"Avoaescola é un proxecto para todos os que non queren que se perda o galego"

Francisco López e Mariló Candedo, na presentación do convenio de colaboración © NEG

Francisco López é presidente de Galiza co Galego (GcG), entidade impulsora da cooperativa Avoaescola, que porá este mércores o seu "primeiro chanzo" para a futura creación dunha rede privada de centros infantís en galego coa presentación en Fene do "espazo educativo infantil" que se prevé crear en Ferrolterra a partir de outubro. Será tamén o primeiro paso para a futura creación dunha escola "ao uso" no que a lingua propia sexa a vehicular, pero para a que se precisará máis apoio. Na entrevista, o responsable de GcG confía na consolidación dun proxecto que leva anos argallándose, pero é tamén crítico coa falta de apoios, especialmente daqueles que adoitan defender o idioma propio, pero que acaban tamén por ser reacios cara a "medidas efectivas" como a que representaría esta rede. E todo, aínda que milleiros deles non dubidasen en louvar e asinar a prol del.

Que supón para Avoaescola a presentación deste espazo educativo infantil en Ferrolterra?

É o primeiro chanzo do proxecto. Levamos moito tempo traballando nisto e agora o noso obxectivo é conseguir abrir este espazo educativo en Ferrolterra, onde hai varias persoas interesadas que xa son socias da cooperativa. Xa temos falado con expertos do ensino no rural ou con xente de Preescolar na Casa para artellalo. Parece ser que sairá adiante, e incluso temos previsto algunha xuntanza máis na zona de Miño, onde tamén hai xente interesada. O seguinte paso sería a creación dunha escola ao uso, pero nese caso hai moitas máis dificultades e requirimentos que serían máis difíciles abordar neste momento.

"Abrir unha escola sen ánimo de lucro é difícil; se hai lucro ou interese ideolóxico, é máis doado atopar apoios"

Tan difícil é?

É complicado, si. Hai moitos atrancos e requirimentos desde o punto de vista técnico, sobre todo se pretendes abrir unha escola a partir dun proxecto sen ánimo de lucro como o noso. Neste caso só contamos co apoio das persoas que de verdade queren este proxecto, pero cando hai obxectivo de lucro ou intereses económicos ou ideolóxicos detrás, tamén é máis doado atopar apoios, tanto para gañar cartos como para introducir a ideoloxía. Daquela si que aparecen empresas ou estudos de mercado. Nós non temos estudo de mercado ningún, só temos o feito de que cada vez se fala menos galego e que os esforzos que se fan pola lingua na escola pública, e tamén na privada, non son dabondo para os nenos. Ese esforzo adoita ser anulado pola contorna ou a presión social. Por iso apostamos por Avoaescola.

E que será Avoaescola-Ferrolterra?

Un espazo educativo infantil onde a lingua vehicular será o galego, porque estamos a perder o idioma. Os nenos son a parte máis importante na transmisión do idioma, porque se eles non o aprenden ou non o falan, tampouco llelo transmitirán aos seus fillos. Pero tamén será unha educación boa e xenerosa, aberta, laica e en valores. O noso non é un proxecto para os implicados ou para aqueles que pretenden inscribir os seus fillos, senón para toda a sociedade galega que queira contribuír á normalización do idioma no país. Tamén é un apoio para aquelas persoas que se poñen en contacto con nós e se queixan de que os nenos deixan de falar galego en canto entran no ensino obrigatorio. Ese tamén é o obxectivo: que o neno chegue á escola familiarizado totalmente co idioma; que viva e fale en galego porque esa é unha forma de evitar que o perda. É un modelo algo semellante a Preescolar na Casa e a medida que vaiamos avanzando iremos convertindo estes espazos en escolas infantís, aínda que procuraremos manter os espazos tamén.

"Avoaescola non é un proxecto para os que inscriben os seus fillos, é un proxecto para toda a sociedade, para que non se perda o galego"

Sabe que haberá quen acuse Avoaescola de ser un proxecto ideoloxizado.

Non pedimos ningún carné, nin ideoloxía, nin un perfil determinado de persoas. Só buscamos xente que queira que o seu rapaz fale e entenda o galego, como algo normal. Que queira que o pequeno poida ir xogar a un parque e falar en galego e cambiar ao castelán sen problema, con toda a naturalidade. Queremos que cando o neno saia da escola non perda a súa relación co idioma e iso é tamén o que máis nos demandan as familias interesadas.

Precisan máis apoios?

Agora empezamos como podemos, pero precisamos moitos socios. Non hai socios máis importantes ou menos importantes, pero aqueles que non teñen fillos pequenos son claves. É fundamental o apoio daqueles que non teñen pequenos, pero que si queren que o galego siga transmitíndose. O que precisamos é o apoio social porque este é un proxecto para toda a sociedade, para que non se perda o idioma. É un beneficio para todos, común e non só para os que leven os nenos á escola. Temos que sentilo como noso, independentemente de que participemos activamente nel ou non.

"O problema que temos é que hai moitísima xente que reivindica o galego, pero ao final fai moi pouco por el"

É optimista co proxecto?

Non son optimista, son realista. O problema de Galiza co Galego é que moitísima xente que reivindica o galego ao final fai moi pouco por el. Todo o mundo apoia o proxecto e di que é marabilloso, pero ao final moitos son os que non colaboran e aos que lles costa dar o paso. Facerse socio supón unha cota mensual de dez euros, pero hai xente á que non lle importa viaxar a Compostela tres veces ao ano para manifestarse a prol da lingua cando igual iso xa supón gastar cen euros. Tamén nos lamentamos moito cando asinamos algunha petición a prol da lingua e nos flaxelamos porque nola botan atrás no Parlamento, pero non apostamos por proxectos efectivos e reais como este.

Pero Galiza co Galego xuntara xa os 3.000 apoios necesarios...

Deses 3.000 apoios non se concretizaron todos economicamente, nin moito menos. Á hora de asinar comprometeuse moita xente, pero parece como se tivesen medo a apostar de verdade. Entre os socios non temos ningún persoeiro e, que eu saiba, non hai ningún político tampouco, a pesar de que todos coñecen a idea.

"A última persoa que se fixo socia foi un empresario de Suíza; creo que ese dato é máis que significativo"

Nótoo decepcionado...

Temos socios que nos apoian desde Majadahonda, Bélxica e o Reino Unido. A última persoa que se fixo socia do proxecto foi un empresario de Suíza. Creo que ese dato é máis que significativo.

 

 

 

 

.

Francisco López, presidente de Galiza co Galego CC-BY M. Pereira

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.