De Salceda de Caselas á Antártida para estudar o desxeo provocado polo cambio climático e o seu impacto no planeta

Alejandro Gómez Pazo, entre os integrantes do proxecto Parantar nas illas Shetland do Sur ©

O proxecto Parantar analiza o proceso de desglaciación e desxeo que se está a producir na Antártida como consecuencia do cambio climático

De Salceda de Caselas ás illas Shetland do Sur, no litoral da Antártida, hai uns 12.500 quilómetros de distancia. Ese é o camiño que percorreu Alejandro Gómez Pazo, un investigador galego nacido na localidade pontevedresa que forma parte do proxecto Parantar, liderado por Jesús Ruiz Fernández, da Universidade de Oviedo.

A investigación busca analizar o proceso de desglaciación e desxeo que se está a producir na Antártida como consecuencia do cambio climático. "Necesitamos coñecer como desaparece o xeo desta zona para entender que cambios hai nas especies que a habitan, como cambia a paisaxe e sobre todo que impacto van ter estas modificacións a nivel global", destaca o equipo, que sinala que "aínda que ao escoitar a palabra Antártida pensemos en que está moi lonxe, os cambios que se produzan nela, como o desxeo, terán un impacto en todo o planeta, modificando as dinámicas existentes e podendo xerar múltiples problemas relacionados co xa coñecido cambio global".

O proxecto Parantar desenvólvese nas illas Shetland do Sur ©

"Os cambios que se produzan na Antártida terán un impacto en todo o planeta, modificando as dinámicas existentes e podendo xerar múltiples problemas relacionados co xa coñecido cambio global", destaca

O equipo incorpora a esta análise novas tecnoloxías coma os drons, os sensores RFID ou as cámaras time-lapse, ao que se unen as datacións mediante cosmoxénicos para poder coñecer cal foi a evolución destes sectores nos últimos miles de anos ata a actualidade.

Alejandro Gómez, xeógrafo de formación, traballa desde o pasado mes de outubro no departamento de Xeografía e Xeoloxía da Universidade de León, tralo seu paso polo CSIC e pola Universidade de Santiago de Compostela. 

Os coñecementos de Alejandro Gómez no emprego de sensores RFID e drons, ferramentas esenciais na súa tese de doutoramento sobre a evolución da costa galega, lévano á súa primeira experiencia no continente antártico

Trátase da súa primeira campaña de investigación na Antártida e entre os meses de xaneiro e febreiro as súas responsabilidades centraranse no emprego das novas tecnoloxías para o coñecemento das variacións da capa de xeo no entorno das Shetland do Sur e as súas consecuencias. Os seus coñecementos no emprego de sensores RFID e drons, ferramentas esenciais na súa tese de doutoramento sobre a evolución da costa galega, lévano a esta nova experiencia no continente antártico.

O desenvolvemento da investigación pódese seguir puntualmente a través das redes sociais do proxecto, en Instagram ou en X. E tamén a través das contas persoais de Alejandro en X e en Instagram.

O proxecto Parantar desenvólvese nas illas Shetland do Sur ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.