O 8 de marzo de 2003 o usuario ILVI creaba a primeira versión da portada da Galipedia e, cinco días despois, o 13 de marzo, creaba o primeiro artigo, dedicado á conxunción ou. Pouco despois, e tal como se reflicte no texto dedicado á propia Galipedia, chegaron os seguintes termos: cal, ciencias experimentais, ciencias humanas, ciencias ocultas, ciencias aplicadas e botánica. Dez anos máis tarde a enciclopedia libre en galego achégase á cifra dos cen mil artigos, aumentando cada vez máis a súa calidade grazas ao traballo de miles de voluntarios e aos mecanismos comunitarios de revisión entre iguais.
A Galipedia forma parte dun amplo movemento que empezou en xaneiro de 2001, cando se puxo en marcha a Wikipedia co obxectivo de que todo o coñecemento humano estea dispoñible para calquera persoa no seu idioma. A partir de aí fóronse creando versións da Wikipedia en varias linguas, habendo máis de 280 na actualidade. A Galipedia conta con varios proxectos irmáns, tamén libres e colaborativos, que complementan a enciclopedia como son o Galizionario, Galilibros, Galifontes e Galicitas.
Wikimedia España organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario, pero tamén de reforzar estes proxectos
Wikimedia España, o capítulo español dese movemento, organiza, xunto á comunidade de editores da Galipedia, un encontro o 9 de marzo en Santiago de Compostela co obxectivo de celebrar este aniversario, pero tamén de reforzar estes proxectos. Será unha oportunidade para atoparse galipedistas xunto a outras persoas implicadas no coñecemento e a cultura libre e na promoción da lingua e a cultura galegas.
O encontro, que terá lugar no Salón de Actos do Colexio Maior Fonseca da USC ás dez da mañá, contará con conferencias de José Manuel Abuin Mosquera, técnico de proxectos do CESGA, Antonio Gregorio Montes, administrador da Galipedia, e de Manuel Gago, director de culturagalega.org. A xornada pecharase coa intervención do avogado Javier de la Cueva, experto en propiedade intelectual, que falará sobre Coñecemento Libre e Democracia. Tamén haberá unha mesa redonda na que participarán varias empresas galegas que empregan licenzas libres e na que intervirán Denís Fernández Cabrera, de Urco Editora, Óscar Otero, de A Navalla Suíza, e Marcos Pérez Pena, director do xornal dixital Praza Pública.