Morozov contra a inxenuidade de Internet

Evgeny Morozov © El Diario

Evgeny Morozov non é a persoa máis simpática do mundo. Non o é nas distancias curtas, onde o seu ton seco e brusco e a súa tendencia a non mirar aos ollos parece deixar claro que preferiría estar a facer mil outras cousas antes que charlar contigo, e non o é por vía escrita. A gran maioría dos seus tuits parecen ter o obxectivo de rir de alguén ou humillalo publicamente, e os extensos artigos que publica con frecuencia en grandes medios da prensa internacional (do New York Times a Le Monde Diplomatique ou Slate) adoitan ser variacións do mesmo argumento: hai alguén en Silicon Valley ou nalgún outro recuncho do mundo tecnolóxico cuxas ideas son ridículas, cando non directamente perigosas.

Con só vinteoito anos de idade, este bielorruso converteuse nunha voz esencial na discusión sobre o papel político de Internet e as súas capacidades para exercer transformacións positivas e duradeiras sobre a sociedade

Pero até os seus opoñentes máis acérrimos, coma o pensador das redes sociais Clay Shirky, non poñen en dúbida a súa brillantez intelectual e estarían dispostos a recoñecer que dalgunha maneira, Evgeny Morozov é necesario. Con só vinte e oito anos de idade, este bielorruso converteuse nunha voz esencial na discusión sobre o papel político de Internet e as súas capacidades para exercer transformacións positivas e duradeiras sobre a sociedade. Nun momento en que a visión progresista e politicamente correcta da Rede é que os seus efectos son universalmente beneficiosos e que non hai industria ou goberno que non sexa capaz de mellorar, Morozov asumiu o papel ingrato e augafestas de lembrarnos que nin as cousas son tan simples, nin hai que crer todo o que din os gurús.

Evgeny chegou a España a semana pasada para ofrecer dúas conferencias en Madrid e Barcelona nun momento de transición persoal. Hai máis de dous anos da publicación de O Desengano de Internet, o texto que o situou no debate de ideas sobre a Rede, e aínda faltan algúns meses para que chegue o seu novo título, polo que a conversa se fai complicada. Está aburrido de falar daquilo que o fixo máis famoso, e a súa charla no Círculo de Bellas Artes dentro do ciclo Ciberrealismo é a primeira ocasión en que debulla en público as ideas que contén To Save Everything, click Here. O seu próximo título é unha alegación contra o solucionismo tecnolóxico, a tendencia a pensar que non existe un problema que non teña solución se desenvolvemos unha tecnoloxía o suficientemente innovadora para resolvelo.

O seu próximo título é unha alegación contra o solucionismo tecnolóxico, a tendencia a pensar que non existe un problema que non teña solución se desenvolvemos unha tecnoloxía o suficientemente innovadora para resolvelo

A tese de O Desengano de Internet é a estas alturas ben coñecida: fronte ás visións utópicas que expoñen que Internet é unha tecnoloxía inherentemente democratizadora capaz de desencadear revolucións e que o ciberactivismo é a máis efectiva forma de acción política hoxe, Morozov expón que a Rede é tamén o mellor amigo das ditaduras totalitarias, capaces de controlar a vida dos seus cidadáns e monitorizar a súa actividade diaria nun grao de detalle que non era posible até agora. Igualmente as grandes corporacións tecnolóxicas, que frecuentemente se presentan a si mesmas como garantes da liberdade de expresión, non teñen problemas en colaborar con estas ditaduras se os seus intereses comerciais o xustifican. E en calquera caso Internet non pode ser ningunha panacea cando a autoridade controla a súa infraestrutura e pode limitar o acceso da súa poboación a esta, como vimos moi recentemente en Siria.

O perigo do Ciberutopismo para Morozov reside en que tanto gobernos democráticos coma activistas asumisen de maneira acrítica ese relato liberador da Rede. Por unha banda, fomenta un internetcentrismo que acaba situando a Rede e os seus modos de facer como modelo universal, como medida de todas as cousas.

As grandes corporacións tecnolóxicas, que frecuentemente se presentan a si mesmas como garantes da liberdade de expresión, non teñen problemas en colaborar con estas ditaduras se os seus intereses comerciais o xustifican

"Internet é unha fonte de comparacións e de metáforas que adoitan ser erróneas e que non xulgamos de maneira suficientemente críticaTendemos a celebrar o éxito de Wikipedia sen necesariamente comprender como funciona en realidade, rendéndonos aos relatos míticos da súa creación. E non é que de súpeto os impulsores de Wikipedia activasen un software que calquera podería utilizar e maxicamente apareceron os resultados. Fixo falta moito traballo organizativo, moito esforzo para desenvolver as normas adecuadas para que funcionase, e probablemente resultaría imposible recrear ese éxito no contexto doutros proxectos".

Entre os discursos que Morozov denuncia no seu novo libro está a noción en auxe de tecnoloxías intelixentes ou smart, que prometen solucionar, por exemplo, o caos da xestión urbana a través de sensores e redes de transmisión de datos que converterán automaticamente as nosas cidades en eficientes. Xunto a outros conceptos supostamente revolucionarias como a gamification, a introdución das mecánicas dun xogo no ámbito da empresa, ou a autocuantifiación -o rexistro metódico dos nosos hábitos para coñecernos mellor a través dos nosos propios datos- estas ideas son produto dunha ideoloxía que parece suxerir que non hai problema que non se resolva cunha app; que a capacidade dos emprendedores e as startups para mellorar calquera aspecto do mundo non ten fronteiras.

"Internet é unha fonte de comparacións e de metáforas que adoitan ser erróneas e que non xulgamos de maneira suficientemente crítica"

Morozov é crítico até o bordo do insulto co pequeno núcleo de gurús e analistas da tecnoloxía que producen e inflan estes discursos. A finais do ano pasado escribiu unha longuísima demolición da popular conferencia TED e o seu modelo intelectual, e publica regularmente críticas, de cando en cando positivas, das últimas novidades editoriais que celebran a capacidade de innovación sen límite que emana da Rede. "O problema está nun determinado círculo de pensadores que se protexen entre si e nunca se critican mutuamente. E tamén na baxísima esixencia intelectual deste medio; parece que na análise de Internet se permiten afirmacións que non se consentirían en ningunha outra disciplina".


"Esa cousa que chamamos Internet non existe"

"O problema está nun determinado círculo de pensadores que se protexen entre si e nunca se critican mutuamente. E tamén na baxísima esixencia intelectual deste medio; parece que na análise de Internet se permiten afirmacións que non se consentirían en ningunha outra disciplina"

Morozov detesta que o tachen de ludita inimigo da tecnoloxía. Parécelle unha caracterización fácil que non se corresponde nin coa súa actitude persoal nin coa súa posición intelectual. Mentres outros coñecidos críticos do ideario de Silicon Valley como Nick Carr ou Andrew Keen parten de posicións nostálxicas cando non reaccionarias, o proxecto do pensador bielorruso ten máis que ver con cuestionar e pór en solfa moitas das verdades que damos por universalmente recoñecidas sobre a natureza da Rede.

Para Morozov Internet máis que unha tecnoloxía é un mito, cunhas orixes históricas e políticas moi determinados, e mentres non sexamos conscientes deles estaremos encerrados nun paradigma erróneo. "Sobre a infraestrutura física da Rede, os cables e os routers, construímos unha criatura mítica á que dotamos de certas calidades. Algunhas delas reflicten certas ideas sobre a modernidade, a fin da guerra fría, a fin da historia, e tamén coa nosa fascinación por certos proxectos de éxito en Internet como Wikipedia ou o Software de Código Aberto. Por suposto ignoramos o número moito maior de proxectos que fallaron e que non afectaron ao noso mito sobre Internet".

Necesitamos outra maneira de entender este conxunto disperso de tecnoloxías distintas que agrupamos baixo a etiqueta a Rede? "Sería bo forxar outro concepto que non estivese enraizado en relatos míticos coma o ciberespazo, a dixitalización, ou a idea de que hai unha realidade online e outra offline. Todas esas ideas son produtos da historia, non verdades ontolóxicas sobre como funciona o mundo. E é horrible, porque lévannos a discusións bizarras coma se estar conectado é malo para o cerebro e estar desconectados é bo. Se mañá decidísemos deixar de pensar que existen estas categorías de online fronte a offline todo seguiría igual, o mundo non se pararía".

"O interese actual pola infraestrutura da Rede é boa noticia, o que pasa é que moita desa infraestrutura é invisible, porque está feita de código. Podes ver fotos dos Data Centers de Google pero non dos seus algoritmos, ou do seu código"

Con todo, até este escéptico sen límite ten que acabar aceptando que están a cambiar cousas sobre a nosa visión de Internet, probablemente para mellor. As máis recentes visións utópicas de Internet, como a idea da Nube, están a deixar paso a unha comprensión máis literal e materialista de que é a Rede en realidade. A publicación este ano das fotos dos Data Centers de Google, que mostraban por primeira vez en público como son as instalacións que manteñen os nosos servizos dixitais en funcionamento, supoñen un modesto fito. "O interese actual pola infraestrutura da Rede é boa noticia, o que pasa é que moita desa infraestrutura é invisible, porque está feita de código. Podes ver fotos dos Data Centers de Google pero non dos seus algoritmos, ou do seu código. Pero é san que nos esteamos afastando da retórica da nube e nos acheguemos a visións máis rigorosas de como todos eses cables están conectados."

Evgeny Morozov © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.