A Universidade de Vigo lanza o dicionario online Galnet, que traduce do galego a outras dez linguas

Captura da aplicación, que se pode descargar en Google Play © Universidade de Vigo

O Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo vén de publicar en Google Play, o dicionario Galnet, que inclúe traducións e sinónimos para dez linguas, dende o galego ao chinés (simplificado e tradicional), pasando polo inglés, o alemán, o francés, o italiano e polo portugués, o español, o catalán e o euskera. O dicionario suma un total de 725.000 palabras, das que 70.000 corresponden a verbas en galego.

 O dicionario suma un total de 725.000 palabras, das que 70.000 corresponden a verbas en galego

Dende a Universidade de Vigo destácase que se trata do maior dicionario plurilingüe do galego en app. Galnet utiliza o repertorio léxico de WordNet, un proxecto internacional no que participa o SLI desde 2010 "co obxectivo de integrar o léxico galego nesta rede semántica interlingüística”, explica o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xavier Gómez Guinovart.

Gómez Guinovart sinala que constitúe "un recurso léxico-semántico para a lingua galega estándar para todas as aplicacións informáticas que traballan coa linguaxe". É o mesmo recurso que emprega Google Translate como apoio no seu proceso de tradución en calquera das linguas. 

O tradutor de Google segue un modelo estatístico, de modo que almacena moitas traducións entre dúas linguas e, a partir de aí, deduce as regras que traducen entre unha e outra lingua. “Pero ás veces as inferencias estatísticas non chegan para producir unha tradución aceptable e necesita recorrer a recursos máis precisos como os dicionarios bilingües e, neste caso, o recurso multilingüe seleccionado é o WordNet", di.

Xavier Gómez Guinovart, responsable do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo © Uvigo

Esta ferramenta para a lingua galega desenvolveuse no marco do proxecto Skater, no que participaron tamén as universidades do País Vasco, Pompeu Fabra, Barcelona e Politécnica de Cataluña

Ademais, polo formato propio de WordNet, pensado para ser manexado por ordenadores, permite unha utilización moi doada no ámbito da lingüística computacional ou do procesamento da linguaxe natural. Con todo, e a pesar de que está deseñado para ser empregado no eido da intelixencia artificial, “tamén ofrece moitas utilidades para a consulta lexicográfica directa dos seus contidos”, engade.

Esta ferramenta para a lingua galega desenvolveuse no marco do proxecto Skater (Scenario Knowledge Acquisition by Textual Reading), no que participaron tamén as universidades do País Vasco, Pompeu Fabra, Barcelona e Politécnica de Cataluña, baixo a coordinación desta última. Foi un traballo que contou cun financiamento estatal de tres anos de duración e un orzamento total de 400.000 euros e dentro do cal se desenvolveron tamén os WordNet do catalán, do euskera, do español e do portugués.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.