Aclaracións sobre a sentenza que desconecta un galego de Internet por compartir música

A sentenza obriga a R a desconectar un usuario CC-BY-SA Praza Pública

O avogado David Bravo, experto en propiedade intelectual e dereito informático, analiza a sentenza que obriga a empresa R, que só opera en Galicia, a retirarlle o servizo de Internet a un dos seus clientes por compartir cancións a través dunha rede peer to peer (P2P).

Lin que condenaron un usuario de redes P2P por intercambiar arquivos, é iso certo?

Non exactamente, aínda que algo diso hai. A demanda realmente foino contra o provedor que daba o servizo de internet ao usuario e non contra el. O que fixeron foi demandar o provedor do servizo na súa calidade de intermediario ao que acode un terceiro para infrinxir dereitos de propiedade intelectual. O que pediron foi que se declarase que a actividade do usuario infrinxía dereitos de propiedade intelectual e que, en consecuencia, se obrigase o provedor do servizo a que cesase na intermediación da que se valía o usuario para cometer esa infracción.

E iso vén na lei?

O artigo 138 e 139. h) da Lei de Propiedade Intelectual prevé medidas de cesamento contra aqueles que sen ser infractores dun dereito de propiedade intelectual son con todo o servizo ao que acode un terceiro para cometer esas infraccións.

E pódenche cortar a conexión a internet?

A lei obriga a que as medidas de cesamento aplicadas sexan "obxectivas, proporcionadas e non discriminatorias" e a sentenza non motiva a proporcionalidade da medida adoptada. A desconexión do usuario, que afecta ademais a todos os que viven con el, pode considerarse desproporcionada. Non hai que esquecer que xa no seu día o Parlamento Europeo aprobou o informe Lambrinidis, que se opuña a Lei Hadopi francesa -que corta a conexión a internet do usuario de redes P2P- ao considerar que "o analfabetismo dixital será o analfabetismo do século XXI" e por entender que "garantir o acceso [a internet] a todos os seus cidadáns equivale a garantir o acceso á educación aos mesmos e mantendo que un tal acceso non pode ser denegado como castigo por gobernos ou entidades privadas".

E cal é a infracción que cometería o usuario e da que o provedor do servizo de internet sería intermediario?

Segundo a sentenza, a infracción do usuario sería reproducir e pór a disposición do resto de usuarios da rede P2P un total de 5.097 cancións.

E o usuario que dixo de todo isto?

O usuario nada, porque probablemente decatouse hoxe do que pasou.

E iso?

O usuario non foi identificado. Todo o que se sabe del é o seu número de IP e o seu nick. Como el non foi demandado, non interveu no procedemento.

Para min, neste punto o procedemento adoece dun fallo grave que levaría a súa nulidade. Daríase o que se coñece como "falta de litisconsorcio pasivo necesario". É dicir, a obriga de que participen no procedemento todas as persoas interesadas na cuestión que se discute e ás que afecte de forma directa a sentenza que lle poña fin. A Sentenza do Tribunal Supremo de 8 de marzo de 2006 di que "a figura de creación xurisprudencial do litisconsorcio pasivo necesario tende a evitar que poidan resultar afectados directamente por unha resolución xudicial quen non foron ouvidos en xuízo". 

O usuario, centro neurálxico de todo o procedemento, non dixo nada, non foi ouvido e non se puido defender

Neste caso entendo que o xulgado debeu apreciar de oficio unha falta de litisconsorcio pasivo necesario por ser evidente que ao usuario lle afectaba a sentenza que se ía a ditar. Por unha banda, porque lle declara autor de múltiples infraccións de propiedade intelectual e, polo outro, porque lle cortan a conexión a internet. O usuario, centro neurálxico de todo o procedemento, non dixo nada, non foi ouvido e non se puido defender. Aínda por riba, o demandado, é dicir, o provedor do servizo de internet non se opuxo á demanda e permaneceu en rebeldía, é dicir, que de forma voluntaria decidiu non comparecer nin dicir nada durante todo o proceso.

Entón supoño que o usuario recorrerá a sentenza para conseguir a súa nulidade.

Non creo que o anónimo e descoñecido usuario ao que se declarou responsable de múltiples infraccións de propiedade intelectual apareza agora para dar o seu nome e apelidos.

Antes de acabar, como souberon que o usuario tiña exactamente 5097 cancións?

As demandantes contrataron unha empresa que se dedica a investigar "infraccións de dereitos de propiedade intelectual",

As demandantes contrataron unha empresa que se dedica a investigar "infraccións de dereitos de propiedade intelectual", que constatou que o usuario tiña no cartafol compartido do programa P2P case 5.100 cancións. Despois descargaron tres cancións de mostra e déronllas a un perito que, aínda que a sentenza non o di, é un enxeñeiro de son que xa traballou noutras ocasións para PROMUSICAE. O seu traballo consiste en comparar dúas gravacións -a orixinal da discográfica e a descargada- para acreditar que son exactamente as mesmas e non, por exemplo, unha versión ou un cover da obra.

E todo para desconectar un usuario dos millóns que existen nas redes P2P? Moito diñeiro para tan pouco beneficio, non?

Non se consideras que a demanda que estás a interpor é unha proba piloto.

A sentenza obriga a R a desconectar un usuario CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.