Código aberto sobre rodas

Conferencia de Tin Hang Liu Dominio Público OSVehicle

As tecnoloxías libres tamén van sobre rodas. Nos últimos anos cada vez é máis frecuente o uso de software non propietario na industria da automoción, unha mostra de que o software libre pode ofrecer solucións en calquera actividade. As empresas buscan entre outras cousas a redución dos custes de desenvolvemento de determinadas aplicacións ou produtos, facilitar a súa personalización, unha maior diferenciación competitiva con respecto a outras marcas ou, de forma moi importante, evitar estar atados a un determinado proveedor de software. A aplicación do software libre para a automoción será un dos eixos da LibreCon 2015, tendo en conta ademais a importancia da industria automobilística en Galicia.

Os coches actuais son ordenadores en movemento, cada vez cunha maior complexidade tecnolóxica no funcionamento dos seus sistemas e ofrecendo, ademais, cada vez máis servizos complementarios. Son necesarios, polo tanto, plataformas que dean soporte a todos estes procesos e, ademais, programacións específicas para cada función. Aí entrou o software libre e, ademais, fíxoo alentando a cooperación entre as distintas compañías.

O software libre entrou na industria da automoción alentando a cooperación entre as distintas compañías

Hai varios proxectos en marcha, coma o Automotive Grade Linux, desenvolvido por Intel, Nvidia, Fujitsu, LG Samsung, Panasonic, Nissan, Toyota, Hyunday e Jaguar Land Rover, entre outras empresas, unha proposta de plataforma de software libre estándar para o sector da automoción. Ou, por exemplo, a Alianza Genivi, un consorcio fundado por BMW, Delphi, GM, Intel, Magneti Marelli, PSA Peugeot Citroen, Visteon e Wind River Systems, que traballa para establecer na industria automobilística o uso dun sistema operativo global baseado en Linux, ademais dun conxunto de ferramentas de middleware e unha plataforma común para aplicacións de entretemento nos vehículos.

En Compostela estará o italiano Roberto Zompi, enxeñeiro de Magneti Marelli, que explicará como funciona esta Alianza Genivi, que sistemas foron desenvolvidos e as oportunidades que se abren para todos os seus participantes e para os e as consumidoras finais. A través de Genivi as empresas que participan no proxecto buscan ofrcer sistemas que proporcionen aos e ás usuarias funcionalidades semellantes ás dos smarpthones e tablets pero con mecanismos de interacción axeitados para o seu uso en coches,

 

Os vehículos Open Source

O OSVehicle foi xa foi alcumado coma "o coche "IKEA", o "Arduino para Vehículos", ou o "Android para vehículos eléctricos"

Pero pódese ir máis aló. As tecnoloxías abertas poden crear un vehículo dende cero, combinando solucións de software e de hardware. Hai moitos proxectos en marcha: o OScar, o Riversimple Urban Car, o Freedom EV ou o OSVehicle, un proxecto de automóbil eléctrico presentado hai dous anos, cuxo deseño completo pode ser descargado libremente e usado cunha licenza Creative Commons BY-SA. Os seus promotores aseguran que a estrutura do coche pódese montar en 45 minutos, de forma tan sinxela que xa foi alcumado coma "o coche "IKEA", o "Arduino para Vehículos", ou o "Android para vehículos eléctricos".

En Compostela estará Tin Hang Lui, CEO da compañía que desenvolve esta plataforma open source para coches eléctricos (aínda que tamén é compatible con motores híbridos ou de combustión). Fillo dun enxeñeiro con longa experiencia no sector da mobilidade motorizada, dende motocicletas e coches a trens, Tin Hang Lui comezou traballando na compañía familiar, desenvolvendo durante anos o vehículo eléctrico MyCar. Conta que en 2008 coñeceu en Silicon Valley a algúns pioneiros do open-source hardware, e comezaron a colaborar. En 2013 presentaron o OSVehicle na Maker Faire Europe.

Teñen peticións de colaboración de máis de 80 países, con centos de proxectos que se están a desenvolver a partir da plataforma base proposta

Dende entón o proxecto non deixou de mellorar e crecer, consolidando un vehículo máis robusto, que pode acadar unha velocidades de 130 quilómetros por hora e transportar a dúas ou a catro persoas. Teñen peticións de colaboración de máis de 80 países, con centos de proxectos que se están a desenvolver a partir da plataforma base proposta, dende vehículos pensados para o seu uso na agricultura ata o funcional BusyBee, presentado recentemente.

Un OSVehicle Dominio Público Praza Pública
Roberto Zompi explicará o funcionamento de Genivi CC-BY-SA Frederic.bourcier

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.