"Cos recortes na universidade a nómina de decembro sáenos negativa"

Investigadores do grupo de Bioenxeñería e Telemedicina da Universidade Politécnica de Madrid © El Diario

“A nómina do mes de decembro vai ser de broma”. Desta forma expresa Borja Rodríguez Vila, investigador da Universidade Politécnica de Madrid, os recortes na universidade. Porque parece unha broma que a nómina deste mes lle saia a alguén negativa, ou que en novembro cobre 1.960 euros e en decembro reciba só 137 euros.

Cae a tarde nun despacho moi amplo e asollado na Cidade Universitaria. Este laboratorio é “a xoia da coroa” da Escola de Teleco. Está compartido por algo máis de dez persoas e nel ten unha mesa Rodríguez Vila. Alí, diante do seu computador nun escritorio despexado, cunhas pulseiras de festivais como único toque persoal, facemos números.

É diferente porque a extra dun funcionario supón só o soldo base, sen complementos de produtividade ou antigüidade. Pero aos investigadores que non teñen extra déixaselles a de decembro nun catorceavo do que debería ser

Todo comeza co Real Decreto Lei 20/2012 de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade. O decretazo do verán polo que se suprimía a paga extraordinaria e paga adicional ou equivalente deste mes de decembro. A Universidade Politécnica non tiña claro se debía aplicar ou non este recorte retributivo aos seus contratados por obra ou servizo, aínda que a súa fonte de financiamento fose europea ou española, pública ou privada. Por iso, realizou unha consulta á Avogacía do Estado, quen contestou que a lei tiña unha “vocación de xeneralidade”. “Tradución” -explica Borja- “tense que aplicar a todos. No canto de tentar igualar á xente por arriba nos dereitos e nas facilidades, iguálaselles por abaixo, nos deberes”. A diferenza dos funcionarios, os investigadores non teñen paga extra senón un soldo anual dividido en doce pagas para uns, ou en catorce ou quince pagas para outros, pero en decembro cobran unha única paga. É diferente porque a extra dun funcionario supón só o soldo base, sen complementos de produtividade ou antigüidade. Pero aos investigadores que non teñen extra déixaselles a de decembro nun catorceavo do que debería ser. Por iso, dáse o paradoxo de que o diñeiro aforrado ao non pagarlle a extra a un funcionario, por exemplo un catedrático, é moito menos que o que se lle detrae ao investigador este mes de decembro.

 

Privilexios do curtoplacismo

Borja pediu que lle retivesen o IRPF de maneira constante ao longo de todo o ano. Se non lle fixeran este favor, este investigador tería que “pagar por traballar este mes”, sinala rotundamente

Borja admite ser un “privilexiado” e por iso as súas circunstancias persoais permítenlle superar a fochanca de cobrar en decembro só 137 euros. “Non teño hipotecas nin familia que dependa de min. Vivo coa miña noiva sen o maior dos problemas pero a nivel moral e ético, a min revólvenme as tripas estes temas. Non era eu unha persoa moi política pero cheguei á conclusión de que o non situarte politicamente, o non enfadarte, o non expresar as túas ideas, é xa de seu un posicionamento, o máis covarde”. Este é o caso de Borja, que traballa nun proxecto financiado pola Unión Europea dentro do Grupo de Biomedicina e Telenxeñería da UPM: “son unha persoa moi ben paga, por riba da media, digamos que estou no 10 por cento máis alto. O meu soldo son uns 30.000 euros ao ano. E ao mes son 1.960”. A pesar de que os investigadores renovan o seu contrato cada tres meses, e por tanto cada tres meses reciben liquidacións coma se dunha fin de contrato se tratase, Borja pediu que lle retivesen o IRPF de maneira constante ao longo de todo o ano. Se non lle fixeran este favor, este investigador tería que “pagar por traballar este mes”, sinala rotundamente.

Semanas antes de ter unha comunicación oficial, Borja empezou a temer que isto ía pasar. “A primeira noticia que teño é da Universidade de Granada, sae no medios pero publicítase moi pouco. Nos últimos días de novembro oín un rumor e chamei aos que nos fan as nóminas no reitorado e foron os que oficialmente me dixeron que nos tiñan que reter da nómina de decembro, e calcularon en que quedaría a miña. Pero xa ao día seguinte negábanse a dar datos de nóminas porque obviamente cando eu me decato empapelo a Universidade, empapéloa de arriba a abaixo, avisando a todo aquel que sexa investigador de que chame a Oficina de Transferencia de Tecnoloxía e se interese polo seu caso particular porque se cadra atopa que a súa nómina de decembro é negativa. Montamos unha campaña en Change.org, onde conseguimos pasar de mil sinaturas, mando cartas ao director a oito periódicos, póñome en contacto cos sindicatos universitarios e o sindicato da administración pública sorpréndese enormemente. Para cerciorarse ponse en contacto como representantes sindicais coa oficina, vólvenlle repetir o mesmo que a min e súmanse a nós e axúdannos a que se publicite todo isto”.

"Cun proxecto nacional, queda con el a entidade financiadora, que está moi ben, iso que aforraron. No caso particular dun proxecto europeo, volve á Comisión Europea. Para a Unión Europea, ese diñeiro que non gastaches nin está xustificado, di 'guai, quedo eu con el, xa o usarei para outra cousa'”

Non foi até unha vez realizadas estas mobilizacións, o día 3 de decembro, que os investigadores recibiron unha carta asinada polo Vicerreitor de Asuntos Económicos, Linarejos Gámez Mejías que lles advirte que “a supresión da paga extraordinaria se debe aplicar a todos aqueles contratados cuxas retribucións son financiadas, en todo ou en parte, con cargo a subvencións”. O Reitorado engade que son “conscientes dos problemas que pode xerar esta redución inesperada da nómina deste mes, fundamentalmente a aquelas persoas que teñen prorrateado o seu salario anual en doce pagas. Por iso, para axudar os que se atopen en dificultades, habilitouse un sistema de anticipos reintegrables en seis mensualidades máximo a partir da data de concesión, previo compromiso do investigador principal de que o contrato se manterá por ese período como mínimo”.

 

Un aforro que non é tal

Ao deixar aos investigadores cunha paga ridícula en decembro, o Estado pretende aforrar diñeiro para paliar o déficit pero esta Universidade non é quen paga Smart catheterization

“A gran pregunta que ninguén contesta é onde vai eses cartos”. Borja ten unha mente analítica e é claro explicando as cousas. Primeiro expón a pregunta e de inmediato dános a resposta: “eses cartos legalmente non poden ir a máis nada que a pagar as nóminas dos traballadores. Cun proxecto nacional, queda con el a entidade financiadora, que está moi ben, iso que aforraron. No caso particular dun proxecto europeo, volve á Comisión Europea. Para a Unión Europea, ese diñeiro que non gastaches nin está xustificado, di “guai, quedo eu con el, xa o usarei para outra cousa”. Que solución dá a Universidade? Para algúns casos, que o administrador do proxecto garde ese diñeiro e o gaste máis adiante no proxecto, engadindo máis horas ou o que sexa, porque dan por feito que isto vai ser só este ano. Eu persoalmente non o creo, creo que o ano que vén vai volver ocorrer e volverán facernos o mesmo. De todas as maneiras, aínda que o crese, e vólvome por no meu caso particular, o meu proxecto acaba o 31 de xaneiro, e o gasto que non imputo agora en decembro, non podo dobrar o gasto de xaneiro. Así que estamos a facer o idiota, basicamente”.

O proxecto no que traballa Rodríguez Vila chámase Smart catheterization e está orientado a aumentar a seguridade do paciente nas intervencións de cateterismo. Están a realizar o modelado xeométrico en 3D para unha plataforma de realidade virtual que servirá para que os médicos non usen fluoroscopía, que é o método actual. A fluoroscopía é un aparello que tira radiografías tan rápido que che permiten ver un vídeo que é útil ao cirurxián que introduce o catéter pola arteria para saber moverse con acerto polo interior do corpo. Grazas a este proxecto eliminaríase o risco que supón someter a unha persoa á radiación dos Raios X para realizar este vídeo. Borja traballa en bioinxeniería aplicada, proxectos cuxos resultados se ven moi pronto, en 3 ou 4 anos. Smart catheterization ten un orzamento de cinco millóns de euros e a parte que corresponde ao traballo realizado na UPM é de só medio millón de euros, cando son sete no consorcio. Sucede así porque os gastos de persoal en España son moito menores a pesar de ter a mesma carga de traballo.

Ao deixar aos investigadores cunha paga ridícula en decembro, o Estado pretende aforrar diñeiro para paliar o déficit pero esta Universidade non é quen paga Smart catheterization. Ten o custo da luz, a calefacción, o uso das instalacións, os computadores e o acceso aos artigos pero por todo iso tamén recibe un canon a conta do orzamento.

 

Os números non cadran

“O problema que temos na investigación é que a sociedade española non recoñece nada, nada, nada os investigadores. Sobre todo os investigadores predoutorais e postdoutorais"

A investigación é un traballo complicado e que require moita dedicación e moitas horas, sobre todo cando chegan os finais dos prazos. A pesar de que ese final está próximo para esta investigación, nos papeis aparecerá que en decembro Borja e os seus traballaron apenas nada. “Ao final do proxecto -explica Borja- teño que facer un Excel no que xustifico por cada mes que esta persoa gastou tantas horas en facer isto e teño un diñeiro asignado por persoa. Dependendo da categoría que teña ten un prezo por hora. Como xustifico eu o noso soldo de decembro? Digo que en decembro non botamos horas, que en decembro non traballamos? Claro que traballamos, do mesmo xeito que calquera outro mes, un pouco menos porque temos as vacacións de nadal, pero en decembro traballamos e eu vou ter que imputar horas pero non imputar diñeiro, porque non me chegou”.

Neste gran despacho compartido, onde empeza a anoitecer, hai algúns rostros serios e concentrados nos seus computadores e, nun dos recunchos, nerviosismo. Corpos que se levantan, que se fan preguntas, que se ensinan papeis. “É que aqueles van ler a súa tese dentro duns días”, aclara Borja. “O problema que temos na investigación é que a sociedade española non recoñece nada, nada, nada os investigadores. Sobre todo os investigadores predoutorais e postdoutorais. Tense en moi alto prestixio os catedráticos de universidade pero o proceso que hai que seguir para alcanzar ese posto está moi mal visto. Eu coñezo moitos investigadores e non conseguín aínda coñecer a alguén ao que algunha persoa próxima da súa contorna non lle dixo “deixa de facer o parvo e ponte a traballar”. Son persoas que se cadra traballan dez horas ao día por catro cadelas. Non é o noso caso o das catro cadelas, relativamente, porque ao que nos dedicamos, a investigación aplicada, adoita ter moito máis diñeiro que a investigación básica. E cando na sociedade mesma está xa tan metido o de que o investigador é un vago que non quere traballar, todas as putadas que poidan facer van ficar sen efecto”.

Dúas formas de entender os problemas: “o Csic ten déficit e necesita cortar, o director entendeu que o patrimonio do Csic son as investigacións que van facer”. Van recortar persoal pero van vender edificios. A outra forma de entendelo? A UPM está a construír edificios"

Acabemos cos números. O orzamento da Comunidade de Madrid para a Politécnica era de 225 millóns de euros. Como deciden duplicar as taxas, redúceno a 190. A perda de 35 millóns de euros só se compensa en 5 ou 10 millóns coa subida das taxas. Para 2013 espérase unha nova redución pois as taxas tamén aumentaron este ano. “Chegamos á dexeneración absoluta de que nos están apagando moitos días a calefacción polas tardes porque non hai diñeiro para pagala. Unha cousa é traballar con xersei e outra ter que pór o abrigo. O que conseguen é que tomes a decisión de marchar a casa a traballar e claro págas a túa internet, a túa calefacción, a túa luz”. Borja quere contrapor, como exemplo, dúas formas de entender os problemas: “o Csic ten déficit e necesita cortar, o director entendeu que o patrimonio do Csic son as investigacións que van facer”. Van recortar persoal pero van vender edificios. A outra forma de entendelo? A UPM está a construír edificios. Para 2013 vaise construír unha residencia para estudantes e profesores, está a construírse un edificio novo que é un centro de apoio á innovación tecnolóxica. E o colmo dos colmos, temos a Ágatha Ruiz da Prada visitando Bolivia para vender alta costura, pagada pola UPM. Ágatha Ruiz da Prada vendendo alta costura en Bolivia! É absurdo, aquí non hai diñeiro para a calefacción e temos esa muller viaxando convidada. Non é só que non haxa diñeiro, é que non se está usando ben. Estamos a facer o idiota con iso”.

Investigadores do grupo de Bioenxeñería e Telemedicina da Universidade Politécnica de Madrid © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.