Nos últimos dous anos a USC aprobou 83 promocións de profesores á categoría de catedráticos, 52 en 2010 (a metade con trámites que comezara o equipo de goberno de Senén Barro e a outra metade iniciadas xa polo equipo de Juan Casares Long) e outras 31 en 2011. 83 novos catedráticos e catedráticas que cobran un extra salarial de 8.340 euros ao ano, sumando un custe engadido para a USC de 692.220 euros cada ano.
Porén, o pasado mes de decembro a USC decidiu non consolidar as prazas de 17 investigadores e investigadoras do Programa Parga Pondal, como se viñera facendo até entón, e estas persoas deixaron de ter vinculación coa universidade unha vez que rematou o prazo das súas bolsas de investigación. Estas estabilizacións contractuais terían un custe máximo de 736.950 euros ao ano, no caso de que a todos se lles convertese o seu contrato de investigador nun contrato de profesor contratado doutor (43.350 euros anuais), pero moi inferior se se optase por un contrato de profesor titular (32.318,06 euros por ano).
nº | custe anual | custe con subvención | |
---|---|---|---|
Promoción de catedráticos | 83 | 692.220 | 692.220 |
Consolidación de investigadores con contrato de profesor contratado doutor | 17 | 736.950 | 0 |
Consolidación de investigadores con contrato de profesor titular | 17 | 547.707 | -189.242 |
Cando menos 5 das 17 plazas solicitadas polos departamentos para manter estes investigadores nos equipos eran de profesor titular, polo que o custe máimo non superaría os 681.790,3 euros por ano. Ademais, a Xunta subvenciona a formulación de contratos estables para os Parga Pondal con 43.350 euros durante os tres primeiros anos, polo que o custe para a USC sería nulo.
Denúnciase que dado que os profesores titulares non imparten máis horas de clase cando ascenden a catedráticos, o custe das promocións non achega beneficio ningún
Dende o colectivo investigador da USC denúnciase que dado que os profesores titulares non imparten máis horas de clase cando ascenden a catedráticos, o custe das promocións non achega beneficio ningún para a universidade nin para os alumnos e alumnas. Pola contra, os 17 investigadores do programa Parga Pondal si tiñan a docencia entre as súas funcións, polo que coa súa marcha, esas horas que impartían teñen que ser repartidas entre o corpo docente restante, ou a USC terá que contratar novo persoal.
Ademais, os investigadores constituían unha importante fonte de recursos para a institución, pois a súa actividade investigadora, a través de concursos de libre concorrencia, acadou no ano pasado unha cantidade moi importante de axudas europeas e estatais para o desenvolvemento de proxectos.
Critícase a contradición na que incorre o equipo de goberno da USC ao incrementar os custes nos pagos a catedráticos e manter un discurso de "austeridade"
Dende o colectivo investigador denúnciase que as promocións a catedráticos foron "unha estratexia política do reitor para facilitar a súa reelección". Así mesmo, critícase a contradición na que incorre o equipo de goberno da USC ao incrementar os custes nos pagos a catedráticos e manter un discurso de "austeridade" e problemas de financiamento, que xustificaría a imposibilidade de consolidar o persoal investigador.
