AGE pídelle á Xunta que amplíe o prazo de renuncia ás bolsas predoutorais e evite que se perdan un terzo delas

Rolda de prensa de David Fernández Calviño e dúas investigadoras predoutorais © AGE

Un terzo das 75 bolsas predoutorais da Xunta "podería perderse nun limbo burocrático", segundo o deputado David Fernández, se a Consellaría non atende ás reivindicacións dos estudantes que figuran na lista de espera. A situación derívase da concorrencia simultánea dalgunhas persoas ás bolsas da consellería e ás FPU (Formación do Profesorado Universitario) do Ministerio de Educación.

23 estudantes que tiñan concedida a axuda da Xunta recibiron, con meses de atraso, a notificación de que o ministerio tamén os admitía

En concreto, 23 estudantes que tiñan concedida a axuda da Xunta recibiron, con meses de atraso, a notificación de que o ministerio tamén os admitía. As condicións desta última bolsa son máis favorábeis –catro anos de duración fronte á tres da autonómica-, polo que usualmente os beneficiados con ela renuncian á bolsa da consellaría. Isto movería a lista de espera e permitiría a outros investigadores acceder ás axudas autonómicas. Pero os prazos das convocatorias e da renuncia ás bolsas provocan unha disfunción e fan que, ao non ter que optar polas bolsas do ministerio antes de que rematen os catro meses estabelecidos nas axudas da Xunta –o 22 de marzo-, até 23 bolsas poderían quedar baleiras.

Estas bolsas predoutorais da Consellaría de Educación fináncianse moi maioritariamente con cartos do Fondo Social Europeo. Se estes fondos non son empregados, a Xunta tera que os devolver. Fernández Calviño solicitoulle á Consellaría de Educación que modifique a orde das axudas e amplíe o prazo para que así 23 novas persoas –no lugar das que aceptarán a do ministerio- poidan beneficiarse das bolsas para levar adiante as súas investigacións. “Este tipo de programas contribúen a que as cousas melloren no noso país. A burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación”, afirmou.

“Este tipo de programas contribúen a que as cousas melloren no noso país. A burocracia non debe impedir o desenvolvemento da investigación”, afirmou David Fernández

Dúas investigadoras afectadas acompañaron ao parlamentario de AGE e explicaron como a Secretaría Xeral de Universidades lles asegurou a “imposibilidade” de solucionar o problema e que o único xeito sería “impugnar a convocatoria, pero xa estades fóra de prazo”. Do propio secretario xeral e do conselleiro só recibiron o silencio por resposta ás súas chamadas e correos electrónicos. “Modifícanse ordes continuamente”, expuxo Fernández Calviño, “e outras cousas axiña se cambian”.

Rolda de prensa de David Fernández Calviño e dúas investigadoras predoutorais © AGE

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.