Estudar na universidade, un 50% máis caro para 'calmar os mercados'

Wert preside unha conferencia sectorial de Educación, fronte a Jesús Vázquez © Goberno de España

A tesoira sae da farmacia e métese nas aulas universitarias. E todo polos célebres mercados. O Ministerio de Educación deu este xoves luz verde aos gobernos autonómicos para que o acceso á universidade poida ser unha nova vítima das estritas normas de control orzamentario. "Non se trata dunha reforma do tema universitario", senón de medidas para "facilitar que as comunidades autónomas cumpran co obxectivo de déficit", explicaba abertamente a secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio -o ministro, José Ignacio Wert, non compareceu ante a prensa-, antes de dar conta de que as autonomías poderán subir ata un 50% as taxas universitarias en primeira matrícula, un "máximo" de 540 euros por curso académico que se poderán incrementar notablemente se os estudantes se teñen que matricular en máis dunha ocasión de cada materia por tela suspendido.

O Goberno central admite que non se trata dunha "reforma do tema universitario", senón dunha vía para controlar o déficit

Cunha argumentación puramente económica Gomendio detalla que o "grao de intensidade" da suba só dependerá do "esforzo orzamentario" que as comunidades teñan que facer para cumprir co déficit, aínda que a súa proposta é pasar do actual sistema, no que os estudantes pagan do seu peto o 15% do "custo real" da matrícula, ata un 25%. Pero se para o alumnado de primeira convocatoria o acceso á universidade xa se complicará notablemente -terían que afrontar o pagamento de ata uns 1.500 euros por curso-, nas sucesivas matrículas a permanencia no sistema será notablemente máis complicado. Na segunda matrícula terán que abonar "entre o 30% e o 40% do custo real", na terceira "entre o 65% e o 75%" e na cuarta, "entre o 90% e o 100%. Polo tanto, un alumno que tivese que matricularse por cuarta vez nun curso enteiro podería chegar a pagar ata 6.000 euros. Segundo a secretaria de Estado, os universitarios "reciben unha bolsa da sociedade" para cursaren os seus estudos e por iso teñen que ter "rendemento". "Se non é así, terán que tentar eles de cubrir o custo adicional".

Pero, ademais desa simbólica "bolsa da sociedade", que pasará coas bolsas reais que permiten acceder ao ensino superior aos alumnos con menos recursos? "As bolsas son un dereito ao que os estudantes teñen dereito", constata a alto cargo, e para acceder a elas seguirá "sendo primeiro requisito a renda familiar". Pero a súa contía non subirá ao mesmo ritmo que as taxas. Como a pelota da suba queda no tellado das autonomías, a das axudas tamén, polo tanto de subir ou non as bolsas "vaise responsabilizar" cada comunidade.

A finalidade última deste novo recorte non é outro que lograr que as autonomías dediquen menos cartos á universidade e máis a sanear as súas contas e contribuír, no conxunto do Estado, a un recorte educativo de 3.000 millóns. Para isto a tesoira tamén sairá a pasear noutros ámbitos do ensino superior, como a carga horaria dos docentes que non realizan labor investigador, uns cambios que o Ministerio tamén deixa en mans das autonomías.

A postura da Xunta

A Xunta limítase a explicar que "ten a intención de analizar a fondo a proposta ministerial"

E, que acontecerá en Galicia? Polo momento, dende San Caetano chegan escasas certezas. Tras a xuntanza entre Goberno central e autonomías, á que o conselleiro galego, Jesús Vázquez, non puido asistir á causa da anulación do voo que o trasladaba a Madrid, a Consellería de Educación limitouse a explicar que "ten a intención de analizar a fondo a proposta ministerial". A proposta de suba de taxas, evidencia a Xunta, "modularase dentro das marxes de manobra establecidas", "en función das posibilidades e abanos existentes e buscando o consenso" coas tres universidades galegas.

Fronte a esta indefinición sobre o asunto central da Conferencia de Política Universitaria, o Goberno galego si se estende en maiores explicacións para asegurar que "xa adoptou" boa parte das medidas que agora propón o Ministerio e que "redundan nun maior control da execución orzamentaria e dunha maior transparencia". Segundo o departamento de Vázquez, o Estado acaba de dar todo "un espaldarazo á política que vén executando a Xunta" e que "habitualmente contou co consenso dos reitores", asegura. Nesta liña, e aínda que o Executivo central non ofreceu excesivos detalles sobre a cuestión, a Consellería sinala que, diante dunha posible eliminación das carreiras con escaso número de alumnos, Galicia "xa regulamentou o número de titulacións cun número mínimo" de estudantes en cada grao, isto é, 50 para os campus da Coruña, Santiago e Vigo e 45 para os demais.

Wert preside unha conferencia sectorial de Educación, fronte a Jesús Vázquez © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.