Javier Pintor Elizalde é un dos asesores do CFR (Centro de Formación e Recursos) da Coruña, un dos organismos autonómicos que se encarga da formación do profesorado e de dotar os centros de ensino de recursos pedagóxicos. Malia os recortes sufridos, tanto en persoal como en recursos, considera que o máis importante é que os colexios conten cos orzamentos, recursos e asesoramento suficientes para desenvolver todas as iniciativas que a súa institución promove.
Que papel teñen os os centros de formación para o profesorado e en que momento se atopan?
Os centros de formación son fundamentais para un ensino de calidade, porque achegan coñecementos e promoven innovacións en proxectos desenvolvidos logo polo profesorado de todos os centros, grandes ou pequenos, das cidades ou do rural. Hai dúas partes nos CFR, porque somos centros de formación e de recursos e hai que diferenciar ben eses dous aspectos. No que se refire á formación, desde hai dous anos estamos sufrindo cambios significativos, que van cara a unha formación máis centralizada: isto explica a creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), que asume as funcións que tiñan antes os servizos centrais de formación, pero tamén as do antigo CFR de Santiago, que desapareceu e quedou englobado baixo esta estrutura que está iniciando a súa andaina. Ademais, até o ano pasado tiñamos asesorías específicas de área e agora témolas de ámbito, o que supón unha agrupación cada vez máis ampla. Malia que en ocasións se proxecta unha visión reducionista da formación, débese ter en conta que as actividades de formación non se limitan aos cursos senón que abranguen moitas máis modalidades formativas nas que o protagonismo recae directamente no profesorado dos centros educativos. A formación nin comeza nin acaba nos CFR, que deben ser entendidos como unha ferramenta para facilitar aos centros e aos profesores o seu labor.
Os sindicatos queixáronse varias veces da redución de asesores nos CFR debido aos recortes.
A redución de asesores nos CFR non foi moi ampla, en comparación con outras áreas educativas. Perdéronse algunhas prazas e asesorías significativas como a de bibliotecas escolares. Pero tamén é certo que unha parte desta redución foi absorbida polo CAFI. Ademais, o traballo non diminuiu senón que aumentou nalgunhas parcelas concretas como asesoramento Abalar, posta en marcha de seccións bilingües, coordinación de proxectos e plans de bibliotecas escolares… Ao ter máis centros adscritos e aumentar o traballo de xestión por diversas cuestións, isto dificulta que, en ocasións, non poidamos manter un contacto tan directo cos centros como sería desexable. Ademais, hai centros de formación que están con planteis moi insuficientes para poder desenvolver con maior eficacia a súa labor. O de Ferrol, por exemplo, é un deses casos, xa que non dispón de suficientes asesores cando abrangue unha zona tan ampla, que engloba moitos centros, moito alumnado e moitos profesores. En casos así a cousa si que é máis complicada.
"Procuramos manter un contacto permanente cos centros, pero é insuficiente porque cada vez temos menos tempo"
O que é máis importante no traballo dun asesor: as horas de despacho ou o contacto directo cos centros?
As dúas cousas son importantes: planificar, promover proxectos e coordinalos, pero tamén trasladar todo ese traballo aos centros. Os asesores procuramos manter un contacto permanente cos centros, pero segue a ser insuficiente porque cada vez dispoñemos de menos tempo para isto. O labor burocrático tamén nos quita moito tempo. Se non se insiste en liñas de investigación na acción, corremos o risco de ofrecer unha formación descontextualizada das necesidades reais dos centros educativos.
"Corremos o risco de ofrecer unha formación descontextualizada se non se insiste nas liñas de investigación en acción"
Cales son, daquela, as principais demandas e queixas que recibides dos centros?
A maior crítica é que as actividades que se fan en relación coa formación é que se cadra están un pouco afastadas da realidade das aulas. E é verdade que igual nos movemos nuns territorios un tanto utópicos. As aulas teñen cada vez máis alumnos, o que dificulta incorporar prácticas educativas innovadoras; e os centros cada vez dispoñen de menos profesores. Ademais, as realidades que propugnamos non valen para todo tipo de aulas e docentes, pois precisan de moita dedicación e nesa situación de masificación das aulas e redución de docentes non sempre é fácil para o profesorado atopar o tempo necesario para dedicarllo á formación. Por outra banda, ás veces a detección de necesidades non é a máis axeitada ás demandas: hai grupos de profesores aos que non chegamos e esa é unha eiva que habería que arranxar.
Teñen impacto real no profesorado as actividades de formación?
O principal dilema na cuestión da formación do profesorado é ese: coñecer e avaliar o impacto que a formación está tendo nas aulas. Hai moito traballo feito desde a Universidade, moitos estudos sobre este impacto da formación do profesorado na aula, pero igual habería que tomar medidas máis eficaces. É difícil medir o impacto dos procesos de cambio, e en educación aínda máis, porque os procesos no ámbito educativo hai que avalialos a longo prazo e normalmente búscanse resultados inmediatos.
Que se podería facer?
Hai algunhas cousas que se poderían facer: se cadra teriamos que retomar algúns modelos de formación que promovían maior reflexión sobre a práctica docente e que propoñían a elaboración dalgún material práctico de aula como requirimento para a superación da actividade formativa correspondente. Tamén hai que ver como van funcionar os novos modelos de plans de formación en centros que comezará o próximo curso: é un modelo interesante, que permite darlle continuidade durante 2 ou 4 anos a unha ou máis liñas formativas que deben contar coa implicación dun número significativo de profesores. Penso que poden xurdir proxectos eficaces que axuden a mellorar a calidade educativa xa que se conseguirá contextualizar máis adecuadamente as necesidades específicas de cada centro concreto.
Falta quizais unha maior divulgación dos avances en formación e das experiencias innovadoras e de éxito que se realizan nos centros de ensino?
Un dos labores dos centros de formación debe ser o de dar a coñecer e divulgar as experiencias innovadoras que hai nos centros de ensino, e que son moitas. Realmente facémolo, pero moitas das iniciativas son moi individuais e resulta difícil coñecelas: non temos medios para chegar a todo e non sempre dispoñemos de redes eficientes para compartir ese tipo de iniciativas. Ademais, quizais un bota en falta a celebración de encontros educativos de intercambio de experiencias xa que estes eran moi útiles para coñecer novas propostas didácticas nas distintas áreas de coñecemento. En realidade, hai un grupo amplo de profesores aos que chegamos moito, que soen ser os máis motivados e implicados, pero tamén existe unha parte que aínda non conseguimos involucrar.
"Boto en falta os encontros educativos e de intercambio de experiencias para coñecer e compartir as propostas didácticas"
Como cualificaría a introdución das novas tecnoloxías na educación, así como a capacitación dos profesores para aproveitalas?
As tecnoloxías son cambiantes e levamos moitos anos facendo diferentes actividades de formación, porque aínda que seguimos a chamalas novas tecnoloxías, realmente hai xa uns dez anos que comezaron a introducirse nos centros de ensino de xeito masivo. Cada vez o profesorado está máis formado, pero o nivel de capacitación aínda é moi dispar. As TICs son un medio máis que a escola ten que ofrecer obrigatoriamente a todos os alumnos, porque vivimos nunha sociedade cada vez máis dixital. Son unha ferramenta como os libros, os textos, as bibliotecas ou os laboratorios e un medio para achegarse a modelos de ensino e aprendizaxe que incorporan novos valores. Mais non deben ser concibidas como un fin en si mesmo e ás veces existe ese risco.
"Non é lóxico investir en encerados dixitais se os acabamos utilizando como os tradicionais de xiz"
Que opinión lle merece o proxecto Abalar?
O proxecto Abalar ten moitas cousas positivas porque se dota os centros de aulas con ordenadores, encerados electrónicos, conexión a internet... E o balance despois destes anos é bastante satisfactorio. Xurdiron nun principio problemas de tipo técnico ou de falta de tempo para adaptarse aos novos modelos de ensino: penso que estas dificultades se foron solucionando pouco a pouco, aínda que as dificultades sigan existindo. Pero o problema radica en que a tecnoloxía por si soa non soluciona todos os problemas que acaecen nas aulas. As tecnoloxías non teñen efectos máxicos sobre os procesos de ensino-aprendizaxe xa que non resolven moitas das dificultades que se lle presentan ao profesorado a diario. Non é lóxico investir en encerados dixitais se os utilizamos como os tradicionais de xiz. Se non se forma o profesorado, esas ferramentas non teñen sentido ningún Necesitamos facer un cambio metodolóxico importante na nosa práctica de aula con estes novos recursos tecnolóxicos que se nos presentan. Non hai que pensar nas TIC como un fin en si mesmas senón como un medio máis co que podemos transformar a práctica educativa. Debemos aspirar a que todos os centros dispoñan de aulas ben equipadas e con profesores formados suficientemente.
"Se non se forma o profesor, as ferramentas tecnolóxicas non teñen sentido ningún; precisamos un cambio metodolóxico na nosa práctica na aula"
Tamén hai outros recursos...
Moitas veces pensamos só nas TIC, pero tamén hai moitos outros recursos de grande importancia nos centros como as bibliotecas escolares, os ximnasios, os salón de actos, os laboratorios de experimentación... O profesor ten que estar formado para utilizar todos estes recursos e os centros de formación xogan aquí un papel fundamental.
Dicía antes que a redución en formación foi notable, pero non tan significativa como noutras áreas educativas. Ocorre algo semellante cos recursos?
Nestes últimos anos non sufrimos unha redución moi significativa, polo menos até o momento. Dispoñemos de menos recursos, menos persoal pero, en xeral, podemos seguir facendo moitas das actividades que faciamos antes e, ademais, debemos ter en conta que cada vez se realiza máis formación a través de plataformas dixitais. Os centros de formación precisamos algún recurso máis, pero o que me parece máis importante é a atención e o asesoramento aos centros e que estes teñan os orzamentos axeitados para desenvolver os seus proxectos. Hai que procurar que non mermen os orzamentos para formación xa que iría en contra da innovación e da mellora educativa. É máis importante iso que o feito de que o CFR teña, por exemplo, moitas aulas de informática.
"Os recortes son preocupantes porque implican máis traballo para os docentes e menos dedicación á formación"
As novas medidas da Xunta, que implican maior masificación das clases ou maior carga docente, que influencia terán sobre as actividades de formación?
Ese si que é un aspecto preocupante e xa empezamos a ver o novo panorama que están provocando os axustes. É unha realidade que a maior número de alumnos, maior traballo; e que se pretendemos que a calidade da educación vaia polo camiño que nos marca a UE, o profesorado terá máis dificultade para xestionar o escenario educativo e máis tempo de traballo en clase, polo que non vai poder dedicarse tanto como até agora a proxectos extraescolares. Poño un exemplo: a atención ás bibliotecas, que son un modelo de éxito no que o profesorado galego conseguiu crear unha rede de bibliotecas moi potente, efectiva, de grande impacto nos centros e de calidade. Debemos aprender destes éxitos e imitar estes modelos. Xa temos constancia de casos concretos nos que corre perigo a pervivencia dese tipo de proxectos e tamén hai profesores que xa se están a queixar porque esta carga docente impídelles reflexionar sobre a práctica educativa, propoñer modelos de mellora, formarse... Claro que pode afectar.