O twitter en galego topa co Vaticano?

Twitter en galego Dominio Público Praza Pública

Ninguén dixo que fose ser doado. Podermos contar cunha versión de twitter en galego é un obxectivo polo que dende hai meses vén traballando a comunidade tuiteira galega, que demanda que o galego se sitúe ao mesmo nivel que outras linguas coma o catalán e o vasco. O proceso segue adiante, vai avanzando. Hai uns meses o galego foi incluído no Centro de Traducións e comezou o traballo de incorporación de termos na nosa lingua. Aínda que este labor está lísto, os promotores de Twitter en Galego levan semanas lembrando que agora o importante é que participen moitas persoas na votación das traducións propostas para cada termo. 

Este martes pola tarde chegou a publicarse no blog do servizo de tradución que o romanés e o galego foran incorporados. Porén, horas máis tarde a anotación era suprimida e o blog anunciaba que comezaba o traballo de tradución de Twitter ao latín

Dende comezos deste mes comezou un ruxe-ruxe que sinalaba que nalgún momento de febreiro Twitter podía dar o seu visto bo á versión galega. E de feito este martes pola tarde chegou a publicarse no blog do servizo de tradución que o romanés e o galego foran incorporados grazas á colaboración de toda a comunidade de tradutores. Porén, horas máis tarde a anotación era suprimida e o blog anunciaba que comezaba o traballo de tradución de Twitter ao latín. Non se sabe até que punto esta nova implica un adiamento na incorporacion do galego ou se a decisión ten que ver co proceso que o Vaticano vai iniciar para a escolla dun novo Papa, pero o certo é que nos últimos días sumáronse novos obstáculos nunha carreira na que non se lle están poñendo as cousas doadas ao galego.

Primeiro foi a detección dun intruso que durante semanas introduciu á mantenta traducións incorrectas. Esta persoa non tiña coñecementos da lingua galega, e o que facía era copiar outras traducións correctas e logo engadirlles signos ortográficos para distinguir a súa da do resto. Ademais, contaba con varias contas de usuario coas que votaba os seus propios termos e eliminaba as demais traducións correctas para que perdurase a súa. Finalmente, este martes o Centro de Traducións de Twitter sancionou este boicotador e suprimiu as súas achegas ainda que polo camiño tamén se perderon as opcións que el votara negativamente. Este episodio fai máis urxente ca nunca algo que os promotores de twitter en galego levan semanas lembrando: que se necesitan máis usuarios que validen e contrasten, isto é: que voten, as traducións ao galego propostas. Neste caso, ademais, hai que reparar os danos causados por esta persoa.

O Twitter en galego chegará, aínda que polo camiño se cruce o Vaticano ou un boicotador. Pode que sexa cousa de semanas, de días ou mesmo de horas. Pero parece que o único que se pode facer para acelerar o proceso é colaborar no proceso de votación das traducións ao galego

Twitter en galego Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.