A Xunta gábase de pagarlle menos a Microsoft mentres lle encomenda os ordenadores novos

Información da Xunta sobre o gasto en licenzas Microsoft © Xunta

Xuño de 2012. A Consellería de Facenda dispón o gasto de algo máis de 100.000 euros para mercar 110 ordenadores que, obrigatoriamente, han ter Windows preinstalado. Setembro de 2012. O Parlamento disponse a mercar os ordenadores portátiles que empregarán os deputados e deputadas na nova lexislatura; financia a operación con 120.000 euros -incluía tamén impresoras- e esixe que os equipos veñan con Windows. Febreiro de 2013. Facenda organiza unha nova licitación de equipos informáticos cun orzamento de 199.650 euros, todos teñen que vir con Windows. Maio de 2013. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia disponse a surtir de material informático a diferentes departamentos da Xunta; a compra inclúe un lote de 581 ordenadores, todos con Windows, por 421.806 euros.

Os anteriores son só algúns exemplos da dependencia que, a efectos prácticos, manteñen a Xunta e outras institucións autonómicas con Microsoft no que respecta aos seus ordenadores. En pouco máis dun ano máis de 800.000 euros públicos serviron para financiar a compra de máis de 1.000 ordenadores atados ao sistema operativo privativo da multinacional americana. Malia manter esta política de compras, coa conseguinte ligazón ao programa estrela da empresa fundada por Bill Gates, o Goberno galego insiste en que está a traballar con intensidade na extensión do software libre na Administración. A última vez, este mesmo xoves.

En pouco máis dun ano gastáronse máis de 800.000 euros en ordenadores co sistema operativo de Microsoft

O Consello da Xunta tivo sobre a mesa da súa reunión semanal un informe segundo o cal se dispón a "reducir nun 50% o custo das licenzas de Microsoft para toda a Administración autonómica". Antes, explica o Executivo, pagábanse 10,5 millóns "por tres anos de licenzas", agora pagara "un máximo de 5,3 millóns de euros polo mesmo período de tempo". Isto acontece non porque se renuncie a utilizar Windows ou outros programas privativos, senón porque se "reformulou a situación contractual herdada con esta empresa, unificando todos os contratso das consellerías e organismos nun único contrato". "As licenzas que se renovan son para sistemas que soportan múltiples aplicacións que dan servizo a toda a cidadanía", di a Xunta.

Sen xustificación para os ordenadores novos

O panorama antes descrito prodúcese nun contexto no que a Xunta asegura que xa está a apostar "polo software libre cando sexa a solución máis competitiva" e por iso vai elaborar neste ano "un estudo sobre a migración a software libre" en diferentes ámbitso de xestión, tendo en conta "o impacto, as necesidades formativas e a viabilidade da migración". Non obstante, este anuncio ten letra pequena: a migración producirase "exclusivamente" en "ferramentas ofimáticas", por exemplo, os paquetes de Office, pero non en sistemas operativos. Operacións coma esta son as que lle permiten ao Executivo asegurar que "a porcentaxe de ordenadores con software libre na Administración autonómica, que pasaron do 46% en 2009 ao 94% no día de hoxe".

Feijóo mantén que "máis do 95%" dos ordenadores da Xunta son "libres", pero non explica se seguirán esixindo Windows para os equipos novos

Pero, a Xunta seguirá esixindo Windows nos seus computadores novos? Esta foi a pregunta formulada por este diario ao presidente da Xunta despois de que explicase as intencións do seu gabinete. "Estamos dando todos os pasos para implementar" o plan de migración, di Alberto Núñez Feijóo, quen evidencia que "o primeiro é tomar unha decisión", apostar polo software libre. Segundo Feijóo, "todo o que atopamos en 2009 como un sistema pechado" foise "diminuíndo os custes, incrementando os aforros, cousa que facemos". A idea é que "os programas informáticos que poñamos a funcionar ex novo, todos poidan discurrir en sistemas libres ou abertos", tenta explicar o presidente, que conclúe que "pasamos aproximadamente do 47% de ordenadores libres a máis do 95% de ordenadores libres". Semella que cómpre agardar pola resposta.

Reunión do Consello, este xoves © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.