As bacterias e a Prima de Risco

Efectos da Phytophthora infestans, causante da crise da pataca en Irlanda © extension.org

Patricia Veiga-Crespo, unha das autoras do Circo de Bacterias, o blog de microbioloxía de Praza Pública, lembra que ao longo da Historia houbo unha morea de crises económicas causadas por culpa dalgunha bacteria ou fungo e fai un repaso por varias delas: a crise do cogombro, a peste bubónica, a crise da pataca en Irlanda...

As bacterias do laboratorio levan unha tempada preocupadas. Andan coa mosca detrás da orella por como lles van afectar os recortes en I+D, non saben se terán para chegar a fin de mes, se se lles acabarán os medios de cultivo ou se terán que empezar a pagar un aluguer por usar a campá de cultivo ou a estufa… Incluso andan teimando sobre a Seguridade Social, o custo dos medicamentos e o acceso os antibióticos; se teñen que pagar o dez por cento de cada receita van ir moi xustas, por non falar de que moitas entraron no país dunha maneira un tanto clandestina: en latas de alimentos, nalgún pasaxeiro despistado… polo que están a piques de perder a cobertura sanitaria.

O colmo xa foi cando empezaron a matinar no rescate de Bankia… Que se elas non provocaran a crise!

Hoxe estaban a falar de facer greves ou incluso de boicotear os experimentos. O peor é que me tomaron a min pola patronal. Eu expliqueilles o da herdanza recibida, expliqueilles que eran tempos difíciles e todos tiñamos que dar a talla, expliqueilles que era necesario facer recortes para poder medrar… Elas contestaron que con nutrintes axeitados medrarían igual ou mellor aínda (deben ser do pau de Hollande máis ca do de Merkel…). O colmo xa foi cando empezaron a matinar no rescate de Bankia… Que se elas non provocaran a crise! Que se o custo das indemnizacións dos directivos!! Que se non era certo aquilo de que a Dereita é mellor xestora!!! Imaxinade a revolución… Bueno, púxenme a pensar que lles ía dicir para intentar calmalas. Estiven tentada de subirlles a temperatura da estufa pero non quería que me chamasen Estado Opresor.

Por recente, todos podemos pensar e recordar a crise do cogombro con Alemaña

Recordando, recordando, cheguei á conclusión que se ben era certo que esta crise non a causaran elas, ao longo da Historia había unha morea de crises económicas causadas por culpa dalgunha bacteria. Cando lles dixen isto recuncaron un chisco pero pedíronme probas. Ven, ei-las eiquí.

Por recente, todos podemos pensar e recordar a crise do cogombro con Alemaña (Guten Morgen, Frau Präsidentin Merkel!). Esta crise foi causada por unha cepa de E. coli, e aínda que o final se demostrou que non estaba nos cogombros, nin era española… no tempo que durou a investigación as perdas para o sector da exportación da froita e da verdura española foi moi elevado, aínda este ano se estaban a nota-los efectos no sector.

Poucas cousas conseguen poñer nerviosos os xefes da Coca-cola, excepto os brotes de mohos ou bacterias que de cando en cando aparecen nas súas fabricas de embotellado e fanlles retirar lotes do mercado cas conseguintes perdidas económicas que isto carrexa. Buscade por aí e atoparedes contaminación en plantas de Polonia, Bélxica, etc… Este xigante empresarial tamén está no punto de mira dos Axentes que loitan contra o cambio climático pero esa é fariña de outro costal.

Yersinia pestis é o axente causal da peste bubónica, e foi capaz de provocar unha redución da poboación europea nuns 25 millóns de persoas

Unha crise importantísima que marcou un antes e un despois e na que se xuntaron tódolos factores: económicos, sociais, guerras e tamén infeccións foi a Crise do século XIV na que se mesturou a perda da produción dos produtos do campo, o abandono do campo polas cidades, uns gobernos desorganizados e metidos en guerras entre Estados.. acabou socavando o sistema feudal do momento e favorecendo o desenrolo dun novo modelo social (nin mellor, nin peor … simplemente diferente). Neste escenario, un papel principal estivo reservado para a bacteria Yersinia pestis. Y. pestis é o axente causal da peste bubónica, e foi capaz de provocar unha redución da poboación europea nuns 25 millóns de persoas. Suponse que a bacteria penetrou en Europa Occidental a través da ruta da Seda procedente de Oriente e debido as malas condicións sanitarias e sociais foi capaz de estenderse por toda Europa. Aínda hoxe de vez en cando é posible atopar algún caso de peste bubónica pero dunha maneira moi residual. Por suposto cando nunha cidade da Idade Media xurdía un foco de peste, esta cidade era posta en cuarentena e os habitantes da mesma sufrían non só a enfermidade senón tamén illamento económico e social.

Foi tal a fame provocada que entre mortes e migración Irlanda chegou a perder a cuarta parte da súa poboación…

Non era unha bacteria que era un fungo pero a Crise da Pataca Irlandesa foi provocada pola escaseza deste alimento no século XIX por malos cultivos e a aparición da peste no cultivos provocada por Phytophthora infestans. Foi tal a fame provocada que entre mortes e migración Irlanda chegou a perder a cuarta parte da súa poboación… O mundo gañou os Kennedy en Estados Unidos pero Irlanda perdeu unha morea de cartos e xente.

Imaxinade a cara que pon o Xefe de Planta dunha empresa de Alimentación cando alguén lle di que acaban de atopar Clostridium nunha das latas, ou un brote de Salmonella. Ben é certo que os sistemas de detección cada día son máis efectivos pero cando o detectan, só poden pensar en eliminalo rápido, rápido porque se sabe, o nivel de ventas e a imaxe de marca caerán en picado.

Ao longo da historia podemos atopar un lote de exemplos de como as bacterias condicionan a nosa vida e son capaces de provocar graves efectos sobre a crise. Con estes conseguín acougar as do laboratorio por un tempo… Terei que buscar máis exemplos para cando se den conta do das preferentes.

Efectos da Phytophthora infestans, causante da crise da pataca en Irlanda © extension.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.