Milleiros de estudantes saen á rúa en Galicia contra os recortes

Manifestación na Coruña CC-BY-SA CIG

Milleiros de estudantes do ensino medio e universitario saíron á rúa este xoves en diversas vilas e cidades de Galicia, especialmente en Santiago, para amosar o seu rexeitamento aos recortes levados a cabo polo Goberno central na educación pública. Fixérono no mesmo día dunha xornada de folga nos dous niveis educativos.

"Queremos estudar e non emigrar", berraron os manifestantes

Non aos recortes no ensino público foi o lema da principal das varias concentracións convocadas. As máis concorridas, as da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, que agrupa os colectivos do ámbito nacionalista, e que xuntou varios milleiros de persoas na manifestación que partiu da praza do Toural en Compostela e á que se acabaron unindo os citados pola Plataforma en Defensa do Ensino Público, que conta co apoio de CCOO e UGT, e que contou con menor apoio.

Uns e outros, xa agrupados, berraron “este decreto ímolo queimar” ou “quero formarme, non deformarme” en protesta contra os recortes, o incremento da ratio de alumnos por aula, a diminución das partidas para as bolsas de estudo e, principalmente, contra a suba das taxas universitarias. Ademais, os estudantes centraron tamén as súas críticas no conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, do que solicitaron a “dimisión” e ao que lembraron que queren “estudar e non emigrar”.

En canto ao seguimento da folga, o responsable nacional dos Comités, Daniel Candal, así como Diotino González, un dos voceiros da Liga Estudantil, aseguran que o paro "foi moi seguido" na Universidade de Santiago de Compostela, pero tamén na de Vigo. Ana Barxa, responsable de campus dos Comités na UdC cifrou o seguimento "entre un 80 e un 90%" nos centros universitarios e "maioritario" no ensino medio.

Durante a manifestación en Santiago, Ana Pontón, voceira parlamentaria do BNG, manifestou o seu rexeitamento a un decreto do Goberno que “agocha unha política desinada a desmantelar a educación pública” para acabar conformando “un modelo de educación elitista”. Pola súa banda, Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, pediulle ao presidenta da Xunta, Núñez Feijóo, que "recorra xa o decreto" e que "non o aplique" no país para poñer fin así "á liquidación dos servizos públicos". Ademais, o líder sindical censurou que o xefe do Executivo "presuma e se chulee de ter aplicado recortes con anterioridade". 

Precisamente, en opinión do presidente da Xunta tanto as manifestacións contra a suba das taxas universitarias como o resto de mobilizacións contra os recortes no ensino ou na sanidade non responden estritamente á inquedanza da cidadanía. Para Alberto Núñez Feijóo as protestas están "perfectamente previstas, preparadas e organizadas dende distintas sedes en todo o territorio" do Estado. Para apoiar a súa teoría o xefe do Goberno galego botou man, tras a xuntanza semanal do Consello da Xunta, dun "teletipo que acabo de ver" segundo o cal "na cidade de Zaragoza" se producen unhas "60 manifestacións ao mes". "En Zaragoza hai un alcalde do PSOE e un Goberno do PP e do PAR", evidencia.

Feijóo cre que as protestas están "perfectamente previstas, preparadas e organizadas dende distintas sedes en toda España"

Neste contexto Feijóo asegura crer "no sentido común de Galicia" aínda que di que estará "moi atentos á manifestacións no resto de España" e a "algunha" que "supón" que tamén haberá "aquí". Non obstante, o titular da Xunta asegura estar "satisfeito" coa "responsabilidade" dos axentes sociais en Galicia e, nomeadamente, gábase do "diálogo" que mantén coas centrais sindicais. "Respectamos as súas posturas, ás veces compartímolos e outras, non", pero, en todo caso, di, "eu dedícome a facer hospitais públicos" mentres outras autonomías os "pechan", "eu dedícome a seguir pagando facturas" e outras autonomías "teñen que estar sometidas ao rescate" do Estado. "Estes son os datos", afirma o presidente nun contexto no que, en calquera caso, "os que durante oito anos foron confeccionando esta situación non teñen lexitimidade para poñerse á fronte destas manifestacións". "Eu, non sería capaz de facelo", conclúe.

Pola súa banda, a Federación do Ensino de CCOO de Galicia valorou como "un xesto de forza" a xornada de mobilizacións e incidiu na importancia de "unificar as forzas para rexeitar de xeito unánime e contundente os recortes educativos, que só están encamiñados a deteriorar a calidade do ensino público".

Desde CCOO, que apoiou estas accións reivindicativas como organización integrada na Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia, cren que os estudantes e a comunidade educativa no seu conxunto rexeitan os recortes en educación impostos tanto polo Goberno central como polo autonómico. Machús Fernández, secretaria xeral da Federación do Ensino, salienta a disposición da sociedade a defender o dereito a unha educación pública calidade, polo que "as mobilizacións continuarán mentras a política educativa non modifique a súa implicación cos futuros traballadores e traballadoras".

 

Manifestación de estudantes en Santiago CC-BY-SA CIG
Manifestación de estudantes en Lugo CC-BY Xabier Bruña
Manifestación de estudantes en Ferrol CC-BY-SA Suso

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.