A negativa da USC a consolidar os contratos de 17 investigadores e a inacción da Xunta revelan a escasa preocupación do goberno galego e dalgúns equipos reitorais por potenciar o I+D+i. A pesar de que o pasado 25 de xaneiro o Consello de Goberno da USC anulou a decisión de consolidar só cinco prazas dos contratados do programa Parga Pondal por erros formais, o reitor da universidade compostelá, Juan Casares, mantense firme na súa decisión de non contratar os 17 investigadores restantes, como se viña facendo até o de agora.
O BNG preguntou no Parlamento, a través de Carlos Aymerich, polas medidas que a Xunta consideraba adoptar para consolidar a relación dos Parga Pondal. A resposta do goberno galego, este luns, foi desentenderse do tema, pois a finalidade destas bolsas é a de “formar investigadores” non a de “estabilizalos”. A Consellaría de Educación afirma que a estabilización destes investigadores e investigadoras “depende da planificación de persoal e das estratexias de captación de talento” de cada unha das universidades e salienta que esta situación se produce unicamente na de Santiago e non nas de Coruña ou Vigo.
Este caso, alén da situación persoal que lle crea a cada un dos 17 investigadores e investigadoras que perderán o seu traballo, e o prexuízo que lles causa aos seus respectivos equipos e departamentos, revela a escasa preocupación do goberno galego e dalgunhas universidades por potenciar a investigación e o I+D+i. Hai unhas semanas o Goberno Central anunciou que as medidas de redución de gasto incluían un recorte de 600 millóns de euros nas subvencións e empréstitos en I+D+i. Carlos Pajares, reitor da USC entre 1984 e 1990 e catedrático de Física, láiase de que se están dando pasos atrás nos avances que se produciran na última década en materia de políticas de investigación, nos que se pasou dun investimento do 1,1% a un 1,39% do PIB. Pajares sinala que en Galicia este parón xa se advirte dende a chegada ao poder de Alberto Núñez Feijoo, “nos que pasamos do quinto ao décimo posto en investimento en I+D entre as 17 autonomías”.
Un restroceso de vinte anos
"A ciencia é coma unha bicicleta: cando deixas de pedalear, caes”
Gabriel Santos Durán, voceiro de Precarios Galicia, afirma que “este recorte únese aos que xa viña realizando o PSOE nos últimos anos de lexislatura, despois de que no comezo aumentara o investimento en investigación. Estamos á espera de que se especifique en que partidas se vai realizar o recorte: hai unha partida de proxectos, outra de recursos humanos, e hai outra de préstamos a empresas. É moi diferente se o recorte se fai nos dous primeiros bloque ou neste último”. Santos alerta de que “tanto se se recorta en proxectos ou en persoal investigador, o traballo dos grupos de investigación se vai debilitar. E isto é un círculo vicioso, porque o financiamento para proxectos novos conséguese en función do traballo realizado con anterioridade. A ciencia é coma unha bicicleta: cando deixas de pedalear, caes”.
Pola súa banda, a Liga Estudantil tamén apoia as reivindicacións dos investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal porque “non se poden cambiar as regras de xogo á metade do partido, e se existía o compromiso de estabilización con este colectivo debería terse realizado”. A Liga lembra, ademais, “a importancia destes programas de bolsas para xerar e fixar investigadores galegos nas universidades galegas. Un colectivo que xera valor engadido á Universidade e investigación que redunda positivamente no país non pode ser botado á rúa para que teñan que emigrar e ser contratados por centros de investigación ou universidades de fóra de Galiza”.
"Estamos retrocendendo vinte anos"
En opinión de Antonio Pérez Casas, que foi asesor do Conselleiro de Innovación e Industria para a Sociedade da Información entre 2005 e 2009, a situación da investigación en Galicia, que se realiza case exclusivamente nas universidades, "é gravísima, estamos retrocedendo vinte anos". Os orzamentos estanse reducindo cada ano dende o 2009 "pero a situación é moito máis grave se ti miras as convocatorias efectivamente feitas, convocadas. No ano 2008 as convocatorias para proxectos de investigación foron de 38 millóns de euros, e no 2011 foron de seis millóns. É dicir, orzaméntase, pero non se convoca. Estase convocando menos dun 15% do orzamentado". Se miras só os orzamentos, parece que en I+D+i se está recortando menos que noutras áreas, pero a realidade é que o recorte é mesmo maior". Isto afecta directamente ao financiamento xeral das universidades, pois ao redor do 15% dos fondos concedidos a un proxecto pasan á Universidade para gastos xerais. Estes recortes en moitos casos aínda non se están percibindo, pois moitos proxectos son plurianuais, e os fondos foron concedidos antes do 2010, pero a redución vaise notar de cheo nos vindeiros anos.