O rexeitamento á lei Wert chega á Eurocámara

Ana Miranda no debate sobre o ACTA na Comisión de Comercio Internacional do Parlamento © BNG

O Integrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo vén de aprobar unha declaración en contra do anteproxecto de lei de Educación do Goberno español e a través dunha declaración impulsada conxuntamente por un grupo de representantes da Eurocámara entre os que figura a eurodeputada do BNG Ana Miranda, Raül Romeva (ICV) e Ramon Tremosa (CiU).

O Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas pide a retirada da lei Wert por estar "marcado ideoloxicamente" e "ir contra a diversidade lingüística que propugna a UE"

Na declaración solicítase ao Goberno central que retire o anteproxecto por estar “marcado ideoloxicamente” e ir "en contra da igualdade e da diversidade lingüística que propugna a Unión Europea". Na iniciativa, o Intergrupo acusa o Estado español de “non querer mellorar os estándares educativos, senón de ter como obxectivo facer retroceder as linguas galega, catalá e vasca”.

A Eurocámara definiu en 2009 a inmersión lingüística como a ferramenta máis eficaz para o multilingüismo

Os autores da iniciativa destacan que o Parlamento Europeo votou en 2009 o informe Multilingüismo: un activo para Europa e un compromiso común, que define o sistema de inmersión lingüística como a ferramenta máis eficaz para promover o multilingüismo.

"Somos unha Europa multilingüe e o galego forma parte desta Europa”, destacou Ana Miranda durante a intervención parlamentaria, na que denunciou que o anteproxecto de Lei de Wert  “é un ataque frontal á realidade plurilingüística de Galiza, Cataluña e Euskadi, ademais de supor unha invasión das competencias das nacións con lingua de seu".

Neste sentido, o BNG xa ten solicitado a retirada da proposta lexislativa e a reprobación do ministro impulsor dun texto que cualifica de “centralista e retrógrado”. Pola contra, a formación nacionalista defende "un modelo educativo público, laico e de calidade, na que os alumnos podan aprender na súa propia lingua".

O Intergrupo de Minorías Nacionais e Linguas do Parlamento Europeo está formado por 55 eurodeputados e eurodeputadas representantes de 15 estados membros e da práctica totalidade das formacións políticas presentes na Cámara.

Ana Miranda no Plenario do Parlamento Europeo © BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.