real?
En xeral non é só que o goberno nos apoie relativamente pouco, sirva como exemplo a recente subida do custo de autónomos, que é o xermolo do emprendemento, senón que a sociedade en xeral tampouco está preparada para acollelos.
Está comprometido o goberno e as grandes compañías nos investimentos e financiamento dos emprendedores españois?
"É moi habitual que os responsables de compra tecnolóxica, da administración ou de grandes empresas, opten por adquirir solucións de fabricantes estranxeiros"
No noso sector, por exemplo, é moi habitual que os responsables de compra tecnolóxica, da administración ou de grandes empresas, opten por adquirir solucións de fabricantes estranxeiros, en lugar de apostar polo software desenvolvido en España. Iso noutros países non pasa, onde as súas grandes empresas realizan un efecto tractor das startups que lles axuda a saír adiante con boas referencias.
Abriulles portas o feito de recibir un premio como o MIT Technology Review Innovadores Menores de 35 en 2012?
Si. O premio do MIT abriunos algunha porta en clientes nos EUA que doutra maneira teriamos pechada, e tamén xerou interese de investidores de capital risco na compañía, aínda que por agora non estamos a traballar nesa liña de financiamento. Tanto para min como para Quobis foi moi gratificante o feito de que recoñezan que a tecnoloxía que estamos a facer ten sentido e que, dalgunha maneira, reforza a nosa idea de que imos polo bo camiño.
Só o 20% dos mozos investigadores españois no estranxeiro exponse regresar a España. Sorpréndeo?
Desde logo que non, coa situación actual é moi complicado pensar en regresar.
Recordo que nunha entrega de premios aos 60 mellores expedientes universitarios de Galicia, o presidente da Xunta outorgou como galardón 2.500 euros e unha maleta a cada un. É este un resumo perfecto da situación?
"Descoñezo a que responsable de protocolo se lle ocorreu, pero sería el quen debería coller a maleta"
A min persoalmente pareceume unha falta de respecto de cara aos premiados. Descoñezo a que responsable de protocolo se lle puido ocorrer algo así, pero sería el quen debería coller a maleta e deixar o seu posto de traballo. De feito, cando pasou este tema, en Quobis fixemos unha entrada no noso blog titulada A túa maleta por unha bolsa que tivo bastante acollida en redes sociais, aínda que non tanto como nosa comparativa de Silicon Valley con Galicia (Come to Galifornia). Con ela pretendiamos demostrar que, a pesar das dificultades, en Galicia tamén se pode crear e exportar tecnoloxía, aínda que a administración non axude, ou nalgún caso, poña trabas ou deixe sen executar orzamento para innovación, que é peor aínda.
Vostede estudou en París. É diferente noutros países?
Si, absolutamente. Por exemplo, noutros países preocúpanse moito pola integración temperá dos estudantes en prácticas en empresas nos últimos cursos de carreira, e trátase dunha integración real. É dicir, non pon aos estudantes a facer fotocopias, senón que a empresa de destino asigna un titor que realmente involucra o estudante no día a día. Esta experiencia é importantísima para asentar e dirixir a carreira profesional do estudante.
Por outra banda, parece que tamén existe unha falta de recoñecemento social. En xeral descoñécense os logros da ciencia e a innovación, salvo que suscitasen algunha polémica. Talvez xúntase a absoluta desidia do goberno, coa falta de profundidade dos medios e o escaso hábito da cidadanía ou como o ve vostede?
"Habitualmente quedan fóra do foco mediático as iniciativas tecnolóxicas que merecen ser analizadas"
En certo xeito, é a pescada que morde a cola: se non hai casos de éxito soados, o cidadán medio non pensa en investir o seu diñeiro en empresa tecnolóxicas pequenas que poida ter un crecemento exponencial, senón que se inclina a deixar os seus aforros no banco ou investir no sector inmobiliario. E ao non haber investimento en tecnoloxía, tampouco chegarán os casos de éxito.
Si, niso ademais teñen certa culpa os medios de comunicación xeralistas, especialmente ao falar de noticias tecnolóxicas, xa que hai moi pouco rigor respecto diso e elevan ao tamaño de Google ou Facebook calquera iniciativa local sen maior transcendencia para os que estamos no sector. E habitualmente quedan fóra do foco mediático aquelas iniciativas que si merecen ser analizadas, e cada ano hai en España un par delas de gran relevancia.
Neste momento, todo o I+D de Quobis enfócase na denominada WebRTC (Comunicacións en tempo Real a través da Web).
Si. O que persegue esta tecnoloxía, que está a ser promovida por nomes ben coñecidos como Google ou Cisco, é a unificación dos servizos de comunicacións no navegador web, xa que é o principal software que usamos diariamente para navegar ou ler o correo electrónico.
As utilidades para xestionar a atención ao cliente din que son múltiples. E, ao parecer, para os usuarios individuais, nun futuro próximo Whatsapp, Line, Skype... talvez poderían ser historia e non habería que instalar nada para substituílos. Moitos servizos web xa usan RTC (Comunicacións en tempo Real), pero con patentes custosas, e necesitan descargas. WebRTC abre os códigos. Aínda que por tras están, como di, nomes ben coñecidos e operadoras dominantes como Movistar. É o futuro próximo?
Por agora esa unha tecnoloxía incipiente, xa que os estándares están aínda en discusión, pero Quobis está moi ben situada a nivel mundial e temos moitas esperanzas depositadas nela. De feito estamos xa facendo diñeiro con esta tecnoloxía posto que estamos a participar nos primeiros proxectos pilotos a nivel mundial con diferentes operadores. Como toda tecnoloxía incipiente aínda ten moito que demostrar, pero o potencial é moi grande.