Galicia contará co seu propio espazo en internet. A Icann (Corporación de internet para a asignación de nomes e números) aprobará en breve o dominio .gal dentro dun grupo de centos de extensións que serán validadas e co que se porá fin a un proceso iniciado xa en 2008. Será a vitoria logo de cinco anos de loita encabezada pola Asociación PuntoGal, unha iniciativa que leva tempo loitando por conseguir "para a lingua e a cultura galega un dominio propio en internet e, a través del, unha maior visibilidade e presenza do pobo galego na rede e no mundo".
A Icann vén de confirmar que anunciará nos vindeiros meses a validación de novas extensións, entre elas a '.gal'
O calendario da Icann prevé para estes vindeiros días a publicación dunha primeira quenda de solicitudes de extensións autorizadas. A Asociación PuntoGal confirma que o anuncio estaba previsto para antes deste verán, aínda que non coñece a data exacta. A quenda do dominio galego non é a primeira, pero si será autorizada de vez ao non ter obxección ningunha por parte dos organismos competentes, algo que si teñen outras candidatas e que podería atrasar o anuncio definitivo.
A candidatura galega "non recibiu ningunha obxección", polo que os seus promotores son "moderadamente optimistas"
"A candidatura do domino de Internet para a lingua e cultura galega non recibiu ningunha obxección por parte dos gobernos representados na ICANN -o ente que goberna a Internet- e xa deu varios pasos importantes cara a súa aprobación inicial", confirmou logo a Asociación PuntoGal nun comunicado, tras estimar que "antes de que remate o verán se coñecerá o resultado da avaliación inicial ao dominio".
A asociación aclara que a Icann vén de publicar a lista final de candidatos a novos dominios sobre os que pende algunha queixa formal e que, "co apoio de toda a sociedade galega a candidatura, o .gal non figura nesa lista". "Puntogal tampouco está na lista, publicada hai uns días, de candidaturas sobre as que os gobernos que participan na Icann expresan dúbidas, polo que logrou o apoio das administracións locais, autonómicas e estatais", destaca.
Ademais, ningún outro candidato solicitou as letras gal para o seu dominio e non hai ningunha outra candidatura para a lingua e cultura galegas. Con todo estes datos sobre a mesa, a Asociación PuntoGal é "moderadamente optimista sobre o veredito inicial" que emitirá a Icann sobre a candidatura para a lingua e cultura galegas.
O dominio podería estar dispoñíbel na Rede xa a finais deste ano 2013
Pero, cando publicará a Icann esta avaliación inicial do puntogal? "De acordo aos prazos anunciados polo organismo internacional, o resultado preliminar debe ser publicado nos próximos meses, en todo caso antes de que remate o verán", insiste a asociación, que pide "tomar con prudencia os prazos". A orde pola que se publican eses resultados iniciais está determinada polo resultado dun sorteo previo, no que .gal obtivo o posto 742 dos 1917 candidaturas. De superar esta avaliación inicial, poderíanse comezar os traballos para "tratar de que o dominio estea dispoñíbel na Rede cara ao final do presente ano".
Así, ás 270 extensións xenéricas e territoriais que existen a día de hoxe e internet, como .com, .es ou .net sumaranse outras moitas. Entre elas, .gal, .eus, .madrid, .barcelona, pero tamén .bike, .sport ou de empresas como .bbva ou .lacaixa.
O .gal, tal e como reivindica a asociación, "é o dominio que debe correspondernos como comunidade con fortes vencellos lingüísticos, culturais, históricos, sociais... unha especie de sufixo co que identificar en internet as páxinas escritas en galego e que, tendo en conta a nosa dispersión no mundo, non se circunscriba a un ámbito territorial concreto". A proposta foi defendida sempre como "tecnicamente viable e económica, social, lingüística e culturalmente rendible" e permitirá a Galicia encadrarse nos dominios de primeiro nivel esponsorizados.
A candidatura 'puntogal' contou co apoio de colectivos e asociacións, así como da Xunta
A candidatura puntogal contou sempre co apoio decidido de numerosas asociacións e colectivos a prol da cultura e da lingua galega, así como da Xunta de Galicia, tanto do goberno anterior coma do actual. En total, desde 2007 a administración autonómica achegou máis de 490.000 euros á Asociación Puntogal para o desenvolvemento das actividades necesarias para a presentación da candidatura. Deste importe, 213.000 euros corresponden ao convenio asinado en 2012 entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a asociación para financiar os custos de matrícula (145.000 euros), o aval esixido pola entidade, así como as accións de difusión e participación nas actividades que que o Icann e outras entidades vinculadas ao regulamento da rede celebrarán nos vindeiros meses.
Ademais, a Asociación PuntoGal comprometeuse diante da Icann a que, unha vez consolidado o proxecto, se reinvistan todos os beneficios en programas que fomenten o galego nas novas tecnoloxías. Así o fai xa a Fundació puntCat coa súa Obra Social dende hai tres anos.