As razóns polas que Twitter cambiará a comunicación

Twitter Dominio Público Praza Pública

Sen dúbida a noticia estrela do social media este ano é o anuncio de saída a Bolsa (OPV) de Twitter. A Facebook custoulle máis dun ano a súa preparación, da man do banco de investimento Goldman Sachs, e chegou mesmo a pospor este salto á bolsa en máis dunha ocasión. De feito, desde a súa saída en maio de 2012, tardou case un ano en recuperar o seu valor inicial, aínda que actualmente cotiza a case o dobre. Seguirá Twitter o mesmo camiño?

Sen dúbida a noticia estrela do social media este ano é o anuncio de saída a Bolsa (OPV) de Twitter

Un estudo recente da Universidade de Illinois demostra que Twitter permitiu evolucionar a comunicación dunha maneira diferente á prensa xeneralizada (mass media), polo que ofrece un valor único e primario. De feito, máis que para EEUU ou Europa, Twitter é unha canle básica e diferenciada para a zona de Latinoamérica. Queda pendente a vía de Asia, onde as prohibicións ás redes sociais cercenan a expansión de Twitter.

Velaquí o potencial de Twitter: depender de países como por exemplo Brasil, principal economía de Latinoamérica, con 80 millóns de usuarios de internet, dos cales o 61% usa a internet para acceder a redes sociais. Neste punto é importante lembrar aquilo de que “se non hai competencia, non hai mercado”. Pois ben, por esta orde, as redes máis utilizadas neste país son: Facebook, Orkut, Windows Live e Twitter. É dicir, hai marxe para competir!

Se Facebook revolucionou o mundo acurtando a distancia entre as persoas, Twitter revolucionou a forma en que comunicamos noticias. O valor de Twitter é que maioritariamente transmite noticias que non son mainstream e non se solapan cos grandes medios xeneralistas. Os usuarios de Twitter saben que nesta rede atopas o que non les nun xornal. As análises big-data que se están facendo, demostran este fenómeno. Comprarías unha canle de comunicación que diversifica eficientemente a información á marxe da prensa xeneralizada? Esta pregunta é a que debería facerse alguén que desexe acudir á súa próxima Oferta Pública de Venda (OPV) en bolsa.

Se Facebook revolucionou o mundo acurtando a distancia entre as persoas, Twitter revolucionou a forma en que comunicamos noticias. O valor de Twitter é que maioritariamente transmite noticias que non son mainstream e non se solapan cos grandes medios xeneralistas

A Universidade de Illinois analizou a base de datos Twitter Decahos, do provedor de datos GNIP, contando coa axuda da empresa de supercomputación Silicon Graphics International. Xuntando as súas capacidades recompilaron o 10% dos tweets globais publicados a diario entre o 23 de outubro de 2012 e o 30 de novembro de 2012, e  dixeríronos con supercomputadores UV2000 con 256 procesadores e 4 terabytes de RAM operando sobre Linux. Resultan realmente interesantes algunhas das métricas que se obtiveron da investigación: máis de 1.500 millóns de tweets duns 70 millóns de usuarios únicos; unha media de 38 millóns de tweets duns 14 millóns de usuarios por día; o ficheiro formato JSON no que se almacenaron os datos alcanzou un tamaño de 2,8 TB durante os 39 días de estudo; o peso do texto dos tweets foi de 112,7 GB, os cales contiñan máis de 14.300 millóns de palabras que se procesaron por un motor de análise de textos.

Con esta materia primeira, unha primeira gran conclusión do estudo é a evidencia de que Twitter é unha boa mostra dunha sociedade, cumpre co coñecido principio de Pareto que afirma que unha sociedade se divide naturalmente en dous grupos (o 80 e o 20), tales que o grupo minoritario (20%) ostenta o 80% de algo, e o grupo maioritario (80%) posúe o 20% dese algo. Neste caso particular, o 15% dos usuarios máis activos é responsable do 85% dos tweets globais xerados. O 5% dos usuarios é responsable de preto do 50% dos tweets totais; e o1% de usuarios orixina preto do 20% dos tweets. Vemos polo tanto unha marcada estrutura de pirámide invertida.

 

A xeografía de Twitter

Un dos aspectos máis interesantes de Twitter é entender quen xera a información e quen a recibe. Pero sobre todo quen a redistribúe. Para iso analízanse os retweets (RTs) e as mencións (@) ao longo dos tweets xeolocalizados dos usuarios a partir de tres técnicas: o novo servizo que ofrece a propia rede de xeolocalización con GPS dos tweets, a localización voluntaria dos usuarios no seu perfil, e a localización textual dos usuarios nas súas biografías.

Que cidade cren que é a máis activa en Twitter? Probablemente non o acerten: É Xacarta! Non é Londres, nin París, nin Nova York

Que cidade cren que é a máis activa en Twitter? Probablemente non o acerten: É Xacarta! Non é Londres, nin París, nin Nova York. É curioso ver como o grupo de 'países emerxentes' é un líder indiscutible no que respecta á demanda de Twitter. Brasil, con São Paulo e Rio de Janeiro, están dentro do top 10 de cidades no uso desta rede social, por riba dos propios EEUU e, por suposto, Europa. Literalmente alá onde hai electricidade, hai Twitter.

O idioma máis utilizado en Twitter é o inglés, cun 41%, seguido do español cun 11%. Os links máis introducidos nos tweets non son noticias, senón a outros sitios sociais como Twitter (17%), Instagram (13%), Facebook (12%), Youtube (6%) e Tumblr e Ask.fm (3% ambos os dous). Os tuits con links á prensa xeneralista non teñen un peso importante (tan só un 7,8% do total). No entanto, os medios de fala inglesa máis mencionados son: bbc.co.uk, huffingtonpost.com, nytimes.com, e guardian.co.uk.

Os links máis introducidos nos tweets non son noticias, senón a outros sitios sociais como Twitter (17%), Instagram (13%), Facebook (12%), Youtube (6%)

A conclusión máis rechamante é entender o valor que Twitter ten en zonas como Latinoamérica, Europa do Leste e rexións orientais como Indonesia, Malaisia ou Filipinas. En todas estas zonas a comunicación vía twitter é predominante. Pola contra, en sitios como África ou países asiáticos como China, twitter non ten un peso importante, xa sexa porque a penetración no país non é sinxela por temas de infraestrutura, como en África, ou pola censura (política) que sofre en, por exemplo, China.

 

É Twitter unha burbulla?

Twitter dálle a volta á tortilla: os emerxentes son os países que tiran do valor, e a información non-xeneralista é a que predomina na rede

Isto é, quizais, unha cuestión subxectiva de valoración que debemos facer cada un, pero polo menos habería que ter en conta dous conceptos:

Presenza: Alí onde hai electricidade, hai Twitter. De feito, os países emerxentes son o motor da demanda de Twitter: atención a Brasil, Indonesia, Malaisia e nun futuro, China!

Diversificación: Democratiza a información e canaliza contido xenuinamente novo que non se solapa coa prensa xeneralista.
En definitiva, Twitter dálle a volta á tortilla: os emerxentes son os países que tiran do valor, e a información non-xeneralista é a que predomina na rede. Ambas as dúas cousas son, sen dúbida, moi atractivas.

Twitter Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.