O Museo estatal de Ciencia e Tecnoloxía inaugurarase na Coruña o 4 de maio

Edificio do Prisma de Cristal, que acollerá o museo Dominio Público Praza Pública

O Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) estará ubicado no edificio do Prisma de Cristal, no paseo marítimo da Coruña, e terá diferentes salas de exposición, das que abrirán seis: Sala Miscelánea, dedicada á teconoloxía; Sala Maiúsculas, con pezas grandes e emblemáticas; Sala Patrimonio, con “alfaias tecnolóxicas”; Sala Innovación Española, que analizará a investigación de onte e de hoxe; a Sala Iberia, co Jumbo Lope de Vega como estrela; e a Sala Expos Interinas, cunha exposición temporal sobre o teclado QWERTY.

O 1 de xuño producirase finalmente a apertura de portas ao público en xeral

Trala inauguración con autoridades do día 4, á que asistirán os príncipes de Asturias, o día 5 será de portas abertas no museo, coincidindo co XVII Día da Ciencia na rúa. Durante o resto do mes de maio realizaranse visitas para grupos previamente concertadas, e o 1 de xuño producirase finalmente a apertura de portas ao público en xeral.

Entre as pezas máis interesntes que se poderán ver no museo, destaca Quimera, un vehículo de gran tamaño mestura de tractor, camión e tren utilizado pola azucareira San Isidro de Antequera (Málaga) para o movemento de vagóns a mediados do século XIX. E por suposto a xa referida cabina do Boeing 747 Lope de Vega -o avión no que foi trasladado o Guernica de Picasso en 1981 dende Nueva York-.

A exposición temporal sobre o QWERTY repasará o proceso polo que a vella máquina de escribir evolucionou cara ao ordenador

Tamén a exposición temporal sobre o QWERTY: A evolución dunha especie tecnolóxica, que repasará o proceso polo que a vella máquina de escribir evolucionou cara ao ordenador, incorporando o teclado qwerty aos novos aparatos, "de maneira similar a como os réptiles derivaron nas aves". A exposición amosará como se poden atopar vestixios dos antigos teclados nos mandos das consolas de videoxogos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.