As primeiras '.gal'

Stand da iniciativa no Culturgal © Asociación Puntogal

O puntogal xa está aquí. A Asociación PuntoGal anunciará este martes, nun acto que se celebrará dende as 12 do mediodía no Museo do Pobo Galego, as solicitudes seleccionadas para participar no Programa de Pioneiros, e que polotanto poderán publicar as súas webs baixo un enderezo .gal dende o 25 de xullo. Será o remate dun camiño de 8 anos, un tempo de traballo silandeiro e de superación de obstáculos até acadar este desexado obxectivo.

Para a asociación impulsora deste éxito, avalado por máis dun cento de entidades e case 13.000 sinaturas, o .gal é unha mostra do que Galicia é quen de lograr "cando somos quen de xuntarnos" e de "actuar con transparencia e respecto", como destacaron o pasado 17 de maio no acto de lanzamento oficial do dominio .gal. Un dominio que será "fundamental para calquera produto no que a identificación con Galicia supoña un plus de calidade", un "factor de impulso da sociedade da información e das novas tecnoloxías e redes en Galicia e "unha propaganda gratuíta para Galicia e o galego", como destacou o pasado mes de marzo Manuel González, presidente da Asociación, nunha intervención no Consello da Cultura Galega.

A primeira fase, o programa Pioneiros, culminará o 25 de xullo, data na que se porán en marcha ata 90 sitios de entidades que tiveron que realizar a súa solicitude entre o 1 e o 11 de xullo (o prazo tivo que ser ampliado ante o gran número de solicitudes) e entre as que estarán institucións públicas -1.000 euros por dominio-, empresas -3.000 euros- e entidades sen ánimo de lucro -400 euros-. A continuación chegarán as fases Abrente e Carreira, a desenvolver entre setembro e novembro. A primeira servirá para "protexer dominios de interese público" e nela "entidades públicas e privadas poderán exercer o dereito pferente de solicitar o seu dominio". Á fase carreira poderá acceder "o público en xeral para os enderezos que non teñan dereitos preferentes" e nela "poderase poxar por direccións especialmente atractivas". En decembro será a quenda para a fase aberta, "na que todo o público poderá acceder ao dominio sen restricións".

Requisitos como ter "un contido mínimo en lingua galega", "contidos relacionados coa cultura galega" ou "servizos en liña especificamente dirixidos á comunidade galega e que favorezan o seu desenvolvemento" guiarán o proceso no que todos os fondos recadados, explica a asociación, serán destinados "ao fomento da presenza do galego na rede e nas novas tecnoloxías".

Stand da iniciativa no Culturgal © Asociación Puntogal
Asemblea fundacional de Puntogal: Lois Rodríguez, Marcus Fernández, Camilo Regueiro e Manuel González © Asociación Puntogal
Feijóo e membros de PuntoGAL, no Gaiás © Conchi Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.