Os videoxogos tamén son cultura. Partindo desta premisa, este sábado inaugúrase en Cangas do Morrazo o MUVI: Museo do Videoxogo, a primeira instalación destas características en Galicia. A iniciativa débese ao impulso dos irmáns Jacobo e Galo Martínez, entusiastas do videoxogo que dende a década dos oitenta veñen adquirindo e conservando diversos dispositivos que agora se van expoñer neste espazo, situado en Trebella (Rúa Andalucía, 10), un lugar creado para acoller empresas e profesionais.
"Os videoxogos merecen ser abordados como unha manifestación cultural máis, lonxe do tratamento maniqueo de moitos medios convencionais"
"Os videoxogos merecen ser abordados como unha manifestación cultural máis, lonxe do tratamento maniqueo de moitos medios convencionais", destacan. "Parece que os videoxogos só son portada cando están relacionados con algún tema negativo. Parece que segue sendo cousa duns frikis, pero a realidade é que esta industria move máis cartos que o cine", destacaba no mesmo sentido Carlos Pereiro, impulsor de Morcego, a primeira revista dixital de videoxogos en galego.
O museo acolle consolas e xogos dende a década dos 70 ata o presente, buscando facer un percorrido pola historia deste sector e das súas creacións, imprescindibles para entender a cultura contemporánea. En total, pódense ver e tocar un total de 80 dispositivos, unha colección que se irá incrementando con novas incorporacións. O museo é "o resultado de anos de paixón e respecto polos videoxogos, vivíndoos como presente, logo como historia, e sempre pensando no futuro", engaden.
O museo acolle consolas e xogos dende a década dos 70 ata o presente
A idea de poñer en marcha un espazo museístico naceu hai case unha década e fortaleceuse nos últimos anos. Os dous irmáns integráronse na asociación Retrogalaicos (asociación que dende o ano 2016 traballa na conservación do ocio electrónico retro), participando en eventos como Retrosantiago, Retrovigo e Faneka Gaming. Ademais, participan en videoxogo.gal, iniciativa que busca representar os intereses económicos, culturais, sociais e profesionais das empresas e operadores independentes galegos que participan no sector do videoxogo e os contidos interactivos.
Jacobo e Galo Martínez destacan que o MUVI quere ser "moito máis que un espazo", pois ten como obxectivo "artellar unha comunidade local, buscando a conexión entre persoas". "O MUVI quere ser unha escusa o suficientemente boa como para xuntar a xente para falar, debater e xogar", din.
"O MUVI quere ser unha escusa o suficientemente boa como para xuntar a xente para falar, debater e xogar"
A presentación do MUVI será este sábado ás 12 horas. No evento combinarase a música (coa actuación en acústico de La casa de Los ingleses) e a arte contemporánea, coa inauguración dunha exposición de arte contemporánea dos artistas Mauro Trastoy, Santi Jiménez e Begoña Pastoriza. Nesta festa de inauguración participarán, ademais, profesionais do sector e autores do blog especializado Vida Extra, un dos máis importantes do sector.