A Coruña é a provincia na que máis claramente se observa este fenómeno, con 106,4 liñas por cada 100 persoas, por diante de Pontevedra (101,6)
En Galicia hai xa máis liñas móbiles de telefonía que persoas. Os datos completos do ano 2023, publicados pola Comisión Nacional do Mercado da Competencia indican que no noso país están contratadas 2,75 millóns de liñas móbiles, por riba da cifra de habitantes (ao redor dos 2,7 millóns de persoas). A Coruña é a provincia na que máis claramente se observa este fenómeno, con 106,4 liñas por cada 100 persoas, por diante de Pontevedra (101,6).
Os indicadores da CNMC amosan en todo caso que as cifras da Coruña e Pontevedra están aínda lonxe da desproporción que se observa en Madrid (140 liñas por cada 100 habitantes), Barcelona (122) ou mesmo Valladolid (118). En Lugo e Ourense, en cambio, cunha poboación máis envellecida o número de liñas móbiles aínda non igualou a cifra de habitantes, pero non está lonxe (96 por cada 100 en Lugo, 94,7 en Ourense).
O número de liñas de telefonía móbil vén ascendendo de forma sostida en Galicia nos últimos 15 anos, pasando de 1,5 millóns en 2007 ás 2,75 millóns actuais
Como se observa no gráfico, o número de liñas de telefonía móbil vén ascendendo de forma sostida en Galicia nos últimos 15 anos, pasando de 1,5 millóns en 2007 ás 2,75 millóns actuais. En paralelo, tamén foi medrando o número de conexións de Internet de banda larga, que pasaron de 362 mil en 2007 a máis dun millón o pasado ano.
Ao longo deste ano 2024 espérase que o número de conexións de banda larga contratadas supere o número de liñas de telefonía fixa instaladas (aínda que moitas veces as dúas son ofrecidas en conxunto polas compañías). A cifra total de liñas fixas de teléfono mantense relativamente estable dende hai 15 anos, pero vén amosando unha lenta tendencia á baixa dende o 2019; dende entón desapareceron máis de cen mil.
Ao longo deste ano 2024 espérase que o número de conexións de banda larga contratadas supere o número de liñas de telefonía fixa instaladas
A CNMC ofrece tamén información sobre a evolución da implantación en Galicia das compañías que ofrecen os seus servizos de telefonía móbil, fixa e conexión de banda larga. Un mercado en expansión (no que atinxe ao móbil e a internet) no que asistimos nos últimos anos a unha feroz competencia por captar clientes a través de ofertas, contraofertas e mesmo fusións e absorcións para facerse cunha parte meirande.
Dende o 2019 o número de liñas fixas de teléfono descendeu en máis de cen mil
Así, por exemplo, no que atinxe á telefonía móbil, o pasado ano 2023 vimos como por primeira vez Movistar deixaba de ser a compañía con máis liñas contratadas en Galicia. Foi superada por MASMovil, que vén absorbendo nos últimos anos outras empresas, como Pepephone, Yoigo e, Euskaltel (que previamente adquirira a galega R). Dende este ano 2024, ademais, fusionouse con Orange para crear MasOrange, convertida na primeira empresa do sector.
MASMovil (que xa inclúe nos seus datos a clientela de R) converteuse o pasado ano na compañía con maior penetración en Galicia en móbil e Internet, por diante de Movistar
Este panorama de crecemento, competencia, absorcións e fusións vémolo tamén no mercado da banda larga, no que tamén MAS Movil vén de superar por primeira vez a Movistar, ao facerse coa clientela de R (que mantén a súa marca), que ata o ano 2021 fora sempre a segunda compañía con maior penetración en Galicia. Por detrás, Orange (agora dentro de MasOrange) e Vodafone veñen medrando, aínda que moi lonxe das cifras das empresas líderes. Tamén vén crecendo o número de fogares con conexións contratadas con outras compañías, que xa o pasado ano se achegaban aos 40 mil clientes.