NetMundial: A Carta Magna de Internet terá que esperar

Un dos espazos de NetMundial © NetMundial

"Todos somos vítimas da vixilancia global. Dilma, estamos contigo". A pancarta irrompeu por sorpresa no auditorio do hotel Grande Hyatt de São Paulo o pasado mércores, mentres Dilma Rousseff, presidenta do Brasil, daba o discurso inaugural do encontro Net Mundial.

As persoas que termaban da pancarta e algúns dos presentes no auditorio ocultaban os seus rostros nese momento baixo máscaras de Edward Snowden, que revelou a espionaxe masiva da estadounidense National Security Agency (NSA). As revelacións de Snowden foron o motivo principal polo cal Dilma Rousseff convocou unha "Global Multistakeholder Meeting" (reunión global de personalidades) que servise para redefinir a gobernanza de Internet.

Tim Berners Lee, pai da web, suxeriu mesmo que en São Paulo podería nacer a creación dunha Carta Magna de Internet inspirada no Marco Civil que o Senado do Brasil aprobou un día antes do inicio de Net Mundial. Con todo, Wikileaks filtrou antes do NetMundial o documento que ía ser aprobado ao final do mesmo. Un documento no que non había rastro de críticas contra a vixilancia, a NSA ou as empresas cómplices da espionaxe.

A presión da sociedade civil tomou a rede durante os días previos a NetMundial. Activistas de todo o mundo, cunha intensa presenza de hackers brasileiros, puxeron en marcha a campaña #OurNetMundial e clonaron o site oficial do evento. Desde NetMundial.net lanzouse unha petición Pola fin da vixilancia global e por unha Internet libre.

Na petición reclamábaselles aos participantes oficiais de Net Mundial que incluísen no texto final un plan global concreto para crear "unha lexislación forte para protexer as liberdades, a neutralidade da rede, libre de mecanismos de censura e vixilancia global". Dilma Rousseff, se cadra presionada por unha campaña dixital que superara en redes á mensaxe oficial, pronunciou un ousado discurso no que fixo unha mención explícita á necesidade de protexer a privacidade dos usuarios.

NetMundial arrincou cheo de contradicións. Celebrado nun hotel de cinco estrelas, non dispuña apenas de espazos para a participación da sociedade civil e a tecnoloxía usada era esencialmente propietaria

Con todo, o encontro NetMundial arrincou cheo de contradicións. Celebrado nun hotel de cinco estrelas, no exclusivo World Trade Center de São Paulo, NetMundial non dispuña apenas de espazos para a participación da sociedade civil. A tecnoloxía usada pola organización era esencialmente propietaria. O sistema operativo Windows de Microsoft predominaba na maioría de computadores e pantallas do evento. Internet non funcionaba ben. E non había ningunha referencia ao software libre ou ás licenzas abertas en ningún documento.

"A cuestión de ter á sociedade civil que participa nun evento como mero oínte ten que ir cambiando", afirmaba o ecuatoriano Alfredo Velazco, nun corredor do Grande Hyatt de São Paulo. "Isto é un circo coas cartas marcadas. A sociedade civil non ten nin voz nin voto", aseguraba Alberte (nome ficticio), un activista brasileiro que distribuía máscaras de Snowden coa petición de #OurNetMundial dentro do Hyatt.

Un evento paralelo para a sociedade civil

O Goberno brasileiro, para dar tentar dar voz á sociedade civil, creou o evento paralelo #ArenaNetMundial no Centro Cultural de São Paulo (a uns 6 quilómetros do Hyatt). Polos debates do #ArenaNetMundial pasaron activistas, pensadores e persoeiros como Tim Berners Le, Jacob Apelbaum (Tor Projetct, Wikileaks), Gilberto Gil, Javier Toret (vinculado ao 15M), Claura Citali Murillo (YoSoy132, México) ou Sergio Amadeu (sociólogo brasileiro que defende fortemente a privacidade da rede).

O propio Julian Assange entrou vía remota nunha das mesas do día 24. "Ocupar Internet é ocupar a sociedade", afirmou Julian Assange. O ArenaNetMundial creou un espazo denominado Hub Brasil que conectaba diariamente durante uns minutos aos participantes da Area con NetMundial. Celebrou, ademais, algúns talleres sobre criptografía que nunca poderían ter lugar na oficial Net Mundial.

Con todo, algunhas voces criticaron a nula influencia do #ArenaNetMundial en NetMundial. Algúns activistas, mesmo acusaron ao #ArenaNetMundial de oficialismo. "Ativistas super empogados com a #ArenaNetMundial sem perceber que aquilo é um playground para nos afastar do combate", comentaba @JBeirute (unha conta vinculada a OcupaSampa) en Twitter.

Doutra banda, o grupo Saravá - que traballa hai unha década con tecnoloxías libres - denunciou publicamente que o Estado brasileiro estaba obtendo os datos dos seus servidores violando a privacidade: "Ironicamente, o mesmo Estado que hoje aprova o Marco Civil da Internet para proteger os/as usuários/as brasileiros/as contra medidas policialescas é aquele que justamente está contrariando na prática suas próprias diretivas".

Frustración co documento final

A maior frustación da sociedade, iso si, foi contra o documento final de NetMundial, a denominada Declaración de São Paulo. O documento, no canto de abrirse á sociedade, foi elaborado por un comité de alto nivel. Os participantes de Net Mundial puideron observar pero non comentar. Algúns, como Jacob Apelbaum, divulgaron as súas achegas nos seus propios documentos, dispoñibles online. E a sociedade civil presente no asediado Hyatt de São Paulo - un xigantesco dispositivo policial - divulgou un PAD aberto manifestando parte da súa decepción.

Cuba, India e Rusia mostraron oposición á declaración e o bloque Estados Unidos - Unión Europea torpedeou todo o proceso.

Doutra banda, houbo un duro choque de intereses entre diferentes países. Cuba, India e Rusia mostraron oposición á declaración. E o bloque Estados Unidos - Unión Europea torpedeou todo o proceso.

O propio Paulo Bernardo, o ministro brasileiro de Comunicacións, afirmou na rolda de prensa final que houbera forte diverxencias con Estados Unidos e a Unión Europea. A exclusión da neutralidade da rede da declaración foi apuntada por múltiples membros da sociedade civil como o principal fracaso de Net Mundial. O sociólogo brasileiro Sérgio Amadeu, unha figura clave na aprobación do Marco Civil do Brasil, denuncia que os lobbies das empresas de telecomunicacións "presionaron  e conseguiron debilitar o texto" e eliminar a neutralidade da redacción. A organización La Quadrature du Net cualifica o documento final de "feble, ineficaz e frustrante". Ademais, aseguran que non se critica frontalmente a vixilancia masiva e apenas se pide "máis diálogo". A Electronic Frontier Foundation asegura nun comunicado que Net Mundial "falla ao non crear salvagardas legais contra a vixilancia".

A pesar da frustación de boa parte da sociedade civil, o encontro NetMundial pode abrir unha nova era na xestión e gobernanza de Internet.

A pesar da frustación de boa parte da sociedade civil, o encontro NetMundial pode abrir unha nova era na xestión e gobernanza de Internet. Estados Unidos anunciou hai uns días a súa disposición a abrir a xestión dos dominios de Internet, o que reforza a importancia dalgúns puntos da Declaración de São Paulo.  A declaración recolle que "Internet debe promover dereitos humanos, como a liberdade de expresión e de asociación, a privacidade e o acceso á información". Doutra banda, convida a "diseminar padróns técnicos e arquitecturas de rede abertas e distribuídas".

O ministro Paulo Bernardo, na súa declaración final, convidou a continuar as negociacións na seguinte reunión do Foro Global de Internet (GIF), que se celebrará en Turquía. Con todo, organizacións como La Quadrature du Net e as redes que lanzaron a campaña #OurNetMundial, denuncian o "circo" do Foro Global de Internet e a inutilidade de institucións globais como  a International Telecommunication Union. A batalla por unha internet libre e pola construción dunha Carta Magna de Internet que inspire as réplicas do Marco Civil de Brasil parece que se xogará nas redes e nas rúas.

Un dos espazos de NetMundial © NetMundial

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.