Despois de infantil e primaria, todo o demais. O curso escolar 2011-2012 comezou no medio de intensas mobilización dos mestres e mestras dos primeiros niveis do sistema educativo contra a modificación da súa xornada lectiva polo impacto que, alertaban, o cambio normativo tería na "calidade" do ensino, esencialmente pola redución de número de profesionais nas aulas e pola, a efectos prácticos, obrigatoriedade de que moitos docentes se tivesen que ocupar de impartir materias para as que non estaban o suficientemente preparados. Ademais, engadíalles labores de "coidadores" alleos á docencia. Tras esa primeira modificación normativa a Consellería de Educación vén de recuperar a tendencia de achegar as súas decisións máis polémicas a períodos non lectivos, neste caso para estender as mudanzas da xornada ao ensino secundario e, ademais, ás ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas, así como aos programas de cualificación profesional inicial, ao bacharelato e á formación profesional específica.
Os docentes terán que impartir dúas horas de clase máis á semana e facerse cargo do alumnado ata o autobús
A nova normativa, aprobada o pasado 4 de xuño, publicada este mércores do DOG e que entrará en vigor o vindeiro 1 de setembro, estende a todo o sistema educativo público os trocos contra os que se rebelaron os mestres de primaria e secundaria. A partir do curso 2012-2013 a xornada semanal deste profesorado seguirá sendo de 37 horas e media, das cales 30 serán, como ata agora, de permanencia no centro e 23, con "horario fixo" no colexio ou instituto no que traballen. Pero o cambio chega no referido ás horas lectivas, isto é, ás horas nas que os docentes teñen que, obrigatoriamente, estar a impartir clase. Ata o momento a norma xeral era que estes labores ocupasen 18 horas e, só excepcionalmente, chegasen ás 20. Agora a excepción faise norma.
O outro punto da orde que desacouga especialmente a comunidade educativa é o referido ás horas de "garda", nas que se inclúe o control dos recreos pero tamén, e esta é a novidade, a "custodia do alumnado no período de tempo que transcorre dende a chegada do alumnado transportado e o inicio da actividade lectiva e desde que rematan as actividades escolares ata a saída do transporte escolar". Noutras palabras, os profesores e profesoras pasan a ser tamén coidadores e coidadoras e, a efectos prácticos, o 'recinto escolar' esténdese fóra dos límites dos centros educativos para chegar ás paradas dos autobuses. Polo tanto, os riscos de posibles incidentes, caídas ou atropelos estarán baixo a responsabilidade do mesmo persoal que imparte clases.
REFORMA DA XORNADA | Antes | Agora |
---|---|---|
Xornada semanal | 37,5 horas | 37,5 horas |
Permanencia no centro | 30 horas | 30 horas |
Horario fixo no centro | 23 horas | 23 horas |
Tempo lectivo | 18 horas | 20 horas |
Coidado ata o autobús | Non | Si |
Isto acontecerá nun contexto no que, como veñen alertando os principais sindicatos educativos, haberá menos profesorado nas aulas. Dado o aumento do horario lectivo serán precisos menos docentes interinos, os cales apenas serán chamados pola Consellería para cubriren baixas por enfermidade ou outros supostos semellantes, pero non para ensinaren durante períodos longos. Esta circunstancia, alertan, tamén redundará na calidade de todas as actividades que non son clases ordinarias, tales como as clases de reforzo, as adaptacións curriculares, os desdobramentos de aulas ou os laboratorios. Polo tanto, haberá grupos escolares con maior volume de alumnado nos que a atención ao estudantado con dificultades de aprendizaxe será máis dificultoso.