A Fundación da UDC leva promovidos máis de mil contratos en I+D

José María Barja, presidente do Patronato da FUAC e Juan Carlos Bugallo, director xerente Dominio Público Praza Pública

A Fundación da Universidade da Coruña (FUAC) convértese nun polo esencial como impulsor de emprego para os universitarios que se forman na UdC. Así o explicaron este mércores os responsables de devandita fundación, que con datos demostran que "ano tras ano as cifras da FUAC sobre inserción ao mercado de traballo dos alumnos que acoden á fundación como lanzadeira laboral ofrecen altos índices de empregabilidade".

Os programas formativos da entidade privada coruñesa son un vehículo básico que axuda ao recentemente licenciado "a vencer a barreira inicial que sente cando precisa dar o salto cara ao primeiro emprego", explica nun comunicado a Fundación, que actúa como unha interfaz entre a universidade e o mundo da empresa, á que nutre de persoal altamente cualificado. "A Universidade necesita que os seus alumnos atopen emprego e as empresas buscan na súa contorna próxima aos profesionais mellor formados", lembran.

En quince anos, a FUAC concedeu case 11.000 bolsas a estudantes e titulados universitarios para realizar prácticas en 900 empresas

Así, e segundo os datos, e só no capítulo de formación, en quince anos a FUAC concedeu case 11.000 bolsas a estudantes e titulados universitarios para realizar prácticas en 900 empresas. No período 2005-2010, a media reflicte que conseguiron emprego ao finalizar estas prácticas o 73% dos estudantes. Esta porcentaxe ascende até o 77% entre os que conseguiron un contrato laboral no tres primeiros meses despois do período bolseiro. No ano 2011 consolídase aínda máis como a primeira entidade de Galicia en número de prazas ofertadas con 1.300 prácticas.

Dentro dos plans integrais de emprego da Xunta, a FUAC conseguiu, a través do programa Uninsert, que o 71% dos participantes obtivesen contratos laborais e que se creasen seis empresas, resultados que fixeron que fose "a segunda mellor institución de Galicia neste programa do goberno galego".

A Fundación ademais formou 3.400 universitarios da UdC a través dos seus plans de formación intensiva para mellorar a empregabilidade. A isto súmanse outros 600 que puideron mellorar os seus coñecementos como emprendedores e apoialos na creación de novas empresas baixo o seu asesoramento e axuda.

A FUAC impulsou ao mercado laboral a 15.000 universitarios

Xa que logo, a FUAC impulsou ao mercado laboral con resultados de gran eficiencia a 15.000 universitarios. 11.000 a través de prácticas, 3.400 en programas formativos propios e 600 que foron orientados e apoiados como emprendedores. Administración e Dirección de empresas é a titulación con maior demanda laboral da UdC. Séguenlle, titulacións como enxeñaría técnica industrial, diplomatura en Ciencias Empresariais, Enxeñeiro informático, arquitectura, dereito, turismo e diplomado en relacións laborais.

Así mesmo, creáronse actividades para promocionar o I+D+i nas que entraron a formar parte 1.000 empresas. Actualmente, un total de 160 organismos nacionais e internacionais forman parte da rede de colaboradores da FUAC, a través dos cales é posible desenvolver proxectos de innovación. No ámbito xeográfico máis próximo, 200 Pemes melloraron a súa competitividade grazas a diagnósticos dos profesionais da fundación.

Do mesmo xeito, o seu labor directo co mundo empresarial reflicte un balance de 1.000 contratos de I+D (universidade-empresa) con máis de 700 empresas participantes, cun investimento por encima dos 25 millóns de euros. Os proxectos desenvolvidos desde a FUAC facilitaron a contratación de 180 investigadores, que puideron asinar contratos de traballo ligados a proxectos de colaboración con empresas.

En total, no campo da innovación e a cooperación internacional, a FUAC impulsou 70  proxectos de cooperación para fomentar iniciativas innovadoras  de conexión entre empresa e universidade. Entre os seus logros cómpre sinalar que foi valorada como Exemplo Europeo de Boas Prácticas en xestión e coordinación de Programas de Cooperación Territorial Europea.

Así, a "xestión responsable, cun modelo baseado na autofinanciación de todas as súas actividades", é outra das características que destaca a FUAC. Ademais de autofinanciar as súas accións, a fundación achegou ás arcas da UDC 1,8 millóns de euros.


 

José María Barja, presidente do Patronato da FUAC e Juan Carlos Bugallo, director xerente Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.