A Xustiza reitera que os sitios de ligazóns son legais

Captura do sitio denunciado © Multiestrenos

A Xustiza fala, unha vez máis, no mesmo sentido. Mentres o Goberno central mantén plenamente activa a comisión administrativa herdada do Executivo de Zapatero para sancionar posibles faltas contra a propiedade intelectual -a coñecida como 'Comisión Sinde'- os tribunais volven ditaminar que as precaucións gobernamentais non collen no ordenamento xurídico. Desta volta foi un xulgado de Bilbao o que deixou claro que os sitios de ligazóns, isto é, as webs que dan acceso a descargas a través de programas baseados na tecnoloxía peer to peer (P2P) non son ilegais.

O ditame, difundido polo avogado da defensa, David Bravo, bota por terra as teses da parte acusadora, a Asociación Española de Distribuidores y Editores de Software de Entretenimiento (ADESE) contra o sitio Multiestrenos. O tribunal, explica o letrado, amosa que "as páxinas de ligazóns favorecen o acceso ás obras, pero esa conduta non é equivalente a un acto de comunicación pública". "Tampouco -abonda- se pode falar de cooperación na comisión dun delito, dado que o intercambio de obras intelectuais entre particulares, actividade que se estaría facilitando coa ligazón, non é delitiva".

O ditame salienta que o intercambio se realiza "entre particulares" e "facilitalo" non é un delito

Baseándose nos "principios informadores do Dereito Penal" o auto xudicial alerta de que a asociación empresarial "pasou por alto" na súa demanda "que a páxina denunciada e as relacionadas con ela non aloxan contidos nin realizan directamente a descarga" dos mesmos. "É certo que facilitan, favorecen, a reprodución das obras, pero o contido radica nos equipos dos usuarios", evidencia, xa que "cando o usuario pica na ligazón obtén a copia no seu ordenador a través dun programa de intercambio de arquivos", pero non os descarga da propia web.

"Non hai sequera unha participación na transmisión" dos datos, di a sentenza

Neste contexto, o tribunal remítese a outra sentenza, emitida en 2011 por un xulgado de Barcelona, para lembrar que os datos destas descargas "non pasan polo servido onde se aloxa o sitio web de ligazóns, de tal xeito que o usuario que descarga non recibe os datos a través do sitio de ligazóns, senón directamente dende os ordenadores que aloxan ese arquivo". "Non hai, pois, nin sequera unha participación na transmisión que puidese entenderse como unha sorte de retransmisión", aclara.

Así as cousas, dado que "tecnicamente, quen comunica e ofrece a obra é o usuario" e a web "o que fai é facilitar a localización dos arquivos que outros están compartindo", este acto "non supón unha posta á disposición" do arquivo. "O facilitar a localización dos arquivos que outros están comunicando publicamente ou favorecer indirectamente a reprodución das obras non é o mesmo" que realizar condutas que si son delito, conclúe a resolución, contra a que cabe recurso.

Captura do sitio denunciado © Multiestrenos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.