Espolian catro xacementos arqueolóxicos na Mariña

Castro de Fazouro CC-BY-NC-SA psychox27

A Asociación Mariña Patrimonio denunciou perante o SEPRONA o espolio e a degradación sufridos nas últimas semanas polos castros do Carreiro e Fazouro e nos xacementos da Pampillosa e de Estabañón.

O caso máis significativo é o do castro do Carreiro, en Foz, que foi catalogado o pasado mes de marzo, grazas ao traballo deste colectivo. O 25 de maio o Parlamento aprobou na Comisión de Educación e Cultura unha iniciativa da deputada Emma Álvarez encamiñada á protección, estudo e sinalización do xacemento arqueolóxico do Carreiro. O xacemento contaba con varios elementos arqueolóxicos á vista, coma os muros e unha roda de muíño. Mariña Patrimonio denuncia que a retirada do muíño debería ter sido realizada polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio, "pero lamentablemente actuaron antes os espoliadores que a Xunta, responsable da conservación e protección do patrimonio tal e como recolle a lei".

A asociación comenta que a destrucción do Patrimonio non se debe unicamente aos delincuentes cazatesouros, senón que ás veces unha práctica tan inocente como é a pesca con cana dende os cantís pode afectar a un xacemento cando os pescadores, por descoñecemento, desmontan e destrúen os muros das cabanas do castro para coller boas pedras que termen das canas. Mariña Patrimonio alerta de que estas prácticas están a mermar notablemente as estruturas do xacemento.

Así mesmo, a asociación denunciou que no castro de Fazouro (Foz), un dos máis emblemáticos da Mariña e sobre o que se están levando a cabo os trámites para ser declarado BIC, as pedras dos muros tamén están sendo aproveitadas polos pescadores e aprécianse claramente as escavacións dos espoliadores. Tamén advertiu sobre as accións dos cazatesouros no xacemento romano da Pampillosa (Foz) e no xacemento de Estabañón (Viveiro), onde os furtivos levaron a cabo escavacións.

O colectivo considera "especialmente graves" estes feitos e cre que poden ser constitutivos dun delito de danos ao Patrimonio cultural de Galicia.

Acción dos furtivos no xacemento da Pampillosa © Mariña Patrimonio
Roda de muíño desaparecida no castro do Carreiro © Mariña Patrimonio
Lugar no que se atopaba a roda de muíño © Mariña Patrimonio

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.