Advirten de que os recortes poñen en risco o tecido de I+D+i construído nos últimos anos

Acto de protesta no Instituto de Investigacións Mariñas en Bouzas Dominio Público Praza Pública

Espazo Ecosocialista vén de presentar un informe sobre a situación da investigación no noso país. A formación considera que "o noso sistema produtivo non está suficientemente baseado na Investigación e a Innovación", denuncia que se atopa "afastado dos parámetros europeos" e reclama que "non haberá unha saída sólida da crise ata que esta debilidade en I+D+i se corrixa e se aposte por un modelo de desenvolvemento sustentable". Canda a esta análise o partido, integrado en Alternativa Galega de Esquerda, incorpora cinco propostas que van ser trasladadas ao Grupo Parlamentar de AGE para que presente unha proposición non de lei sobre este tema.

  1. Aposta polo I+D+i como aposta de futuro tanto para unha saída sólida da crise como para construír un novo modelo de desenvolvemento fora dos modelos produtivistas superados.
  2. Cambiar a tendencia dos últimos anos nas inversións públicas en I+D+i que nos sitúe por riba da media europea do 2% PIB, reequilibrando as partidas das inversións financeiras dirixidas a empresas cara a inversións non financeiras directas para a investigación e recursos humanos
  3. Posta en marcha a Axencia Estatal de Investigación, contemplada na Lei de Ciencia, e unha Axencia Galega de Investigación, como instrumento de coordinación das liñas existentes na tres universidades dotadas de orzamentos.
  4. Apoio as universidades dando marcha atrás nas subas das taxas que o unico que conseguiron foi facer diminuír o alumnado, sobre todo en postgtrado e doutoramento
  5. Partidas para Organismos Públicos de Investigación (OPIS) e sinerxias con empresas de innovación.

 

Denuncia do baixo investimento en I+D+i

Os ecosocialistas lembran que o gasto español en I+D+i é do 1,35% do PIB, mentres a media europea é do 2% e en paises como Alemaña está no 2,8%. E denuncian que a resposta do goberno partir do ano 2009 e acentuada nos últimos dous exercicios, "consiste en someter ao I+D+i a un constante retroceso que empeza a poñer en grave risco o tecido levantado desde a instauración da democracia, cos desenvolvementos ligados á posta en marcha da lei de Ciencia de 1986". A redución acumulada dos anos 2011 e 2012 no investimento público en I+D+I diminuíu máis dun 31%, o que a colocaría nun 1.1% do PIB, un retroceso aos niveis de 2005.

A formación sinala que os Orzamentos do Estado para I+D+i de 2013 presentan, por quinto ano consecutivo, un importante descenso que en conxunto alcanza o 7,21%, quedando por baixo dos 6.000 millóns de euros. Prodúcese un descenso do 13,68% das partidas non financeiras (subvencións), mentres que hai un incremento dos préstamos (partidas financeiras, dedicadas a empresas) e isto a pesar de que a realidade mostra que nos últimos anos unha parte moi importante destes fondos financeiros quedaron sen executar. No ano 2011 foron máis dun terzo dos fondos aprobados e estímase que neste ano 2012 serán máis de 1.200 millóns. O informe alerta a este respecto que "aumentar as dotacións das partidas financeiras en detrimento das non financeiras, como ocorreu sistematicamente nos últimos anos e proponse de novo para 2013 carece de sentido, a menos que con iso se pretenda ocultar a caída real dos gastos de investigación".

Para os ecosocialistas a situación que viven as Universidades, que supoñen máis do 60% da produción investigadora do país, é "preocupante". EE sinala que a situación tamén está afectando ao sector privado e neste senso o investimento en I+D por parte das empresas descendeu en 2011 por primeira vez desde que se teñen estatísticas. Finalmente o informe sinala que a Axencia Estatal para a Investigación "segue sen ver a luz" e os PGE 2013 non contemplan ningunha partida orzamentaria para ela.

Investimento en I+D sobre o PIB © Fundación Barrié
Acto de protesta no Instituto de Investigacións Mariñas en Bouzas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.